0 Gardados para despois

Un bombeiro na 'zona cero' de Nigrán: "En 2006 nós íamos ao lume, aquí o lume viña a nós"

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Chandebrito é unha parroquia de Nigrán cuns 500 habitantes. A tan só dez quilómetros do centro de Vigo, e na parte máis alta do municipio, linda coa parroquia de Camos, as viguesas de Coruxo e Valadares e a de Vincios, en Gondomar, outra das que máis ameazada viu as súas casas e veciñanza no pasado domingo pola vaga de incendios.

En Chandebrito morreron dúas mulleres de 86 e 78 anos, dentro da furgoneta nan que estaban sendo evacuadas. Decenas de veciños foron desaloxados das súas vivendas e acurralados durante horas polo fogo, xunto a varios policías chegados de Vigo. Un dos axentes relatou nunha carta difundida polo sindicato UFP o pánico sufrido, advertindo de que varios compañeiros xa "chamaran á súa familia para despedirse" ou mesmo "desenfundaran a arma regulamentaria" por se chegado o momento podían "morrer sen sufrir". Miguel Uclés, presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, foi un dos que traballou naquela localidade. Estivo durante as catro horas máis críticas e non dubida en cualificar o lugar como a "zona cero" do lume que asolou Galicia a fin de semana, polo menos de entre todos os focos que combateu durante 24 horas no sur de Pontevedra. "Foi moi duro, moi cru", conta quen lembra situacións de terror e medo, pero tamén de "dignidade" nunha xornada que lle lembrou, inevitablemente, á traxedia de Pedrógão Grande en Portugal. 

Miguel Uclés foi un dos bombeiros que combateu o lume en Chandebrito: "Foi a zona cero; moi duro, moi cru"

Uclés, bombeiro municipal de Vigo, estivo nesa vila portuguesa aos poucos días do incendio que acabou coa vida de 64 persoas. "A situación foi moi parecida á que vivimos en Chandebrito", relata, coa diferenza de que no país veciño a maioría dos falecidos quedaron atrapados polas lapas nunha recta a medio quilómetro dun pequeno núcleo de casas "onde tiñan que ter quedado". Na parroquia de Nigrán, como en Portugal, o "estrés" e o "pánico absoluto" engádense "ao fume que non deixa ver nada e ás insoportables temperaturas". Todo unido provoca que a xente "fuxa sen referencias" e intente "escapar dunha zona que pensa que vai arder seguro para intentar meterse nunha treboada de lume onde as posibilidades de sobrevivir son mínimas". 

"A situación que se viviu en Chandebrito foi moi parecida á que sufriron en Pedrógão Grande"

Nese labor de conducir ou manter a veciñanza nos sitios máis seguros -dentro do posible- foi na que traballaron durante horas Miguel Uclés e os seus compañeiros, coa axuda da Garda Civil e da Policía Nacional, 16 axentes que foron axudar desde Vigo a unha demarcación que corresponde á Benemérita. A falta de medios facía necesaria calquera achega. 

Segundo relata, Garda Civil e policía "tiveron a serenidade de manter a xente no centro da parroquia" e, co apoio dos bombeiros, todos esforzáronse en "limitar as saídas e entradas da localidade". Intentar escapar do lume por algunhas das pistas que comunican Chandebrito era meterse nunha trampa mortal. As dúas falecidas morreron ao intentar saír da aldea pola estrada que vai á parroquia veciña de Camos, por onde subían as lapas empurradas co vento do sur, que bateron con elas de fronte. Aí quedaron atrapadas.

"Foi unha situación excepcionalmente dura e dramática; puido morrer máis xente"

"Había moita xente cara a Fragoselo, en Coruxo, que escapaba querendo subir a Chandebrito e outra moita que facía o mesmo querendo baixar... Por sorte fomos conseguindo conter esas persoas porque, de seguiren, teríanse metido nun lugar imposible... Como en Pedrógão Grande, un labirinto de fogo", engade Uclés, que relata unha situación "excepcionalmente dura e dramática" e que non dubida ante unha pregunta. Puido morrer máis xente? "Si, claro". 

Coche queimado nunha estrada de Chandebrito (Nigrán)

Coche queimado nunha estrada de Chandebrito, en Nigrán / CC-BY-SA Praza Pública

Durante aquelas "catro horas críticas", Uclés conseguiu entrar tres veces no núcleo habitado de Chandebrito a través de distintas vías de acceso, todas elas bastante reviradas, e cun todoterreo. "Subindo por Fragoselo atopei unha caravana de coches que quería baixar por onde a situación era moi dura; pareinos e prohibinlles seguir", conta. Logo atopou xente que escapaba a pé: "Tiven que metelos no coche e levalos a unha zona segura".

Leiras intactas a tan só uns metros doutras arrasadas: o vento levaba as faíscas e provocaba novos focos separados por varios metros

Con todo, nunha situación de caos como a vivida, non todas as ordes foron as mesmas nin todas as persoas recibiron as mesmas instrucións. Víctor, veciño das dúas falecidas, relata como el e a súa famila decidiron "quedar no centro de Chandebrito, no alto de todo", malia as primeiras indicacións para evacuar o lugar. "Decidimos manternos alí e salvámonos", aseguraba o luns, cando xa se podían ver consecuencias do incendio que revelaban o incontrolado e caprichoso do lume. Entre as casas, leiras completamente arrasadas e outras, ao lado, intactas, como se alí non sucedese nada. O vento conducía as faíscas dun lado a outro e provocaba novos focos separados por metros, como bombas incendiarias. A casa máis achegada ao lugar onde faleceron Maximina e Angelina, a uns 200 metros, permanece hoxe intacta. O lugar onde quedou a furgoneta foi arrasado. 

Nesas condicións, era urxente evacuar persoas de avanzada idade nas vivendas afastadas do centro da parroquia, rodeadas de árbores e xa de lume. "Xente maior, con limitacións físicas e de mobilidade reducida, que intentan aguantar ata o último momento", explica Uclés sobre unha "situación dramática" de persoas que, nalgúns casos, "non entendían o que estaba a pasar". "É lóxico que a xente colapse, pero hai que ter moita paciencia e ir ao ritmo que se require". Todo mentras as lapas axexaban. 

"A xente chora por impotencia, pero segue en pé, non se derruba; hai drama pero tamén dignidade e enteireza"

Miguel viu pánico, medo e desesperación. E tamén bágoas, pero aclara que "a xente chora por impotencia, pero segue en pé, non se derruba". "En situacións excepcionais ves o mellor das persoas; hai moito drama, pero tamén un nivel de dignidade e enteireza que di moito do noso pobo", engade quen asegura que, en canto a incendios forestais, o vivido o domingo en Chandebrito foi "a peor experiencia" da súa vida profesional. "Traballei na vaga de 2006 e foi dramático, pero daquela nós iamos ao lume e desta vez o lume viña a nós; iso múdao todo", explica. 

Casa arrasada polas lapas en Camos, Nigrán, tras a vaga de incendios do domingo / CC-BY-SA Praza Pública

As condicións foron "excepcionais" e Uclés lembra que ao vento constante entre 30 e 40 km/h uníanse logo "refachos" provocados pola acumulación térmica que eran "como furacáns". Pero todo o acontecido, advirte, "era previsible". "Sabiamos que viña a tormenta perfecta e foi por iso que moitos bomeiros decidimos ir ao parque para axudar, non só en Vigo senón en toda Galicia", conta. 

Os refachos provocados pola acumulación de calor "eran como furacáns": "Sabiamos que viña a tormenta perfecta"

Malia o difícil da situación e as condicións climatolóxicas adversas, Uclés non aforra en críticas: "Púidose ter feito máis porque íamos descoordinados detrás do lume e non se pode ir con esa estratexia". "Debiamos ser conscientes de que isto podía suceder e dispor de recursos en prevención, ademais de actuar despois de forma coordinada e cunha estrutura piramidal", quéixase quen se pregunta "onde estaba o posto de mando avanzado" nunha das zonas máis afectadas. "Non había ningún posto que coordinara in situ, todo era desde as centraliñas e desde os despachos", advirte quen pide "autocrítica e pensar no que se fixo mal". 

"Non había ningún posto de mando que coordinara 'in situ', todo era desde as centraliñas e desde os despachos"

O alcalde de Nigrán, Juan González xa se queixara xa na tardiña do domingo, de que no seu municipio non contaran coa axuda de ningún dispositivo contra incendios forestais da Xunta. Actuaron con recursos propios, do GES ou doutros parques de bombeiros achegados, ademais de coa axuda da policía e da Garda Civil.

Miguel Uclés, tras todo o vivido, destaca a "honestidade" coa que actuaron os veciños de Chandebrito, así como os policías, gardas civís e todo o persoal de emerxencias que alí actuaron. E rexeita gabanzas de máis para os profesionais. "Temos que expoñer as nosas vidas e sabémolo, pero non somos heroes", engade, ao tempo que espera "ir asimilando" o ocorrido "nos vindeiros días, semanas ou meses". "Aquí non hai superheroe ningún", remata. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.