0 Gardados para despois

A familia do detido por iniciar un incendio dá a súa versión: "Quéreno facer pasar por terrorista"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Os incendios que hai uns días arrasaron Galicia, queimando máis de 35 mil hectáreas de terreo, e dos que o Goberno galego responsabilizou ao que denominou "terrorismo incendiario", saldáronse cunha soa detención: un home de 55 anos -Miguel- que o domingo pasado levou a cabo de forma imprudente unha queima na súa leira no concello dos Blancos e que provocou un incendio dunha hectárea de extensión. O pasado xoves o xulgado de Xinzo de Limia ditou prisión incondicional sen fianza para o detido, que responderá por delitos relacionados cos artigos 352 e 353 do Código Penal. O primeiro establece que quen incendien montes ou masas forestais "serán castigados con penas de prisión de un a cinco anos" e o segundo refírese a posible risco para vivendas.

Sinalan que Miguel permaneceu "totalmente incomunicado" dende a súa detención -o mércores pola mañá en Vigo- ata este sábado, cando por fin puido ser visitado pola súa dona e fillas no cárcere de Pereiro de Aguiar

Este sábado os seus amigos e familiares quixeron denunciar a forma en que o home foi tratado tanto por parte da Garda Civil, do xulgado, coma dos propios medios de comunicación e amósanse "sorprendidos" pola forma "en que se esaxerou o sucedido". Sinalan que Miguel permaneceu "totalmente incomunicado" dende a súa detención -o mércores pola mañá en Vigo- ata este sábado, cando por fin puido ser visitado pola súa dona e fillas no cárcere de Pereiro de Aguiar, onde poderán velo de novo o vindeiro sábado. Explican que el é consciente de ter cometido un erro, unha imprudencia, pero critican que foi tratado, tanto en privado coma de cara á opinión pública "como un terrorista".

"Fixo unha pequena fogueira para asar uns chourizos. E a través dunhas herbiñas finas o lume comezou a estenderse coma se fose pólvora. Tentou apagalo, pero que de seguida quedou totalmente desbordado"

Manuel García, un amigo seu, conta para Praza que "eu falara con Miguel o domingo pola mañá. Díxome que marchaba a Soutelo a limpar a súa leira, para protexela do lume. Ese día amenceu medio nubrado e supoño que lle deu a sensación de que non había moito perigo". "Despois de traballar unha horas, parou para comer e fixo unha pequena fogueira para asar uns chourizos. E el conta que a través dunhas herbiñas finas que había no terreo o lume comezou a estenderse coma se fose pólvora", di. "Explica que tentou apagalo, pero que de seguida quedou totalmente desbordado. Mesmo perdeu o móbil e as chaves, que arderon. Rapidamente foi cara a vila, que está a uns 500 metros de alí, para pedir axuda. Atopou un paisano, contoulle o asunto e chamaron aos bombeiros, que viñeron e conseguiron controlar o incendio en pouco tempo", comenta. "Ardeu toda a súa leira, mesmo os castiñeiros que tiña e que tanto quería, e un pouco do predio do lado", engade. "Antes de marchar de volta para Vigo pasou polo cuartel da Garda Civil e deixou alí o seu carné, dicindo: 'eu fun o responsable disto, se hai que responder polo que sucedeu, aquí estou'", remata.

Ao día seguinte, luns, recibiu unha citación para que se presentase o mércores ás oito e media no cuartel da Garda Civil de Vigo. "Así o fixo e alí foi detido por catro gardas civís. Miguel, que traballa no xulgado, sabe que para deter unha persoa hai que ter unha orde xudicial, pola que preguntou. Acto seguido os catro axentes lanzáronse sobre el, reducírono, retorcéronlle os brazos, tirárono ao chan e esposárono. Tiveron mesmo que levalo ao hospital, onde estivo seis horas ingresado", afirma Manuel, o seu amigo, que subliña que "cometeu un erro, estaría descentrado e confiouse. Pero el foi voluntariamente á Garda Civil e non o poden tratar así. É unha persoa totalmente convencida da defensa do medio ambiente". "Ao día seguinte levárono ao xulgado de Xinzo. O seu avogado di que nunca viu cousa igual: tivérono menos de dez minutos, non lle deixaron nin explicarse, o fiscal berrando contra el coma se fose un terrorista, e inmediatamente ditaron prisión incondicional, sen fianza e comunicada, que ao final, na práctica, foi incomunicada. Estivo catro días incomunicado. Quéreno facer pasar por terrorista", denuncia.

"Cometeu un erro, estaría descentrado e confiouse. Pero el foi voluntariamente á Garda Civil e non o poden tratar así", di un dos seus amigos

A súa filla Sara puido visitalo na tarde deste sábado. Explica que seu pai "está moi mal, derrotado, moi triste. Chorou moito estes días. E dálle moita vergonza o que pasou, porque sabe que por un erro seu, por unha imprudencia, queimouse a súa leira e el está aí detido". "Nós estivémoslle dándolle ánimos, porque non é normal o que lle está pasando, todo o que se está montando ao seu redor, como o está tratando tanto a policía coma os medios de comunicación. E é incrible que o queiran condenar a tantos anos de cadea", di. "Todo o mundo que o coñece sabe que el quere a natureza e que nunca iniciaría un lume co ánimo de provocar un incendio", conclúe Sara. "Están tratándoo como un cabeza de turco. Queren poñer o foco no meu pai para tapar todo isto que pasou, a queima da nosa terra, unha terra pola que o meu pai leva toda a súa vida loitando", engade.

"Todo o mundo que o coñece sabe que el quere a natureza e que nunca iniciaría un lume co ánimo de provocar un incendio. Están tratándoo como un cabeza de turco", denuncia a súa filla

A familia e os seus amigos pasaron tamén este sábado pola leira que ardeu o pasado domingo. E contan que alí atoparon tanto as súas chaves e o móbil queimados, así coma os restos da fogueira que fixera e que iniciou o lume. "É dicir, hai un home detido e en seis días non se preocuparon de vir aquí a recoller probas, a comprobar se o que dicía era verdade ou era falso. Parece unha tomadura de pelo", critican.

 

O ecoloxismo galego pide que o detido non se converta "nun chibo expiatorio"

Nos últimos días algún medio de comunicación, como La Voz de Galicia, salientou o feito de que o detido fora fundador dun grupo ambientalista. En efecto, en 1981 foi un dos creadores do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL). Este sábado unha quincena de grupos ecoloxistas, entre eles ADEGA, Verdegaia e MEL e tamén a ducia de entidades que conforman a Federación Ecoloxista Galega, difundiron  un comunicado de apoio ao detido. No texto sinalan que as circunstancias que rodean a súa detención "causan preocupación en todo o ecoloxismo galego". "Miguel é unha persoa coñecida, valorada e querida de todas as persoas que ao longo dos anos noventa do pasado século activaron a loita social contra o a deterioración da natureza no noso país", din. E subliñan que "cando o ecoloxismo estaba case na súa infancia, Miguel mostrouse sempre como unha das persoas máis conciliadoras nas inevitábeis discusións á hora de facer valoracións e acordar estratexias de traballo. Xa neses momentos e como traballador dos xulgados de Vigo, asesorou en numerosas ocasións sobre a incipiente normativa ambiental".

"Agardamos que non se converta a Miguel nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando ao movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias", din

Afirman que "non sabemos o que aconteceu neste caso, mais non acreditamos que Miguel sexa un delincuente, e menos aínda un perigo potencial para ter que privalo de liberdade". "Todo indica que estamos ante un episodio de lume non intencionado" -din- que "en todo caso foi un incendio que el mesmo axudou a apagar e a limitar o seu alcance até ficar en testemuñal. E cómpre considerar que se trata dunha persoa que pola súa vontade e iniciativa cívica acudiu por dúas veces ao cuartel da Garda Civil". "Agardamos que en xustiza non se converta a Miguel nun chibo expiatorio desta catástrofe ecolóxica, para desviar a atención criminalizando ao movemento ecoloxista e así eximir das súas responsabilidades a quen ten as competencias sobre as políticas forestais, agrarias e de xestión do territorio", conclúen.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.