0 Gardados para despois

"Investir máis en prevención do lume e noutro modelo para o rural permitiría cambiar a situación"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O biólogo Serafín González Prieto, investigador do CSIC, é presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A entidade leva case dende comezos dos anos 80 sinalando algunhas das causas estruturais dos incendios que nas últimas décadas veñen afectando a boa parte de Galicia de forma moi importante. “Os lumes non teñen unha única causa (e moito menos a do “terrorismo” ou a dos “inimigos de Galicia”) senón moitas, orixinadas na mesma poboación galega, tanto do campo coma da cidade", dicían xa en 1983. Nestes días, pouco despois da enésima vaga de lumes, a entidade repite o diagnóstico e a análise tantas veces realizada e ofrece a súa colaboración e recomendacións á hora de levar a cabo actuacións de recuperación dos espazos queimados. Así mesmo, pide un acordo entre todos os sectores implicados e todos os partidos para "abordar este problema dun xeito novo". E deixa unha pregunta: que resultado obteríamos se, en lugar de en extinción, investísemos cada ano millóns de euros en prevención, sensibilización e no desenvolvemento social e sostible ambientalmente do medio rural?

"En vez ir á base do problema, estámonos perdendo pola parte de arriba das lapas: estamos falando sempre de extinción"

A SGHN ten analizado moitas veces a problemática dos incendios forestais en Galicia, facendo un chamamento a combater as causas estruturas do lume. Dáche a impresión de que despois desta última vaga de incendios as propostas de solución e os debates dominantes nos medios de comunicación, no Goberno e na sociedade volven incidir en aspectos secundarios, sen ir a esas cuestións de base?

Dígocho cun símil: se ti colles un extintor, nas súas instrucións podes ler “dirixir o chorro á base das lapas”. Á base, non á parte de arriba. Aquí temos un problema de incendios forestais e en vez de dirixir as actuacións á base do problema, estámonos perdendo pola parte de arriba das lapas: estamos falando sempre de extinción, gastando máis en extinción, e preocupándonos pola extinción todo o tempo. Pasamos do equivalente a 60 millóns ao ano en 1990 a máis de 170 millóns ao ano na actualidade. E seguimos tendo o mesmo problema, porque non estamos a intervir na elevadísima actividade incendiaria que está detrás de máis do 90% dos lumes en Galicia.

"O Goberno dedícase a pagar anuncios a toda páxina nos xornais falando de terroristas, mentíndolle á xente outra vez"

Os lumes en Galicia, por razóns climatolóxicas e de vexetación, non se correspondían coa situación actual nin en número nin en extensión nin en recorrencia dos incendios nunha mesma zona. Son consecuencia da actividade humana. Pero aquí hai que aclarar o da actividade humana, porque o Goberno dedícase a pagar anuncios a toda páxina nos xornais falando de terroristas, mentíndolle á xente outra vez. Disto xa se falaba hai décadas, pero o primeiro que aproveitou moi ben o termo foi Romay Beccaría, que cando lle foron mal as cousas en extinción comezou a falar de que había unha conspiración. Levamos 35 anos de forte actividade incendiaria e ata agora non se atopou nin un só indicio de que exista unha trama, unha organización para plantar lume ao monte. Lamentablemente levará tempo contrarrestar os efectos desta campaña de intoxicación da opinión pública con publicidade pagada pola Xunta de Galicia.

Quen lle planta lume ao monte, entón? E con que motivación ou motivacións diversas?

Son sempre xente que vive preto dos incendios: todas as persoas que foron collidas prendendo lume vivían nas proximidades. Os fins son múltiples; todo isto arrinca hai 6000 ou 7000 anos cando en Galicia, coma noutras zonas, comezouse a utilizar o lume como ferramenta agrícola e gandeira, que se mantivo ata a actualidade. A partir dos anos 60 ou 70 prodúcese o fortísimo cambio no medio rural galego: cada vez hai menos xente, cada vez de máis idade, hai un abandono de terras, un cambio de uso do solo e unha plantación masiva de piñeiros e eucaliptos. A xente segue empregando o lume como ferramenta, pero cada vez estas persoas son menos capaces de controlar ese lume, pola súa idade e por unhas condicións diferentes do medio: as grandes masas continuas de piñeiros, de eucalipto ou de mato, toda vez que desapareceron as áreas de pasto ou cultivos que servían de devasa natural. Dende a SGHN difundimos estes dous mapas, que para nós son moi significativos: de toda a Europa Atlántica, os lugares que máis arden son aqueles -Galicia e Norte de Portugal- nos que se produciu un maior despoboamento e envellecemento en zonas rurais.

"A xente segue empregando o lume como ferramenta, pero cada vez son menos capaces de controlalo, pola súa idade e por unhas condicións diferentes do medio: as grandes masas continuas de eucalipto ou de mato"

Estes días dixéronse moitas cousas erróneas, tamén sobre este tema de quen queima o monte. Unha delas é que os montes se queiman para recualificalos. Ademais de que iso non é posible legalmente, agás que teñan unha autorización especial da Xunta, a realidade é que na maior parte das zonas que se queiman non hai xente, polo que non hai interese urbanístico. Por outra banda, como se detivo hai unhas semanas un brigadista acusado de ter iniciado algúns lumes, como consecuencia volveu dicirse aquilo de que as brigadas queiman o monte para poder ter traballo. Aí hai que ser moi prudentes, porque en todos os gremios pode haber excepcións e pode haber ovellas negras. Do mesmo xeito que pode haber un policía que axuda ao tráfico de drogas, pode haber nos equipos de extinción unha persoa así, pero iso non se pode xeneralizar a todo o colectivo, xente que se xoga a vida no monte. Outra cousa é que haxa empresas, que as hai, que se benefician do lume, deste modelo de incendios e de gasto en extinción, pero ese é outro tema. É inxusto cargar isto sobre os traballadores.

"Na actualidade un dos grandes problemas que temos son os lumes iniciados para conseguir pastos para a gandería nas zonas de montaña de Ourense, no sur de Lugo e nas serras interiores de Pontevedra"

Hai dous grandes problemas fundamentais, polo tanto. Que a xente segue prendendo lume no monte e que o monte é moito máis combustible. Reduciríase a incidencia dos incendios favorecendo outro tipo de usos do territorio: agrícola, gandeiro...?

A gandería extensiva, se se fai ben, axudaría moito. Pero se se fai ben, porque na actualidade un dos grandes problemas que temos son os lumes iniciados para conseguir pastos para a gandería nas zonas de montaña de Ourense, no sur de Lugo e nas serras interiores de Pontevedra. Pero cos coñecementos que hoxe temos, poderíase facer unha explotación gandeira en extensivo, vencellando as axudas públicas á non utilización do lume.

"Se investimos cada vez máis en prevención e noutro modelo para o rural: fixar poboación, darlle calidade de vida..., iso debería permitir cambiar a situación a medio prazo"

É posible reverter a situación de abandono e despoboamento do rural? 

Entre as declaracións que escoitei nos últimos días por parte do Goberno que máis me chamaron a atención está a de que estabamos a loitar contra “o imposible”. Non podemos admitir que sexa “imposible”; noutros sitios non sucede, así que aquí teremos que cambiar cousas para que tampouco sexa así. Os orzamentos destinan 170 millóns de euros ao ano para extinción e outros 169 millóns ao ano ao Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2010. Se collemos os cartos dese plan para facer unha aposta clara cara ao desenvolvemento sustentable do medio rural dende o punto de vista social, económico, ecolóxico e demográfico, as cousas poderían ser diferentes. Sobre todo se, ademais, en vez de gastar eses outros 170 millóns de euros ao ano en extinción, fóramos progresivamente cambiando a dinámica, investindo cada vez máis en prevención e noutro modelo para o rural: fixar poboación, darlle calidade de vida... É dicir, investir en algo produtivo, porque a fin de contas gastar en extinción é queimar os cartos. Iso debería permitir cambiar a situación a medio prazo.

"Levamos décadas con este problema. Cando houbo unha campaña de pedagoxía e divulgación? A todos os niveis, refírome, non só para a rapazada, porque non son os rapaces os que plantan lume"

Esa "cultura do lume" combátese con pedagoxía, con educación?

Esa é outra cousa, si. Non sei canto custou a publicidade institucional pagada pola Xunta estes días. Imaxina que en vez de facer esa publicidade falsa e tendenciosa, ese esforzo se tivese dedicado a explicarlle á xente de verdade cal é a magnitude do problema dos lumes en Galicia e cales son as súas consecuencias sociais, para a saúde da poboación, para o medio ambiente, para a terra, para a auga, para a fauna... Levamos décadas con este problema. Cando houbo unha campaña de pedagoxía e divulgación? A todos os niveis, refírome, non só para a rapazada, porque non son os rapaces os que plantan lume. Habería que ter unhas campañas específicas para nenos, para adultos, para o medio rural, para o medio urbano... Como esperamos que cambien as cousas se non facemos nada para que muden? A Xunta dispón de medios de comunicación públicos e, ademais, cando quere pon publicidade nos medios privados: esa é unha vía para facer unha campaña de divulgación específica.

"O perímetro de protección que de acordo coa Lei de Montes habería que desbrozar cada ano é próximo ao 5% da superficie total de Galicia. Iso é economicamente inviable e ecoloxicamente non sería desexable"

Despois de cada vaga de lume repítese que todo sería diferente se os montes estivesen "limpos", referíndose iso ao desbroce do mato. É isto posible economicamente? É desexable ambientalmente? E, en calquera caso, é a base do problema?

Non, non é a base do problema. Porque ademais cando se fixo a Lei de Montes sospeito que ninguén se preocupou de facer uns mínimos cálculos. Porque entre estradas, autoestradas e vías comarcais, municipais, etcétera, en Galicia hai máis de 40 mil quilómetros de vías de circulación. Se temos que desbrozar esa superficie ao longo de todas elas, podemos facer unhas contas da superficie total e veremos canto é e cando custaría. Ademais, Galicia ten a metade dos núcleos de poboación de toda España, ten máis de 900 mil parcelas edificadas. Se botamos o cálculo do perímetro de protección que de acordo coa Lei de Montes habería que desbrozar cada ano, o resultado é próximo ao 5% da superficie total de Galicia. Iso é economicamente inviable e ecoloxicamente non sería desexable. Como non é economicamente viable, que se está a facer? Pois en vez de desbrozar a carón das estradas, botan herbicidas tóxicos, que teñen efectos ambientais moi negativos e que ademais deixan toda a vexetación seca, combustible á espera de que calquera accidente ou calquera persoa prenda lume.

Se nove de cada dez lumes son de orixe humana, haberá que intervir aí, con educación, o que permitirá reducir os incendios á decima parte. E, daquela, poderíamos actuar doutro xeito. Despois hai que dicir que no monte non hai maleza; ás veces hai suciedade, pero é o lixo que a xente deixa ás veces, pero a maleza é vexetación, é un ecosistema. Hai que facer desbroces selectivos, en determinados lugares, pero desbrozar cada ano o 5% da superficie de Galicia é imposible e tampouco é desexable.

"Grandes zonas da provincia de Ourense levaban semanas ardendo, con incendios que afectaban á Serra do Xurés ou ao Macizo Central. E destas zonas esquécese sempre todo o mundo: a Xunta, os partidos e os medios"

En 1985 a SGHN criticaba nun documento "a sorprendente pasividade coa que a sociedade galega contempla este fenómeno". Seguimos asistindo con pasividade ante este problema?

Este xoves tiven unha charla en Vigo. A última imaxe que puxen foi esa frase dun documento que publicara a SGHN en 1985, que lamentablemente segue a ser certa. Porque a administración non se preocupou de facer campañas de información e, pola contra, fai campañas de desinformación. Hai que dicir unha cousa: estes días fálase moito dos lumes, pero sobre todo porque afectaron a zonas moi habitadas da provincia de Pontevedra e, ademais, claro, porque morreron catro persoas. Pero grandes zonas da provincia de Ourense levaban semanas ardendo, con incendios que afectaban por exemplo á Serra do Xurés ou ao Macizo Central. E destas zonas esquécese sempre todo o mundo: a Xunta, os partidos e os medios de comunicación. Chamábannos socios e socias desesperados con lumes de frontes de varios quilómetros dos que os medios non falaban. Ollos que non ven, corazón que non sente.

"Maquíllanse os números totais de incendios, dicindo que só son conatos. Ademais, tense subestimado a superficie queimada para reducir sobre os papeis a magnitude do problema"

A SGHN reclama estes días, unha vez máis, que a Xunta "divulgue toda a información oficial sobre número de incendios, autoría e superficies queimadas, por ano e concello". É deficiente a información que proporciona o Goberno galego? Sería importante unha maior transparencia para solucionar o problema? 

É unha información importante, porque a xente só se decatará da magnitude do problema se se lle dan cifras reais e claras para entendelo. Tampouco axudou o feito de que ao longo dos anos fosen cambiando os criterios, de xeito que lumes que antes eran incendios agora son conatos. Maquíllanse os números totais de incendios, dicindo que só son conatos. Ademais, tense subestimado a superficie queimada para reducir sobre os papeis a magnitude do problema. Houbo só un ano en que a información foi transparente: o 2006, o primeiro do Bipartito. Nin antes nin despois se falou con transparencia dos lumes, nin nos gobernos do PP nin nos dous anos seguintes do Bipartito.

"Resulta patético e desalentador que en todos estes anos os partidos non se teñan posto de acordo para despolitizar o tema e buscar entre todos un xeito de resolvelo"

É necesario un pacto de país para solucionar este problema de verdade? Que propostas serían máis importantes para que cousas coma o que pasou nos últimos días non volvan suceder?

Primeiro, hai que dicir que resulta patético e desalentador que en todos estes anos os partidos non se teñan posto de acordo para despolitizar o tema e buscar entre todos un xeito de resolvelo. Creo que a clave é mudar esa política de xestión do territorio e fomentar o desenvolvemento do rural, como dixen antes. Con 340 millóns de euros debería poderse facer outra cousa diferente. Habería que, progresivamente, investir cada vez menos cartos en extinción e máis en prevención, apostando polo desenvolvemento sostible no medio rural, por dar calidade de vida no rural. Os investimentos deben dirixirse tamén ás zonas de gran valor natural: Rede Natura 2000, parques naturais..., de xeito que a xente que vive aí note que se lle está apoiando para conservar ese medio natural que en moitas ocasións necesita desa presenza humana e das formas de aproveitamento tradicional. De igual xeito, cómpre apostar por un modelo silvícola en mosaico que evite os grandes monocultivos de eucalipto e de toxo. Unha paisaxe en mosaico na que tería que haber ademais moitas máis árbores caducifolias, que en si mesmas conforman zonas cortalumes.

"A xente quere axudar e non hai quen a dirixa nin quen lle dea uns criterios do que se debe e o que non se debe facer. Debería facelo a administración, pero tivo que ser a SGHN e outras organizacións quen deran estas indicacións"

Así mesmo, nestes días creo que é importante incidir no proceso de recuperación das zonas queimadas. Hai que ter plenamente organizados os mecanismos de actuación posteriores ao lume. No ano 2006 a Xunta convocara os expertos en materia de incendios da universidades, do CSIC e do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. Chegouse a unha serie de conclusións e elaborouse un protocolo, que foi publicado. Porén, non se ten avanzado a partir de aí, non hai unha organización para actuar despois dunha vaga de lumes, polo que xorden os problemas que houbo este ano: a xente quere axudar e non hai quen a dirixa nin quen lle dea uns criterios do que se debe e o que non se debe facer. Debería facelo a administración, pero tivo que ser a SGHN e outras organizacións de defensa ambiental quen deran estas indicacións.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.