0 Gardados para despois

Feijóo nega que o único encarcerado polos incendios só asase chourizos: “Trátase dalgunha cousa máis”

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O presidente insinúa que posúe máis información da que trasladou a Xunta ou os investigadores sobre o único dos tres detidos ata agora que está en prisión provisional tras queimar unha hectárea das 35.000 que arderon na pasada vaga

Hai cousas que saen por aí, dicindo que se o problema era se estaba asando uns chourizos ou non; me dá a impresión de que esa é unha información incompleta”. Así respondeu este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando se lle preguntou polo distinto trato da xustiza aos de momento tres únicos detidos como presuntos responsables de incendios forestais que afectaron a 5 das 35.000 hectáreas ardidas na última vaga, dos que só un deles está en prisión preventiva. Dese, do que os seus familiares e amigos aseguran que estaba a asar uns chourizos e se lle escapou o lume, Feijóo dá outra versión ata o de agora non desvelada nin polo xulgado nin polas forzas policiais: “Non se trata diso, se trata de algunha cousa máis”.

A Feijóo preguntóuselle este xoves, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, pola disparidade de criterio da xustiza ao manter en prisión provisional sen fianza ao autor supostamente confeso do incendio que o domingo 15 de outubro queimou unha hectárea no concello dos Blancos. O home, que fora identificado ese mesmo día pola Guardia Civil, foi detido ao presentarse ao día seguinte no cuartel. O xulgado que instrúe o caso decretou a prisión provisional sen fianza e a súa familia e amigos, e con eles varias organizacións ecoloxistas galegas coas que estaba relacionado o detido, relataron unha versión dos feitos na que é presentado como cabeza de turco.

O presidente pediu "que se informe axeitadamente" do caso, sen indicar se esa petición ía dirixida aos medios de comunicación ou ás fontes policiais ou xudiciais que ofreceron información do mesmo

“Supoño que o xuíz ten información para adoptar ese auto de prisión”, dixo este xoves Feijóo, que a continuación pediu “que se informe axeitadamente” do caso, sen indicar se esa petición ía dirixida aos medios de comunicación ou ás fontes policiais ou xudiciais que ofreceron información do mesmo. Segundo Feijóo, o incendio non se debeu a unha imprudencia por asar un chourizo senón que “se trata de algunha cousa máis”, sen aclarar cal. O presidente tamén criticou, novamente sen explicitar a quen se dirixía, que se relativice a gravidade dos incendios en función dos "amigos" de quen fose o suposto autor.

Estas declaracións do presidente prodúcense case tres semanas despois do inicio daquela vaga de incendios e sen que polo momento se puidese demostrar que os mesmos se deberon ao suposto “terrorismo” ao que o Goberno galego os vén atribuíndo. A propia Fiscalía lembrou que nunca se detectou ningunha trama incendiaria e os outros dous detidos tras a última vaga son dúas persoas de idade que supostamente admitiron as súas imprudencias. Os incendios que supostamente provocaron os tres suman só 5 das 35.500 hectáreas que segundo a Xunta arderon durante a vaga.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.