Oito incendios —que afectan cada dun deles a máis de 20 hectáreas— continúan activos en Galicia durante este venres. O de Terroso, en Vilardevós, levaba unha semana ardendo e quedou finalmente extinguido esta mañá tras 578,7 hectáreas calcinadas. Ademais, moitos outros pequenos focos, dos que non informa a Xunta por non superar esa vintena mínima, esténdese polo país, onde a vaga de calor vixente sitúa en risco de lume moitas comarcas.
Os incendios activos na mañá deste venres en Galicia queimaron xa 1.200 hectáreas
Tendo en conta os datos da Consellería do Medio Rural, os nove incendios que estaban activos nesta mañá en Galicia, ata que quedou extinguido o de Vilardevós, queimaron xa arredor de 1.200 hectáreas, aínda que o único que permanece sen controlar ou estabilizar é o da parroquia de Monteseiro, na Fonsagrada, que se iniciou a primeira hora da tarde do martes e xa supera as 120 hectáreas calcinadas.
No mesmo concello, pero en Cereixido, outro fogo iniciado o pasado xoves queimou unhas 20 hectáreas e está controlado, mentres que outro nas Pontes (no Freixo), que calcinou aproximadamente a mesma superficie, está estabilizado.

Na provincia de Pontevedra, permanece controlado o lume que en San Pedro de Batalláns, nas Neves, queimou xa máis de 50 hectáreas desde o pasado mércores e que obrigou a decretar a Situación 2, xa desactivada, pola proximidade das lapas ás casas. Este incendio, ao igual que outro en Salceda de Caselas, fixo revivir á veciñanza os graves fogos de 2017, cando a zona foi gravemente afectada.
O incendio en Monteseiro, na Fonsagrada, continúa sen controlar tras queimar 120 hectáreas
No caso do incendio da Picoña, en Salceda, o incendio quedou controlado na tarde de onte tras afectar unhas 80 hectáreas e obrigar tamén a decretar a Situación 2, tamén desactivada.
Pola súa banda, Ponteceso esperta hoxe con algo máis de calma logo dunha semana con seis incendios, varios deles moi próximos a núcleos de poboación e que cercaron localidades coma Corme, obrigando a desaloxos e ao corte de estradas. Foi o caso do fogo en Corme Aldea, controlado desde a noite do mércores tras queimar 60 hectáreas.
No caso de Brantuas, no mesmo municipio, o lume permanece activo pero está tamén controlado tras arrasar 200 hectáreas. Malia a mellora na situación, aínda este xoves reaviváronse as lapas nalgunha zona que queidaba sen queimar no Monte do Faro, o que obrigou a cortar a estrada que vai ata Corme.
A poucos quilómetros, en Xaviña (Camariñas), arde aínda tamén desde as cinco da tarde do pasado martes un incendio que ameazou varias casas e que queimou unhas 50 hectáreas.
Extinguido en Vilardevós
Peor foi a situación en Terroso, no concello ourensán de Vilardevós, onde o que é o primeiro grande incendio forestal (GIF) do ano en Galicia permaneceu activo desde o pasado venres ata a mañá de hoxe, aínda que controlado desde a noite do luns. Queimou finalmente case 580 hectáreas e ameazou núcleos de poboación ata o domingo.
Ademais dos incendios dos que informa a Xunta, distintas brigadas de extinción e concellos informaron nas útimas horas de pequenos fogos, como é o caso dos que se produciron en Cambados, Salvaterra, A Mezquita, Forcarei ou Mondariz. Ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica si informou doutro no Saviñao.
En total, no que vai de ano, arderon en Galicia arredor de 2.500 hectáreas, arredor dun milleiro na última semana, desde que comezou o mes de agosto.