VÍDEO | Así espallou o furacán Ophelia por Europa o fume dos incendios de Galicia e Portugal

Visualización da NASA do fume, po e sal mariño na atmosfera © NASA

Algunhas das múltiplas imaxes que sorprenderon a poboación durante as vaga de incendios do pasado outubro en Galicia non chegaban de territorio galego nin de Portugal, que nas mesmas datas loitaba tamén contra as lapas. Procedían do Reino Unido e de Irlanda, dende onde medios de comunicación e usuarios das redes sociais amosaban como o fume dos incendios do noroeste da península ibérica cubría o seu ceo. Aquelas alertas non eran unha esaxeración, senón unha das consecuencias do furacán Ophelia, o mesmo que espallaba o lume e complicaba a súa extinción nos montes galegos.

Mentres isto acontecía en Galicia e Portugal un equipo científico do centro espacial Goddard da NASA, o principal centro de investigación da axencia espacial estadounidense, traballaba nun modelo de visualización das diferentes partículas que viaxan pola atmosfera, "os aerosois", dende o 1 de agosto e ata o 1 de novembro. Os resultados dese traballo veñen de ser feitos públicos e amosan ás claras como o fume dos incendios galegos e portugueses chegou, efectivamente, ao Reino Unido, a Irlanda e a boa parte de Europa occidental.

Os satélites e modelos matemáticos da NASA permiten visualizar como o sal mariño, o po e o fume viaxaron pola atmosfera de agosto a novembro

Para realizar esta visualización a NASA empregou as imaxes e datos dos seus satélites e combinounos con "sofisticados modelos matemáticos que describen procesos físicos" de partículas de tres destes "aerosois": o po -de cor marrón nas imaxes-, o fume -de cor branca- e o sal mariño -de cor azul-. O vídeo completo, por baixo destas liñas, amosa tamén como o fume doutros incendios, os que afectaron a finais do verán ao Pacífico Noroeste, acabou chegando a Europa. Na dirección contraria, o furacán Irma fórmase nas costas africanas, os fortes ventos integran a sal mariña na treboada e o po do Sáhara cruza o Océano ata a América e mesmo chega ao Golfo de México.

"Ophelia levou o fume e o po a Irlanda e ao Reino Unido"

O caso do furacán Ophelia, advirte a NASA, foi moi "inusual", porque conservou o seu estado de tormenta tropical moito máis ao norte do habitual. Avanzou cara ao norleste, impulsou a poeira saharauí cara a Europa e, ao chegar á península ibérica, fixo o mesmo fo fume dos incendios. Así foi, conclúe, como "Ophelia levou o fume e o po a Irlanda e ao Reino Unido".

O incremento de capacidade dos ordenadores, avanza a axencia espacial estadounidense, permitirá que estas visualizacións fornezan os científicos no futuro de maiores detalles para estudar com "diferentes procesos" acaban encaixando e tornando nun "sistema". Trátase, ao cabo, de obter "un coñecemento máis profundo do planeta".

Dominio Público NASA's Goddard Space Flight Center

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.