“Non sei o que buscan pero a desgraza puido ser das gordas, moi grande”. Alfredo, veciño do porto de Corme, aínda non deu sacado o susto do corpo e di seguir “alerta” tras varios días de tensión e angustia polo lume que cercou e incomunicou a vila en varias ocasións desde o sábado. Nada comparado, advirte, ao vivido este luns.
“Agás o do Couto, en Balarés, o resto de incendios no municipio foron todos provocados”, asegura nunha sentenza compartida polos habitantes de Ponteceso e pola propia Xunta, que elevou o ton para cualificar de “atentado” o acontecido en Corme Aldea. O sexto incendio en tres días no municipio, desta vez orixinado en catro focos —segundo confirmaban tamén os brigadistas—, ao pé de varias vivendas e con refachos de vento que chegaron a alcanzar picos por riba dos 60 km/h.
“O da fin de semana foi plantar por plantar, por queimar o monte, pero isto foi intentar crear unha desgraza”, repite Alfredo, que veu o lume “a quince metros” da casa dunha curmá e mais da dun amigo. “A virulencia e rapidez coa que avanzaba metía medo”, engade. Queimou 60 hectáreas en poucas horas e quedou controlado na mañá deste martes, logo de que fose retirada antes a Situación 2 de emerxencia.
"Intentaron crear unha desgraza", di un veciño; "plantaron lume nas peores condicións climáticas posibles e pegado ás casas", resume outro
“Tivemos a mala sorte de que soplaba moito nordés, máis aquí no alto”, explica Diego, veciño de Corme Aldea, un dos moitos que colaborou nos labores de extinción. "Plantaron lume coas peores condicións climáticas posibles e pegado a un núcleo de poboación", lembra amolado.
“Cheguei aquí ás 14:15 do luns e aínda non me deitei”, confesa 24 horas despois, aínda en tensión polo vivido e pouco despois de se decatar de todo o malo que pasou e da catástrofe que puido pasar. “Foi todo bastante complicado; no momento estás coa adrenalina arriba, indo para aquí e para acolá para axudar e non tes tempo a pensar, pero así que te sentas… Na Aldea chegounos moito, pero moito”, conta.
A forza do nordés, lembra, impediu voar aos helicópteros e os hidroavións só pudieron facelo a última hora da tarde e con escasas descargas. Daquela, coa chegada dos bulldozer, o traballo foi algo máis doado, dentro do que cabe. Antes, a veciñanza e moitas persoas chegadas dos arredores salvaron as casas. Así o aseveran os que o viviron, moitos habitantes da zona e outros habituais do verán, cando Corme multiplica a súa poboación.
“A xente colleu pas e o que puido... Fomos afastando o lume das casas ata que chegaron os bulldozer, pero se o conseguimos deter en moitas zonas foi grazas aos gandeiros”, di Diego. Pasaron o día e parte da noite collendo auga nas cisternas dos seus tractores. Baixaban ao porto para subila logo á Aldea. Así durante horas.
“Cargaron auga toda a santa tarde e pasadas as 11 da noite seguían baixando; xente da vila organizouse con chalecos reflectantes para ir cortando o tráfico, permitirlles o paso e axilizar as cousas”, confirma Iria, veciña de Corme Porto, que lembra aínda agora con angustia a proximidade do lume, que cercou outra vez a localidade durante horas, como o pasado sábado, e por distintos puntos.
A veciñanza coincide na rápida organización da poboación como clave para salvar as casas e gaban o labor dos gandeiros cargando as cisternas dos tractores con auga: "Salvárannos eles"
“Salváronnos os tractores, foi grazas aos gandeiros, moitos chegados doutras parroquias ou concellos”, engade. “Fixeron un traballazo; se non é por eles non sei o que tería pasado”, confirma Diego, que como Iria alaba a “autoxestión” e a organización da veciñanza, non só da de Corme ou doutras localidades de Ponteceso. Tamén os bombeiros da Coruña ou Protección Civil de Malpica, entre outros, uníronse aos traballos aos que a última hora da luns se uniu a UME.
“O certo é que a xente estivo moi espabilada e reaccionou moi rápido; iso foi clave”, engade Alfredo, que destaca a reacción de veciños e veciñas de Cores ou Brantuas, localidades que sufriron tamén nos últimos días incendios e que acudiron na axuda da xente de Corme. Tamén os de Pazos ou Cabana de Bergantiños.
Os cortes de luz e das estradas incrementaron a angusta ante o lume, que cercou o porto de Corme como xa fixera outro lume o sábado
Todos e todas, tamén os do Couto, Balarés ou A Graña, agardan que acabe de vez o “pesadelo”. Tras o acontecido a pasada fin de semana, non pensaron que tan axiña volverían pasar pola “angustia” e a “desesperación” que moitos din ter vivido. Mesmo con cortes de luz, que en Corme duraron desde a tardiña ata pasada a medianoite e incrementaron a incerteza. Como os rumores que falaban dunha posible evacuación por mar.
Estradas cortadas durante horas, fume que facía complicada a visibilidade, veciños e veciñas desaloxadas das súas casas e o temor a unha desgraza maior que a que xa supón ver a paisaxe esnaquizada.
“Pouco queda sen queimar, na contorna das praias da Ermida e de Osmo, está todo calcinado”, lamenta Alfredo. “Dan ganas de chorar”, di Iria, que lembra que a súa parella tivo que ser escoltada pola Garda Civil a pasada fin de semana á noite para poder chegar ao posto de traballo. O luns, lembra, a escena repetíase: axentes escoltando convois de coches para que a xente puidese saír de Corme.
"Que querían provocar?"
Iso, claro, é o de menos, coinciden todos. “Non houbo desgrazas persoais, que é o importante, e tamén salvamos todas as casas”, di Diego desde Aldea, que si recoñece algún terreo queimado cabo dalgunha vivienda ou lapas que chegaron a inmobles abandonados. Pouco máis. “Se unha fiestra rompe, xa se amañará… O importante é que a xente estea ben”, engade Alfredo.
A rabia, ante o convencemento da intencionalidade deste e doutros incendios, é evidente. “Que querían provocar? Que queren facer?”, lamenta Alfredo, que volve destacar as escasas consecuencias para o que puido ser e o que el temeu. “A ver se paran aquí… Se cadra fano, pero por desgraza o ano que vén volverá pasar outra vez, aquí ou noutro lado”, di.
"Non sei definir o sentimento que me provoca todo isto, pero si sei o que faría se teño diante a quen o provocou...", lamenta Diego, canso tras horas de loita contra o lume e aínda vixiante polo que poida pasar.