Na noite do venres 8 ao sábado 9 de agosto do pasado ano, no medio dun caloroso verán e dunha vaga de lume en Galicia, en lugares tan distantes e diferentes como Pontevedra, Begonte, Caldas, Vilalba, Sarreaus, Meaño, Melide, Noia ou Vilariño de Conso prendeu algún incendio, ata un total de 15 en toda Galicia. Na noite seguinte, foron 14 os que se rexistraron en Dozón, Baralla, Ramirás, Ponteareas ou Sarreaus. Case 30 iniciáronse na escuridade daquelas dúas xornadas nas que, en só 48 horas, houbo medio cento de focos no país.
O 30% dos incendios do pasado ano en Galicia comezaron de noite; na vaga do verán foron un terzo
O 60% dos focos daquel fin de semana producíronse de noite, unha proporción bastante máis elevada da que se dá en xeral tendo en conta todos os incendios do ano. En global, en 2025 case o 30% dos fogos prenderon entre as 22 horas e as 7 da mañá seguinte, malia que —en teoría— as condicións climatolóxicas, laborais e sociais fan menos probable as lapas.
Porque os datos completos sobre todos os incendios forestais rexistrados en Galicia o pasado ano, obtidos por Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia e publicados en aberto, deitan luz tamén sobre o momento no que se orixinan. Dos 1.475 focos rexistrados en Galicia en 2025, o 29% tiveron lugar de noite (427). Unha proporción nada desdeñable para uns datos que traen ademais por tras circunstancias ata o de agora inauditas no comportamento do lume.
"Este verán, por primeira vez, focos secundarios iniciaron incendios de noite, coas condicións menos propicias", advirte Juan Picos
Así o advirte Juan Picos, subdirector da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, coordinador do proxecto europeo Firepoctep e un dos maiores expertos nos incendios. Malia que aclara que é "moi difícil" sinalar un "padrón" que explique por que ata un terzo dos focos se producen de noite, si sinala varias circunstancias inéditas que se deron na vaga do pasado verán e que elevan "a alerta" sobre o novo lume ao que nos enfrontamos.
"Na análise dalgúns fogos vimos como, por primeira vez, foi habitual que focos secundarios iniciasen incendios de noite, xusto cando as condicións son, teoricamente, menos propicias; ademais, o lume expandiuse nesas horas como nunca se vira antes", explica Picos. O experto pon o foco no elevado combustible vexetal e a secura deste, a niveis tales que nin a baixada das temperaturas e do sol impide que prenda e espalle as lapas rapidamente.
"Muda a praxe"
Se reparamos en agosto, mes onde se rexistraron máis incendios (655) e onde arderon 113.700 hectáreas das case 120.000 anuais, a porcentaxe de focos que se iniciaron de noite foi do 33%, ao igual que no mes de xullo. Xa que logo, tres de cada dez rexistrados prenderon entre as 22 e as 7 horas durante o ano, e un terzo fixérono tamén ás escuras durante os peores meses do verán e durante a vaga de agosto.
Picos explica que, tal e como adoitan relatar os servizos antiincendios, o factor humano está detrás da inmensa maioría dos incendios nocturnos, ben por neglixencia ou por unha clara intencionalidade, pero insiste en reparar no feito de que, no pasado ano, moitos focos secundarios —provocados por charetas que trasladan o lume varios metros— prenderon tamén de noite, "xusto cando as condicións lle son menos favorables", algo nada habitual. Unha circunstancia que, advirte, "mesmo fai mudar a praxe habitual dos bombeiros contra o lume", na que as horas sen luz se aproveitan para labores diferentes aos do día.
Con todo, Picos advirte que son os brigadistas e traballadores sobre o terreo os que coñecen mellor a casuística deste lume nocturno. Varios deles, en conversa con Praza.gal, afondan no tema.
Brigadistas din que "pola noite, agás accidente, os incendios son intencionados", moitos para queimar maleza ou espantar animais
"Pola noite, agás que haxa algún accidente, os incendios son intencionados, na clandestinidade", explica un brigadista con anos de experiencia contra o lume en Galicia, onde asegura que na intención de "escorrentar bechos ou limpar o monte", entre outras, agóchanse boa parte das explicacións a tanto fogo nocturno.
"Intencionados á noite son todos os incendios, pero hai que diferenciar cal é a intención", explica outro, coñecedor de que hai xente que queima, "sabendo que hai previsión de chuvia e aproveitando mellores condicións de control, para acabar coa maleza ou espantar o xabaril",. Pero tamén quen o fai "sabendo que non vai vir auga, dificultando as tarefas de extinción pola falta de visibilidade e de medios aéreos e para facer moito mal". .
Outro compañeiro, no entanto, cre que "é difícil establecer un padrón", engade as tormentas como causantes de dalgún incendio nocturno e mesmo sinala certas horas e días nos que as probabilidades de lume aumentan. "Todos sabemos o que pasa algunhas fins de semana, a certas horas de madrugada despois de vir da festa", indica, tras insistir na dificultade de ditaminar unha única causa.
Os incendios orixinados pola noite queimaron algo menos de 7.000 hectáreas, o 5,75% do total de superficie afectada
De noite, insiste outro brigadista, a maquinaria agrícola —que provoca faíscas que moitas veces provocan lume— "non traballa". "A maioría da xente está descansando, os accidentes son menos probables e o sol xa non axuda a propagar as lapas", di para afondar na intención como factor clave dos incendios nocturnos e sobre unhas estatísticas que confirman outra das evidencias do seu labor: a maioría dos incendios ocorren pola tarde.
Máis do 80% nalgún concello
En concreto, case o 40% iníciase entre as dúas e as seis da tarde e máis de dous terzos (o 67%) fano desde as dúas e ata as 7 da mañá do día seguinte. En canto ás hectáreas queimadas, os incendios orixinados pola noite en Galicia no pasado ano supuxeron a queima de algo menos de 7.000 hectáreas (o 5,75% do total), mentres que os focos con maior superficie ardida tiveron lugar á tarde.
Aínda que a nivel global en Galicia os incendios nocturnos supoñen arredor dun terzo do total, hai localidades onde esta proporción é moito máis elevada. En Ames, por exemplo, tres dos catro incendios rexistrados o pasado ano foron rematado o día, o 43%, mentres que nas Neves supuxeron 8 de 21, o 38%. En Caldas de Reis, con oito focos rexistrados, a porcentaxe superou o 60% (cinco fogos), en Meaño foron 9 de 13 e en Salvaterra de Miño 16 de 23; e en Lousame máis do 80%: dos once rexistrados nove prenderon durante a noite.