Os focos atribuídos ás persoas investigadas pola vaga de incendios suman 5 das 35.500 hectáreas ardidas

Área afectada por un dos incendios en San Cristovo de Cea Dominio Público MAPAMA

Nos primeiros días tras a vaga de incendios que, segundo as primeiras estimacións da Xunta, arrasou unhas 35.500 hectáreas de monte en apenas dous días de outubro, non foron poucas as voces expertas que apelaron á prudencia e a agardar pola investigación técnica e xudicial dunha problemática necesariamente "complexa". Mentres dende o Goberno galego se presentaba a tese do "terrorismo incendiario" como única admisible, figuras autorizadas na materia como o fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz, enxeñeiros forestais, persoal do dispositivo de prevención e extinción e mais estudosos do medio ambiente resaltaban a imposibilidade de reducir o acontecido a unha cuestión de orde pública, reflexión que as primeiras investigacións e detencións veñen constatar.

Este luns a Vicepresidencia da Xunta, da que depende a unidade de Policía adscrita á Xunta -a alcumada como Policía Autonómica-, informou de que este corpo viña de "esclarecer" o acontecido nun dos máis de 200 focos que, segundo sinalou o propio Goberno, se declararon durante a vaga. Foi, nomeadamente, un incendio "dunhas dúas hectáreas de arborado" que se atribúe a un home que nesa xornada, malia ás condicións de seca, calor e forte vento, decidiu facer "unha queima ao carón da súa vivenda" no concello de Brión, e o lume descontrolouse. Unha vez aclarado, os axentes puxeron esta "neglixencia" nas mans do xulgado de Negreira, que segue adiante coa instrución.

Nos tres casos os incendios foron produto de queimas neglixentes

Estas dúas hectáreas ardidas son a mesma superficie que se atribúe a quen ata esta semana era a última persoa investigada por incendios considerados como parte da última vaga. Trátase dunha muller de 73 anos considerada tamén autora dunha neglixencia por, igualmente, realizar o día 15 unha queima de rastrollos en Mos que deu en descontrolarse, conduta na que tamén incorrera cando menos en dúas ocasións anteriores -en 2013 e 2016- atinxindo a superficies aínda menores, segundo a Xunta.

As primeiras pescudas ratifican a dificultade para atribuír a autoría dos incendios que xa apuntaron diversas fontes expertas mentres a Xunta aludía ao "terrorismo incendiario"

A terceira persoa que as pescudas policiais ligan coa vaga de incendios é a única que foi enviada a prisión, un home de 55 anos autor dunha queima imprudente nos Blancos no propio día 15. O incendio queimou unha hectárea, pero o xulgado de Xinzo de Limia ditou prisión incondicional sen fianza aludindo aos artigos do Código Penal ligados aos incendios forestais e a aqueles focos que se provoquen en áreas próximas a vivendas. Familiares e amizades do detido, participante dende hai décadas en movementos ambientalistas, censuran que sexa tratado "como un terrorista" polo que foi unha neglixencia: "facer unha fogueira para asar uns chourizos" e que, ao descontrolarse, acabou queimando "a súa leira e un pouco do predio do lado". El mesmo, resaltan, comunicou o acontecido á Garda Civil.

Reproches de Rueda á oposición

O feito de que o Goberno galego teime en apelar ao "terrorismo" mentres as detencións ligadas á vaga só esclarecen o sucedido en 5 das hectáreas ardidas foi lembrado por En Marea, PSdeG e BNG o pasado luns durante a comparecencia na comisión de Orzamentos do Parlamento do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxo departamento ten a competencia en materia de Emerxencias. Toda a oposición censura que o Goberno galego limite a cuestión á orde pública e Rueda, no entanto, coida que estas acusacións levan as formacións da esquerda por un vieiro "perigoso", toda vez que "un pequeno incendio ás veces causa grandes desgrazas".

Rueda: "Non escoitará vostede á Xunta falar de tramas incendiarias, diso falábase na época do bipartito"

"Vostedes din 'queimou pouco'... Pero queimou e non se pode queimar, e é un delito", censurou na súa quenda de resposta, na que igualmente criticou que a estes grupos "lles pareza que algúns dos detidos son demasiado vellos". "Para que, para detelos? Para cometer delitos?", cuestionou. "Non se decatan de que esta mensaxe é o máis dañino que pode haber? Que perigoso e que demagóxico para non levar a ningunha parte boa, concluíu o vicepresidente.

En días pasados o propio Rueda cargou tamén contra as formacións da esquerda por atribuírlle ao actual Goberno que alimentase a teoría dunha trama terrorista que prende lume ao monte. "Non escoitará vostede á Xunta falar de tramas incendiarias, diso falábase na época do bipartito", asegurou o número dous de Feijóo. No entanto, o certo é que todos os Gobernos galegos alimentaron en diferentes etapas, dun xeito ou doutro, a virtual existencia desa trama nunca demostrada.

 

Un incendio preto das casas en Baíña (Baiona) CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.