0 Gardados para despois

Os sindicatos dos bombeiros forestais esixen a dimisión da conselleira do Medio Rural

Redacción | @prazapublica

Os principais sindicatos do colectivo de bombeiros forestais da Xunta veñen de reclamar a dimisión da conselleira de Medio Rural e do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, pola súa "manifesta incompetencia na xestión do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais na vaga de lumes destes últimos días e por "falsear datos no Parlamento". 

Os sindicatos piden a marcha da conselleira e de Fernández-Couto pola súa "manifesta incompetencia na xestión" e por "falsear datos no Parlamento"

Segundo aseguran CIG, CCOO, CSIF e UGT nun comunicado, a conselleira Ángeles Vázquez "faltou á verdade" na súa comparecencia no Parlamento por "falar de 5.600 efectivos que loitaron contra o lume durante outubro" e por aludir a unha “cantidade de efectivos histórica” ao cubrirse baixas e vacacións do persoal. Segundo as centrais, "a realidade é ben distinta" e esas cifras "non son reais" aínda que se "vendan moi ben politicamente á cidadanía". 

"Ano tras ano, no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) aparecen os mesmos datos; no entanto, non todos os concellos de Galicia subscriben os convenios coa Xunta cada ano", aclaran no comunicado, onde se preguntan como pode ser posible que todos os anos os datos sexan iguais e que se fale de 5.600 efectivos "cando houbo administracións locais onse se rematou o día 30 de setembro a prestación de servizo" ou "cando non se cobren as vacantes, baixas e vacacións do persoal propio da Xunta". 

"A maioría de brigadas de bombeiros forestais da Xunta de Galicia están incompletas", denuncian

Os sindicatos advirten de que "a maioría de brigadas de bombeiros forestais da Xunta de Galicia están incompletas" e instan a certificalo na "gran cantidade de prazas vacantes e por baixas médicas ou vacacións ordinarias que están sen cubrir".

"A conselleira volve faltar á verdade, dicindo que se cubriron baixas e vacacións durante o mes de outubro", din os sindicatos, que aseguran que se non se fai é polas "cuestións orzamentarias" ás que alude o Goberno galego e polas que "nunca se quixeron cubrir esas baixas e vacacións na Consellería do Medio Rural" mentres si se facía, segundo denuncian, en Política Social. "No mes de outubro, e despois de verse coa auga ao pescozo, só se cubriron 21 prazas entre vacacións e baixas médicas, o que supón un 10% do total", insisten.

As organizacións sindicatis negan que se cubrisen baixas e vacacións durante o mes de outubro e negan que houbese 5.600 efectivos

As organizacións sindicais aseguran que advertiron á consellería da falta de medios xa en agosto, ademais da "situación de risco e extrema gravidade" que se podía producir se a climatoloxía non acompañaba a causa do gran incendio de Vilamaior, onde se tivo que cortar a autovía A52. 

Ante todo isto, os representantes dos traballadores esixen que se faga unha "auditoría independente onde se cuantifique o dispositivo real do Servizo Público de Prevención e Extinción de Incendios Forestais", que se "aclare a toda a cidadanía canto se está gastando en extinción de incendios e canto en prevención" e que se cifren os millóns de euros que se "gastan en medios aéreos, mecánicos e humanos xestionados por empresas privadas destinados a extinción".

"É vergonzoso que a Xunta "intente tapar a súa responsabilidade tras supostas tramas incendiarias e mafias organizadas"

Para os sindicatos, é "vergonzoso" que a Xunta "intente tapar a súa responsabilidade tras supostas tramas incendiarias e mafias organizadas" e advirten,  uha vez máis, "dun mando único debilitado pola fragmentación do dispositivo, desorganización e falta de medios". "Lamentablemente, incendios sempre os houbo e de seguro seguiremos a sufrilos, algúns provocados e outros non. Éobriga dos responsables do dispositivo  previr e minimizar os seus efectos", engaden tras criticar un "modelo de xestión forestal obsoleto, o mesmo dende hai 30 anos" e da falta de medidas ante un "evidente cambio meteorolóxico" que provoca que non só se concentran unha gran cantidade de incendios durante os meses de verán, así como "unha regresión demográfica no medio rural, o abandono das explotacións agrogandeiras, a proliferación de infraestruturas nos montes que favorecen o incremento de visitantes, a escasa valoración do monte por parte da sociedade, a desaparición de masas naturais de árbores autóctonas caducifolias, a diminución do pastoreo ou o uso neglixente do lume como práctica cultural na agricultura". Todo isto, din, "an que sexa necesario un cambio de modelo forestal". 

Así, apostan por un dispositivo "100% público e baseado na prevención e nas emerxencias, cun colectivo de traballadores estable durante os 12 meses do ano e non baseado na extinción, vixilancia e detección durante tres meses na época estival".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.