A primeira vaga de incendios do verán queima 1.400 hectáreas, sobre todo en Vilardevós e Ponteceso

Incendio en Ponteceso, desde a parroquia de Cores CC-BY-SA Xaquín Velo

O primeiro gran lume do verán en Galicia continúa activo, aínda que estabilizado, logo de queimar arredor de 570 hectáreas na parroquia de Terroso, no concello ourensán de Vilardevós. O fogo supera, xa que logo, as 500 hectáreas e é o primeiro do ano en incluírse nesta categoría de grandes incendios forestais (GIF), tras unha fin de semana con numerosos problemas causados polas lapas en diferentes municipios, de norte a sur, que en total arrasaron preto de 1.400 hectáreas no país. 

O lume queimou arredor de 570 hectáreas en Vilardevós, o primeiro grande incendio forestal do ano en Galicia

No de Vilardevós, a situación 2 declarada pola proximidade do lume ás casas nos núcleos de Dona Elvira e Enxames foi desactivada á noite por un incendio que se iniciou arredor das 23 horas do pasado venres e que a Xunta cre intencionado ao comezar en diferentes focos e pola noite. Polo momento, participaron xa nos traballos de extinción 4 técnicos, 33 axentes, 43 brigadas, 32 motobombas, 6 pas, 10 helicópteros e 10 avións, ademais de solicitarse por parte da Xunta a axuda da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Se en Vilardevós foi un único incendio o que provocou os problemas, en Ponteceso, na Costa da Morte, foron ata cinco os que ameazaron varias localidades desde a tarde do pasado venres. Ao primeiro fogo, que se iniciaba en Balarés, na parroquia de Cospindo, sumáronse logo outros catro, os dous máis grandes en Brántuas e A Graña —dos que informa a Xunta ao superar as 20 hectáreas— e logo outros dous en Cores e Nemeño. 

Cinco incendios en Ponteceso obrigaron a desaloxar praias e núcleos de poboación , deixaron incomunicado Corme e queimaron unhas 500 hectáreas

En total, arredor de 500 hectáreas de monte arborado foron arrasadas malia a importante mobilización e a axuda da veciñanza nos traballos de extinción. A localidade Corme, por exemplo, estivo varias horas illada por mor do avance do lume ao ser cortadas as entradas de Brántuas-Niñóns e a de Cospindo ao Couto, ademais da AC-424 que enlaza con Ponteceso. Onte á noite, e para facilitar os labores dos bombeiros, a AC-424 e a DP-6801 foran xa abertas ao tráfico. 

Os incendios de Cospindo e Corme están xa estabilizados, no primeiro deles tras queimar 200 hectáreas. No da Graña, pola súa banda, son xa 100 as queimadas, mentres que na de Brántuas a superficie calcinada era de arredor de 140 hectáreas, segundo informou a Xunta.  

No caso do incendio de Cospindo, comezou na tarde do sábado en Balarés debido, nun principio, á caída dun cable de alta tensión e presentaba varios focos que eran avivados polo forte nordés, que causou problemas co lume noutras localidades. Foi daquela cando se viviron os momentos de maior tensión, ao ter que desaloxarse praias, vivendas e un hotel e ameazar as lapas zonas protexidas de gran valor natural

Bombeiros traballando na extinción do incendio de Vilardevós, en agosto de 2025 CC-BY-SA AT BRIF

Ademais, a Consellería do Medio Rural deu por extinguido na tardiña deste domingo outro incendio forestal no Couto, parroquia da Cañiza, onde a situación 2 pola proximidade a casas se desactivara só unhas horas antes. Iniciado na noite do mércores, o lume provocou o confinamento da poboación de sete núcleos de poboación durante unhas horas ata o xoves. Queimáronse 295 hectáreas, das cales 220 corresponden a monte arborado e 75 a raso.

O incendio iniciouse sobre as 4 da tarde do pasado mércores e ata en cinco puntos diferentes de forma case simultánea, "o que apunta unha clara intencionalidade", segundo a Xunta. Finalmente, afectou unha superficie de 295 hectáreas, das cales 220 corresponden a monte arborado e 75 a raso.

Outro incendio forestal quedou extinguido na tarde deste luns na localidade ourensá de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechao, que segundo as últimas estimacións afectou unha superficie de 34 hectáreas. O pasado venres, quedou extinguido tamén outro en Porto do Son, en Miñortos, que queimou 28,3 hectáreas. 

Incendios máis pequenos

Por outra banda, e desde a mañá do domingo, quedou extinguido outro incendio na parroquia de Olveira, en Ribeira, que apenas afectou 0,01 hectáreas pero que se produciu dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo, razón pola que a Xunta informa da súa situación malia o escaso impacto. 

Perímetro do incendio de Vilardevós, en base ás imaxes de satélite de Copernicus CC-BY-SA Educación Forestal

De feito, tendo en conta as informacións achegadas por diferentes brigadas que traballan na extinción, esta fin de semana houbo incendios tamén en Dodro, Fisterra, Maceda, Caldas, Noia, Carballo, Salceda de Caselas, O Rosal, Xermade, Mondariz, Cerdedo-Cotobade, A Cañiza, Meis, Cualedro, Cedeira, Vilardevós ou Gondomar, aínda que foron poucas as hectáreas afectadas en cada un deles. 

Con todo, o que vai de verán non está a ser especialmente activo en canto a incendios, agás esta última fin de semana, o que eleva as alertas de cara aos vindeiros días, sobre todo pola vaga de calor que afectará boa parte de Galicia nesta semana. No que vai de ano, son algo máis de 2.000 as hectáreas queimadas en Galicia.

Ademais, o pasado 2024 foi, con  2.644 hectáreas, o terceiro ano con menor superficie ardida en incendios forestais nos montes galegos dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599). Na banda contraria están catro exercicios dos anos 70 e 80 do século pasado, con máis de cen mil hectáreas anuais arrasadas. E, máis ou menos próximos a aqueles catastróficos rexistros, as 95.000 hectáreas de 2006 ou as máis de 60.000 de 2017, nestes últimos dous casos produto de vagas de lume concentradas en moi poucos días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.