0 Gardados para despois

Axentes forestais: "A Xunta dixo que non mantiña o dispositivo por razóns orzamentarias"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Todos coinciden. Os bombeiros que loitaron contra o lume da pasada fin de semana advirten da "situación excepcional" provocada pola seca e as extremas condicións climáticas e na dificultade de combater unha vaga de incendios que chegou a ter máis de 200 focos importantes. Con todo, tamén insisten na necesidade de mudar a política forestal, nas numerosas eivas do dispositivo contraincendios e na descoordinación dos traballos contra as lapas. Unhas críticas que levan anos facendo e que exemplifican agora coa experiencia vivida nos momentos máis duros do sábado e do domingo. 

"Levamos anos criticando unha descoordinación que se repite e que se vai seguir repetindo"

"Levamos anos criticando unha descoordinación que se repite e que se vai seguir repetindo; traballamos intentando adaptarnos á situación, pero non temos políticos responsables que nos escoiten e actúen nin apoio institucional", di Miguel Uclés, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia e un dos que traballou na fin de semana nos incendios do sur de Pontevedra, tamén no dramático fogo de Chandebrito

O bombeiro vigués lembra que é "funcionario público, independente e sen condicionante económico ningún" e insiste nun sistema antiincendios "ineficaz" que "aumenta a gravidade dos sinistros". Advirte da atomización do dispositivo e da falta dun mando único, xa non só en xeral, senón mesmo na atención in situ dos grandes incendios. Por resumir, en Galicia actúan equipos de extinción dependentes dos concellos, de parques comarcais da Deputación xestionados por empresas privadas e da propia Xunta, ademais dos GES, da UME e das brigadas helitransportadas de firmas privadas. "Faise negocio cao xestión das emerxencias; dise que se poñen moitos cartos pero non chegan a onde teñen que chegar", insiste. 

"É unha loucura traballar con esa temporalidade porque o que precisas no monte é continuidade e experiencia"

Ademais, Uclés asegura que cada corpo "traballa illadamente" e denuncia que a coordinación que se debería facer a través do 112 "non se fai porque non ten capacidade nin a estrutura creada". Tamén fallou, segundo di, o pasado domingo. "Foi a guinda do pastel", engade, tras lembrar que houbo centos de profesionais "que deixaron de estar no monte en canto rematou o verán". "É unha loucura traballar con esa temporalidade porque o que precisas é continuidade e experiencia", engade. 

Precisamente, un deses 436 brigadistas do dispositivo da Xunta que rematou o seu contrato a finais de setembro e volveu ser contratado pasados dez días de outubro denuncia a situación. Prefire non dar o seu nome. Lembra que a maioría no seu colectivo son emisoristas, condutores de motobombas ou vixilantes que foron desmantelados a finais do mes pasado. E recorda tamén que o persoal de terra, do Seaga, "non estivo na súa maioría traballando ata o luns" logo de ser reincorporados tras a vaga da fin de semana.

"Que se saiba que a Xunta estivo en dúbidas de contratarnos outra vez ou non; acabaron chamándonos o día 11... O 27 de setembro, nunha reunión en Medio Rural, advertiuselle á Consellería da necesidade de manter o dispositivo pero a resposta foi que non, por razóns xurídicas e orzamentarias, por cartos, porque os orzamentos xa estaban pechados", explica quen se pregunta se "ten que haber grandes incendios ou mortes" para que a Administración se decate da falta de medios". "O servizo está abandonado porque din que sae moi caro, pero o caro de verdade é repoboar o monte e o impagable e irrecuperable son as vidas humanas perdidas", insiste indignado, para rematar: "Primeiro négannos seguir e logo piden voluntarios".  

"O servizo está abandonado porque din que sae moi caro, pero o caro de verdade é repoboar o monte e irrecurables son as vidas"

"Había moita xente de vacacións e reténs cunha ou dúas persoas cando deberían ser cinco; a conselleira dixo que se cubriran as baixas e as vacacións, pero é mentira", di, antes de que os sindicatos insistisen nesa versión. Ademais, relata como durante o domingo houbo momentos no que as ordes chegadas desde a Administración eran as de "salvar xente e casas" porque "non había suficiente persoal" para afrontar todos os incendios. "Sabiamos que había lumes de 50 e 60 hectáreas que non podiamos atender", explica. 

Ademais, pide que "rematen os bulos" sobre a suposta vinculación de brigadistas coa queima dos montes por casos illados. "Vivimos por e para o monte, amámolo e non queremos que se queime; moitos acudimos de voluntarios durante a fin de semana e nós estamos contratados haxa incendios ou non e nin tan sequera cobramos as horas extras", explica. 

O Concello da Coruña ofreceu os seus bombeiros ao mediodía e non foron solicitados pola Xunta ata a medianoite

Alén disto, ás críticas dos bombeiros únense as dalgúns concellos. O da Coruña, a través da súa concelleira de Seguridade, Rocío Fraga, sinalou que no mediodía do domingo puxéronse a disposición da Xunta desde o goberno local os efectivos do equipo de bombeiros pero a petición por parte da Administración autonómica non chegou ata a medianoite. Desde Pontevedra, o rexedor Miguel Anxo Fernández Lores, criticou tamén a "descoordinación" no operativo en Galicia tras desvelar que "ninguén" se puxo en contacto co parque de bombeiros da cidade para solicitarlles axuda e que a que prestaron foi por iniciativa propia. 

En Castilla y León, ademais, a Asociacion de Bomberos Profesionales da comunidade denunciou que varios efectivos e parques se ofreceron a participar no dispositivo en Galicia pero que a Junta non respondeu á solicitude. Desde o Eixo Atlántico, o seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, advertiu de que levan "catro anos propoñendo a creación dun centro coordinador das emerxencias conxunto" entre Galicia e Portugal para que, no caso de precisarse, se poidan dar instrución para que todos os recursos poidan entrar no país veciño a apagar un incendio e que a resposta sempre foi o silencio. "A Xunta nunca defendeu esta tese ante o Goberno central", rematou. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.