0 Gardados para despois

Cambio climático, eucalipto e política: leccións para Galicia no inferno de Pedrógão Grande

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Con seis grandes incendios aínda activos, máis de 2.000 persoas, uns 660 vehículos e algún medio aéreo traballando, Portugal continúa conmocionado logo de que as lapas en Pedrógão Grande matasen 64 persoas e deixasen máis de 130 feridos, ademais dunha enorme destrución, aldeas illadas e aínda varios desaparecidos. O lixeiro descenso das temperaturas e as febles chuvias dan unha pequena -moi pequena- tregua a un país triste, impactado e en luto ante unha desgraza recorrente no medioambiental e material nos últimos anos pero que desta vez virou tamén nunha enorme traxedia humana. Desde Galicia, as semellanzas climatolóxicas, na masa arbórea, na política forestal, no despoboamento rural e no teimudo problema co lume fan inevitable as comparanzas e a situación de alerta.

As semellanzas da parte norte de Portugal e Galicia no climatolóxico, masa arbórea, política forestal ou despoboamento rural fan inevitables as comparanzas

A combinación de aire e treboadas secas, temperaturas altas e vento forte provocaron a traxedia que comezou, segundo as primeiras investigacións, polo impacto dun raio nunha árbore. Non hai indicio ningún de que o incendio -como ocorre na inmensa maioría dos casos- fose provocado. "As tormentas secas son algo moi normal; pode ser que chova a unha distancia de onde se producen ou mesmo que non caia auga ningunha", explica Carlos Balseiro, meteorólogo de 4gotas.com, que aclara que este fenómeno é "habitual" nesa zona de Portugal onde ocorreu, pero tamén "en Castilla ou Estremadura", en lugares "onde a humidade é moi baixa". É case imposible, no entanto, que algo así aconteza en Galicia. "É moi difícil que non chova arredor ou preto dunha treboada, mesmo en zonas de Ourense onde a humidade é menor, pero si é normal noutros lugares". 

Os veciños afectados falan da incrible velocidade coa que avanzaba o lume e mesmo dun "ciclón" que os envolveu en cuestión de minutos e provocou que moitos quedasen atrapados ata atopar a morte. Balseiro, así como outros expertos, apuntan á posibilidade dunha tormenta ígnea que explicaría a enorme virulencia das lapas. Xa que logo, un movemento en masa do aire resultante do lume, o que crea unha ignición de grande intensidade nunha área ampla. "É moi estraño que un fogo cun único foco acabe rodeando aldeas e estradas cando o vento tampouco era extremo e a súa dirección, malia algún refacho, era clara", explican desde 4gotas

Os testemuños fan pensar aos expertos que a virulencia do incendio debeuse a unha tormenta ígnea, fenómeno que fai avanzar grandes muros de lapas a gran velocidade

Que ocorre? O foco onde se provoca o incendio quenta o aire, que ascende axiña, ata que o aire frío de perto e a nivel do chan ocupa o baleiro que deixa o primeiro. Isto crea fortes ventos que ventilan as lapas, axítanas e achéganlle máis osíxeno, cuxo constante fluxo provoca temperaturas elevadísimas. A maleza e a presenza de especies pirófitas como o eucalipto provoca que as lapas medren axiña. Ao alcanzar o aire temperaturas de ata 800º, arbustos, vexetación seca e calquera cousa que estea a poucos metros deste lume pode entrar en combustión espontánea. O vento, sen necesidade de ser moi forte, traslada as chispas e acábase creando un muro de lapas de elevada altura -poden superar os 500 metros- avanzando a enorme velocidade polos ventos creados, que poden alcanzar uns 120 quilómetros por hora. Isto explicaría a velocidade incrible que alcanzaron as lapas e a semellanza cun ciclón, segundo os veciños, e que acabou atrapando moitos en Pedrógão Grande. 

A tormenta ígnea provoca a combustión espontánea da maleza e de árbores a poucos metros do foco principal do incendio

Sexa como for, nada sería explicable sen esas elevadas temperaturas -propias do mes de agosto- e o tempo seco dos últimos meses. Cambio climático? "Ten que ver, sen dúbida; o cambio climático non é algo que afecte remotamente, é que afecta xa, témolo aquí e notámolo", di Carlos Balseiro, que advirte de que as estacións "vanse comprimindo", que a primavera e o outono van desaparecendo, que cada ano adiántanse máis as temperaturas máis altas e que hai menos chuvia e máis concentrada. Está a ocorrer agora. Aínda que aclara que non se poden facer previsións a meses vista, a tendencia fai pensar que este verán en Galicia será "máis cálido e máis seco". 

"O cambio climático afecta e afecta xa; claro que ten que ver con estes grandes incendios en xuño"

 

A afectación do eucalipto

Por desgraza, a ameaza de grandes incendios afectando Galicia e Portugal seguirá aí. E o debate sobre a política forestal en ambos os dous países e a afectación da presenza masiva de monocultivos de eucaliptos e piñeiros, tamén. Pedrógão sitúase na rexión Pinhal Interior Norte, pero eses piñeiros que dan nome á zona xa non son maioría: a metade do territorio foi colonizado polo eucalipto, nunha situación homologable á de moitas outras comarcas de Galicia. 

O monocultivo de eucalipto, unido á ausencia de coidados e podas na superficie rasa, provoca a acumulación de materia combustible e a propagación máis rápida dos incendios

Óscar Antón Pérez, enxeñeiro técnico agrícola e experto no tema, aclara que "o monocultivo dunha especie considerada pirófita provoca que a propagación do lume sexa moito máis grande e rápida", pero aclara que é ese monocultivo "asociado á ausencia de coidados e podas na superficie rasa" é o que fai que se acumule "moita materia combustible". "Nese caso, a capacidade de parar un incendio vese afectada; nun espazo forestal pragado de especies que facilitan a ignición e está moi pouco coidado, o que hai é combustible", di. 

 


Vídeo da canle portuguesa SIC

 

Porque non todo é tan sinxelo. Tal e como lembraba en Praza.gal Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra e antigo director da Asociación Galega Monte Industria, o laboratorio de Fogos Florestais da Universidade de Tras-Os-Montes e Alto Douro, en Portugal, fixera un estudo sobre o tema que concluíu que non había moita diferenza en canto a un ou outro tipo de masa forestal nos incendios. "Ao final, o parámetro fundamental é o meteorolóxico e ese estudo está centrado nunha área con circunstancias parecidas a Galicia. Moitas veces confundimos a simple presenza de eucaliptos co abandono do monte", explicaba quen, no entanto, aclaraba que, obviamente, "se non se fai ningunha intervención e a zona se enche de matogueira, o eucalipto ten incidencia porque crea unha maior cantidade de sotobosque. O modo de xestión é o importante e a discusión non é se é por culpa dos eucaliptos ou non". 

A cuestión, en Galicia e Portugal, vai moito máis aló. Tanto na rexión deste último e dramático incendio como noutros moitos, o despoboamento rural e o abandono teñen moito que ver. Moitísimo. "Un monte rural coidado, que non estea minusvalorado, cunha mínima planificación, con xente traballando e vivindo na zona... Pode arder proque hai desalmados, pero é moito máis difícil que pase e as consecuencias non serán as mesmas", engade Óscar Antón Pérez. 

O norte de Portugal e Galicia comparten unha política forestal "fomentada polas ditaduras e baseada no aproveitamento curtopracista e no impulso do eucalipto"

O caso é que a metade norte de Portugal é moi semellante en Galicia e hai "factores concorrentes" nos incendios e nas políticas forestais a unha e outra banda da raia. "Os dous países sufriron ditaduras ata hai relativamente pouco e as súas políticas forestais baseadas no aproveitamento curtopracista e no impulso do eucalipto, sen planificación a futuro e entregada a empresas", explica Pérez. 

As críticas que agora xorden no país veciño son tamén recorrentes en Galicia por parte de expertos e colectivos que traballan na loita e na prevención dos incendios: falta de políticas estruturais a medio e longo prazo, ausencia de medios, expulsión da poboación do rural... Estar ao "urxente" e non preocuparse do "importante", como recriminaba Juan Picos á Xunta. Ou como avisou o propio Consello de Contas, cando advertiu que o Goberno galego incumpría o seu propio plan forestal ao gastar máis no lume que en ordenar o monte

"A política forestal debe ser todo o ano e todos os anos; gástanse unha burrada de cartos en extinción e volve arder o monte; precísase unha planificación a longo prazo que non só busque o rendemento económico inmediato e que vaia incluído na dignificación do rural, na loita contra o despoboamento, na valoración do espazo, no garantir o nivel de vida e os ingresos económicos", di Pérez, que asegura que calquera medida ou decreto contra os incendios "non vai ter efecto nin no primeiro nin no cuarto ano, senón máis adiante, pero parece que importa máis non perder eleccións". 

Galicia, oeste de Asturias parte de Zamora e norte de Portugal comparten un clima, vexetación e cultura do lume que incide na proliferación dos incendios

Con todo, Galicia, oeste de Asturias, parte de Zamora e norte de Portugal comparten unha serie de características comúns ao respecto dos incendios que as fai máis vulnerables. Hai unha conxunción e correlación entre o clima, a vexetación e a cultura do lume. A falta de políticas forestais estruturais a medio prazo, o despoboamento rural, a proliferación de especies como o eucalipto ou os efectos do cambio climático fan o resto. E os medios? 

 

O Pladiga actualizarase antes de final de xuño

A día de hoxe, hai uns 3.000 profesionais despregados polo territorio galego "realizando labores de defensa e prevención de incendios forestais", tal e como aclara Medio Rural. Algo máis de 2.000 son propios da Xunta, máis de 800 dos concellos e menos de 60 do Estado. Malia as elevadas temperaturas e a seca dos últimos meses, a actualización do Pladiga (Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia) aínda non se aprobou e está previsto que se faga "antes de que remate este mes de xuño". Segundo a Consellería, o plan "está vixente durante todo o ano" e o que se fará agora é "actualizalo antes da tempada de alto risco, para que manteña a súa vixencia ata a vindeira campaña".

Galicia atópase actualmente en época de "risco medio" xa que a de "perigo algo" non se activa ata o mes de xullo agás condicións excepcionais

Porque Galicia non está en alto risco, segundo indica o propio Pladiga. Actualmente estamos "en época de risco medio". "A época de perigo alto é nos meses de xullo, agosto e setembro e pode ampliarse en función das condicións meteorolóxicas", indica Medio Rural. Será daquela cando, segundo aclara a Consellería, se "manterá o operativo humano de prevención e extinción dos últimos anos", composto por uns 5.700 efectivos da Xunta, reforzados por persoal do Ministerio, do Exército e dos corpos e forzas de seguridade do Estado "ata completar un dispositivo de máis de 7.000 efectivos". Ademais, contarase con arredor dunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que achega o Estado– e 360 motobombas da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engadirán cisternas, pas e outros vehículos.

A Xunta prescinde de máis de 400 brigadistas ao rematar o verán e de máis de 600 a final do mes de novembro

Pero desde a parte dos traballadores, as queixas pola precariedade e a falta de medios, especialmente nas épocas de risco baixo malia a desestacionalización dos incendios, son constantes. Tal e como lembran varios colectivos e sindicatos, o Servizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia (Spdcif) queda en situación máis precaria a partir de decembro. Máis de 620 dos seus traballadores son cesados o 30 de novembro ao expirar o tipo de contrato que Medio Rural lles estipula un ano antes. Xa antes, coa fin de verán, outros 436 profesionais cesan no seu posto ao rematar o seu período contractual de tres meses. Máis de 1.000 brigadistas de medios propios da Xunta dun total de máis de 2.400 en período de alto risco, polo que os equipos que ademais de extinguir tamén se ocupan da prevención quedan case na metada nunha época na que tampouco traballan as brigadas municipais ou os equipos de empresas como Natutecnia. Mesmo declarando un período de alto risco temporal por determinadas condicións meteorolóxicas, non todo o persoal de loita contra o lume se incorpora aos labores nos montes

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Protección Civil desmente a caída dun avión mentres sobrevoaba Pedrógão Grande

Protección Civil de Portugal desmentiu este martes a caída dun avión Canadair que colaboraba na loita contra o lume que arrasa o centro de Portugal desde o pasado sábado caeu hoxe no termo municipal de Pedrógão Grande, suceso que horas antes confirmará o mesmo Cipro. O aparello pertence aos medios portugueses que combaten o incendio

Por outra banda, son xa 64 os mortos confirmados no terrible incendio en Pedrógão Grande, onde a cifra de feridos ascendeu a 157. Malia que segue a arder o monte, as autoridades confían en que o lume puidese quedar dominado ao final desta mañá de martes. Así o asegurou o comandante de operacións de Proteção Civil, Vítor Vaz Pinto, que advirte da necesidade de eliminar "um dos pontos quentes" para dalo por dominado. 

O incendio podería quedar controlado na mañá deste martes logo de provocar xa 64 mortos e 157 feridos

Nos traballos de extinción traballan actualmente 13 medios aéreos, oito avións e cinco helicópteros, ademais de 1.153 persoas. Alén disto, segundo informa a canle pública portuguesa RTP, do total de 157 feridos, sete deles están graves "incluindo uma criança, quatro bombeiros e dois civis", tal e como confirmou Vaz Pinto en rolda de prensa. 

O maior incendio de Portugal queimou xa máis de 30.000 hectáreas

Por outra banda, os datos do Sistema Europeo de Información de Incendios Forestais (EFFIS) confirmou que este violento incendio no norte de Portugal xa queimou máis de 30.000 hectáreas, unha superficie equivalente a uns 30.000 campos de fútbol, desde que se declarara o pasado sábado. Esta cifra convérteo no maior incendio do que se teñen datos na historia de Portugal, ao superar as cifras que provocaran os de Tavira en 2012 e Chamusca en 2003, que eran os dous de maiores dimensións no país veciño até o momento. 

Mentres Portugal continúa a loitar contra o lume, o secretario de Estado da Administração Interna, Jorge Gomes, asegurou este luns na RTP que o primeiro ministro, António Costa, vén de asinar "um despacho em que exige esclarecimentos ao IPMA [Instituto Português do Mar e da Atmosfera] para saber as condições atmosféricas e climáticas naquele dia, o que é que houve de anormal, o que é que há para ser explicado".

En declaracións no programa Prós e Contras, da RTP, Jorge Gomes asegura que António Costa quere coñecer tamén "se houve falha de comunicações do sistema do Estado", o SIRESP - Sistema Integrado de Redes de Emergência e Segurança de Portugal, e pediu que se clarexe "o encerramento ou não encerramento da Estrada Nacional onde se deu o fatídico caso".

A oposición insta a Xunta a "tomar nota" polas "similitudes" entre o norte de Portugal e Galicia

Toda a oposición parlamentaria galega lamentou profundamente a desgraza acontecida en Portugal, país ao que enviaron as súas condolencias. Pero ao tempo, En Marea, PSdeG e BNG instaron a Xunta a "tomar nota" polas "similitudes" que o norte de Portugal ten con Galicia, tanto na presenza masiva de eucaliptos como na ordenación territorial e do monte. 

Villares insta a facer unha reflexión "con toda prudencia" sobre o risco de que en Galicia "poida acontecer algo similar"

Así, Luís Villares, voceiro de En Marea, instou a facer unha reflexión “con toda a prudencia”, sobre a situación e condicións similares de Galicia e o risco de que "poida acontecer algo similar". “Cando ollamos para o país veciño vemos que temos unha similitude na forma de masa forestal, estrutura poboacional, na rede de comunicación viaria que afecta sobre todo ao interior do noso país, ao que se suma. a situación de abandono do rural que provoca que o que antes eran espazos ordenados e aproveitados se converteran en masa de combustible” explica.

Ademais, Villares advirte que a forma de ordenación de Galicia "moi centrada nos monocultivos de eucalipto crea un risco específico nos núcleos de poboación e nas vías de comunicación debido a súa proximidade", o que xustifica afirmar que estamos nunha “situación parella a que existe no norte de Portugal”. Así, lembrou a reforma de 2012 pola que se reduciron as zonas de seguridade das plantacións forestais a núcleos de poboación ou cámping pasando dos 100 a 50 metros e a Lei de Montes de 2012 que "permite a recalificación de terreos queimados por un incendio, o que pode enviar mensaxes confusas tanto a poboación como a tentacións de que se queira aproveitar desta normativa”.

O BNG lembra que "a menos dunha semana do verán e nunha vaga de calor, a Xunta non ten aprobado o Pladiga"

Ademais, desde o BNG advertiuse tamén da necesidade de “tomar nota diante do acontecido” para adoptar canto antes "todas as medidas preventivas necesarias para que non volvan producirse perdas de vidas humanas polos incendios". A formación nacionalista salientou que, "a menos dunha semana de que empece o verán e no medio dunha vaga de calor, a Xunta non ten aprobado o Pladiga".

Para o BNG a Xunta non está a desenvolver unha política de prevención real e digna de tal nome, porque “nin se está a cumprir a normativa en canto ás franxas de seguridade previstas para protexer as vivendas e as infraestruturas, nin a día de hoxe o operativo antiincendios está aprobado”. "O mellor antídoto para loitar eficazmente contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais. Lamentablemente as políticas da Xunta camiñan en dirección contraria, potenciando o monocultivo de especies que son altamente incendiarias e desaproveitando a inmensa riqueza do noso monte, clave para ter un medio rural vivo e libre de lumes”, di. 

O PSdeG insiste en que "a mellor política de combate contra o lume está baseada na prevención"

Pola súa banda,  desde o PSdeG, o seu portavoz Xoaquín Fernández Leiceaga asegura que "a principal lección que temos que aprender deste suceso en Galicia é que a mellor política de combate contra o lume está baseada na prevención”. Así, apostou por un monte “limpo, ordenado” e con presenza de especies "que impidan a propagación do lume". O voceiro socalista chamou a ter os operativos “a punto” e “en estado de alerta” para "evitar que se repliquen en Galicia traxedias deste tipo".