A Xunta incumpre o seu propio plan forestal ao gastar máis no lume que en ordenar o monte

Un brigadista nunha zona arrasada polo incendio de Arbo Dominio Público @BrifLaza

Non o di nin a oposición nin os sindicatos, senón o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das contas públicas galegas: “Aínda que o primeiro obxectivo do Plan Forestal [da Xunta] era a estruturación e capitalización dos espazos forestais, transcorridos máis de 20 anos desde a súa aprobación os esforzos orzamentarios séguense concentrando no programa de prevención e extinción de incendios”. Así o di en plena precampaña das autonómicas e coa temporada de máximo risco de incendios xa iniciada, nun informe que fixo público hai agora xusto un mes, o pasado 15 de agosto, pero que, desvelado nunha fin de semana de verán entre outros moitos informes sobre as contas públicas, non tivo ata o de agora ningún eco mediático.

O Consello de Contas vén de criticar que o Goberno galego destine ao dispositivo de incendios o 60% (uns 100 millóns de euros ao ano) do seu investimento forestal total, cando prevía dedicar o 87% a mellorar a xestión forestal

O informe de Contas é o correspondente á avaliación do cuarto quinquenio do vixente Plan Forestal de Galicia 1992-2032, un documento impulsado logo do desastre ambiental de 1989, cando arderon en toda a comunidade 200.000 hectáreas (como comparación, en 2006 foron 96.000 e na última semana 7.000). O ente fiscalizador lembra que o plan prevía dedicar ao total de políticas forestais “en torno a un 3% do total” dos orzamentos autonómicos, pero que  “no cuarto quinquenio de execución do Plan (2008-2012) as políticas forestais contemplábanse no orzamento inicial cun peso que ronda o 1,55%”, cifra que ao analizar a súa execución real cae ao 1,44%.

Contas admite que os anos analizados son os da recesión económica, pero di que o mesmo pasaba antes e segue pasando agora e lamenta que a contracción no orzamento forestal fose maior que noutras áreas autonómicas e que nel siga a primarse a loita contra o lume fronte á mellora dos montes: “No que atén ao período 2008-2012, mentres o plan forestal contemplaba como porcentaxe de investimento en prevención de incendios un 13,20% do total fronte a un 86,80% do investimento para fomento das políticas forestais, a realidade orzamentaria do quinquenio amosa como se inverte esa porcentaxe”, di. Segundo Contas, a Xunta vén gastando, no quinquenio analizado e tamén nos anos posteriores, incluído o actual, uns 150 millóns de euros ao ano en políticas forestais, dos que uns 100 millóns (máis do 60%) van destinados a actuacións contra os incendios fronte a menos de 50 millóns anuais destinados á ordenación das producións forestais.

O ente fiscalizador independente cualifica de “opinión” a afirmación do director xeral de Ordenación Forestal, Fernández-Couto, de que os propietarios non investirían no monte se non se gastase tanto no servizo de extinción

O informe de Contas, de 80 páxinas, foi remitido á Xunta antes da súa publicación para que formulase as alegacións que considerase oportunas. Fíxoo o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto, no cargo desde a chegada de Feijóo á Xunta en 2009 e anteriormente con Manuel Fraga entre 1996 e 2005. No seu escrito, de catro folios, o principal responsable da ordenación forestal de Galicia durante as dúas últimas décadas xustifica que os propietarios dos montes non investirían neles se a Xunta non gastase tanto no servizo de extinción: “De que sector forestal estariamos falando, se o éxito na loita contra os incendios forestais non devolvera aos galegos a confianza das potencialidades do monte, fronte ao desánimo que reinaba nos propietarios forestais no arranque do Plan Forestal de Galicia polo convencemento de que o lume daría ao traste con todos os seus esforzos. O despregue do dispositivo que sostén o programa [de prevención e loita contra o lume] permite que esteamos a falar de Galicia como a maior potencia forestal do Estado”.

Contas desbotou as alegacións do director xeral por consideralas “opinións” e non datos contrastables, e mantivo a súa análise en base a indicadores que lle permiten criticar o excesivo peso orzamentario da loita contra o lume fronte á ordenación forestal. O ente fiscalizador tamén censura que, máis de 20 anos despois de iniciarse o plan forestal, o departamento autonómico iniciase a revisión desa planificación sen ter analizado ata o de agora os seus resultados.

Obstáculos para mellorar a xestión

Contas analiza no seu informe diversas dificultades existentes na xestión dos montes galegos. Segundo o ente fiscalizador, “a ausencia de seguridade xurídica na delimitación da propiedade forestal orixina conflitos de deslinde tanto entre montes privados como entre montes veciñais en man común ou entre montes privados e veciñais; estas circunstancias dificultan a agrupación da propiedade e a xestión conxunta dos montes”. Nesa mellora da xestión conxunta, Contas analiza un dos instrumentos que vén impulsando o Goberno galego, as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Os orzamentos autonómicos para os anos 2012 e 2013 contemplaban a inscrición de 50 desas sociedades con 5.000 produtores beneficiados, “porén, en ningún dos exercicios se executaron eses indicadores”, di Contas. Segundo os seus datos, “na actualidade hai en Galicia 5 Sofor constituídas, cun total de 800 hectáreas e 300 propietarios en conxunto”. O ente fiscalizador conclúe que as liñas de axudas destinadas pola Xunta para promover esas figuras de xestión son ineficaces.

Contas critica a ineficacia das políticas da Xunta para promover as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) e a "insuficiente coordinación" das tarefas de xestión forestal coas de loita contra o lume

Outra das análises que fai Contas sobre a xestión forestal da Xunta céntrase no persoal autonómico dedicado a esa área. “A dedicación do persoal do distrito [forestal] ao longo do ano a traballos propios de prevención e extinción de incendios dificulta a dedicación a tarefas propias de extensión forestal que permitan estar en contacto cos propietarios dos montes para intercambiar ideas, coñecementos e técnicas que contribúan a mellorar os montes”. Segundo o ente fiscalizador, hai unha “escasa planificación das actividades do distrito [forestal] e insuficiente coordinación entre os servizos dos que dependen: servizo de montes e servizo de prevención e extinción de incendios”.

O informe de contas conclúe con diversas recomendacións á Xunta, entre elas a de “primar os investimentos para a estruturación e capitalización dos montes co fin de que cara o futuro non se teñan que destinar os cuantiosos recursos que se executan na actualidade en medidas de prevención e extinción de incendios”.

Análise do Consello de Contas sobre o gastado (en miles de euros) nos dous programas de investimento forestal da Xunta, o 713B, de ordenación das producións forestais, e o 551B, de prevención e loita contra o lume Dominio Público Consello de Contas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.