Sexto incendio en Ponteceso en tres días: cortes de luz, desaloxos e "desesperación" en Corme

Incendio en Corme Aldea, visto desde Corme Porto CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A Costa da Morte, e en especial o concello de Ponteceso, sofren desde hai días un "pesadelo". Así o cualifican moitos dos seus veciños e veciñas, sobre todo en Corme, angustiados, "cansos" e "desesperados" pola vaga de incendios que cercaron xa varias localidades desde o pasado sábado. Seis fogos en tres días

Ponteceso leva seis incendios desde a fin de semana, o último este luns en Corme Aldea empezou en varios focos e puxo en perigo varias casas

A tranquilidade que pairaba no municipio logo dos cinco incendios sufridos en diferentes puntos a fin de semana —que obrigaron a desaloxar prais, casas e establecementos hostaleiros e mantiveron cercado e incomunicado Corme durante horas— rachouse este luns. Un lume que empezou a primeira hora da tarde en Corme Aldea e en varios focos, segundo varios veciños, puxo axiña en perigo as casas, ante a desesperación dos seus habitantes. O forte nordés que a zona sofre desde hai días provocou que os medios aéreos non puidesen traballar ata a última hora da tarde e que o lume se espallase rapidamente, queimando 60 hectáreas en poucas horas. 

Tractores cargan cisternas de auga no porto de Corme CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A Xunta declarou a Situación 2 de emerxencia pola proximidade ás casas mentres a veciñanza traballaba na extinción cos medios que podía, tamén con tractores que cargaban as súas cisternas no porto de Corme. Varias persoas tiveron que ser desaloxadas e trasladadas a un pavillón e o Goberno galego reclamou a axuda da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que se desprazou desde León e chegou varias horas despois. 

O forte nordés impediu o traballo dos medios aéreos ata última hora da tarde e espallou rápido o lume, que xa queimou 60 hectáreas

Mentres, a desesperación ía a maiores. Tanto Corme Aldea como Corme Porto quedaron incomunicados por estrada ante a necesidade de cortar as vías de entrada e saída, pero tamén quedaron sen luz durante varias horas. "Dan ganas de chorar", expresaba unha veciña desde a súa fiestra na vila portuaria, que vía como as lapas chegaban sen remisión a unha localidade que xa o pasado sábado quedou cercada por fogos próximos e polo fume. 

"Claro que están prendendo; antes no monte, pero agora ao pé das casas, para facer dano", relataba outro veciño cormelán. As palabras foron ratificadas logo pola Xunta. A conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, presentáronse no posto avanzado habilitado en Corme Aldea. 

Xunta e veciñanza dan por feita a intencionalidade de todos os incendios en Ponteceso, agás o que afectou a Balarés

"É un atentado", asegurou a conselleira, ao advertir da case máis que segura intencionalidade dos incendios deste luns pero tamén de todos os que asolan o concello de Ponteceso desde o pasado sábado, agás o de Balarés, causado presumiblemente pola caída dun cable de alta tensión.

O forte nordés, que continuará este martes, avivou todos estes fogos, tamén os de onte, complicando os labores de extinción. Os medios terrestres traballaron toda a noite na extinción do lume de Corme Aldea pero continúa activo e acelerado por refachos de vento de entre 30 e 40 km/h. 

No mesmo concello, tras a extinción do incendio que o sábado puxo en alerta a zona de Balarés, aínda continúa activo, pero estabilizado, o de Brantuas tras queimar 170 hectáreas, e controlado o da Graña, que arrasou un cento. Estes tres, unidos a outros focos máis pequenos en Cores e Nemeño e ao de Corme Aldea elevan a seis os fogos sufridos pola veciñanza de Ponteceso en só tres días. Uns focos que a veciñanza e as autoridades entenden que foron intencionados. "Aparecía lume onde non houbera antes", explicaba unha veciña, desesperado por unha vaga que, en total, arrasou unhas 600 hectáreas no municipio en pouco máis de tres días.

Ademais, a uns 40 quilómetros, na parroquia de Xaviña, en Camariñas, a proximidade do lume ás casas de Pedrouso tamén obrigou a declarar a Situación 2. O incendio, que continúa activo, comezou ás 5 da tarde e afectou xa unha superficie de 50 hectáreas.  

Pola súa banda, tamén se mantén activo un incendio na parroquia de Monteseiro, na Fonsagrada, iniciado na tarde de onte e que xa queimou 90 hectáreas. Outro en Mondariz (Riofrío) está xa controlado tras arrasar 20 hectáreas. 

En Vilardevós, na parroquia de Terroso, segue ardendo tamén o monte desde o pasado venres no que é o primeiro grande incendio forestal do ano e tras queimar xa unhas 570 hectáreas. Unha ducia de helicópteros e outra de avións, ademais da UME e numerosas brigadas e axentes, traballan nunha extinción que aínda non foi posible.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.