Caso Oímbra: á procura da orde da roza que provocou o segundo maior incendio da historia de Galicia

Bombeiros traballando na extinción do lume en Oímbra, en agosto de 2025 CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

Ás tres menos vinte da tarde do pasado 12 de agosto de 2025, na parroquia da Granxa, en Oímbra, declarouse un incendio que acabou desbocado. Xuntouse con outro en Xinzo e o monte ardeu durante vinte días no que foi o segundo maior fogo da historia de Galicia. Queimou máis de 22.300 hectáreas no val de Monterrei, arrasou aldeas enteiras e feriu de gravidade tres mozos brigadistas, un deles, de 18 anos, con graves secuelas tras case tres meses ingresado no hospital. 

As rozas dunha empresa contratada pola Xunta e o Concello en Oímbra, malia o risco extremo, provocaron o segundo maior incendio da historia de Galicia

Aos poucos días de declararse o incendio, a Garda Civil detivo un home de 47 anos que rozaba cun tractor na zona onde dous focos iniciaron o incendio. Traballaba para unha empresa privada contratada para a limpeza das cunetas, nun labor que nunca se tería que ter realizado nun día de risco extremo como aquel nunha parroquia, ademais, incluída entre as 26 cualificadas polo Executivo autonómico como "de alta actividade incendiaria". Lugares onde se intensifica a "vixilancia" e se aplican "medidas extraordinarias" de prevención e protección contra o lume. 

Bombeiro actuando nunha casa en Oímbra, en agosto de 2025 CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

A investigación xudicial que se leva a cabo no Tribunal de Instancia de Verín mantén como único investigado este home que traballaba para unha empresa contratada polo ente público Seaga (Servizo Agrario Galego) —para a xestión da biomasa a través do plan autonómico ao que se adherira o municipio—, pero tamén polo propio Concello de Oímbra para labores semellantes. 

O condutor do tractor é o único acusado, pero a investigación xudicial advirte do caos e descoordinación que provocou que non se suspendesen uns traballos que non se podían realizar 

O sumario xudicial, ao que tivo acceso Praza.gal, aclara que a empresa pública Seaga (dependente da Consellería de Medio Rural) ordenou parar xa as rozas o 30 de xullo, pero tamén que desde aquel día a descoordinación entre a Xunta, a subcontrata e o Concello de Oímbra, ou o desleixo das partes, provocaron que non só non se parasen eses traballos senón que continuasen e acabasen provocando un devastador incendio, tal e como adiantou e detallou El País. Lapas que, a máis de dez quilómetros, na Caridade, en Monterrei, arrasaron vinte vivendas, granxas e animais. 

A alcaldesa, Ana Villarino, foi unha das chamadas a declarar como testemuña o pasado luns, cando recoñeceu que no día no que se declarou o fogo había instrucións de realizar rozas e que non lle constaba que non se puidesen facer

Seaga ordenou parar as rozas o 30 de xullo pero non se enviou un correo ao Concello ata o 3 de agosto; a alcaldesa di que nunca tiveron constancia da prohibición

Segundo varias declaracións incluídas no sumario, o tractor causante do lume traballaba tanto para a Xunta como para o Concello, así que a teoría é que parou os traballos de Medio Rural pero seguiu realizando a limpeza para a administración municipal malia o risco e as estritas limitacións que impón a lei de incendios. Non está permitida a utilización de maquinaria que poida xerar charetas, deflagracións ou descargas agás que o autorice expresamente a administración autonómica. 

No entanto, un correo electrónico incluído tamén no sumario indica que catro horas antes de declararse o incendio, Seaga (a empresa pública) estaba asignando novos labores de roza en Oímbra e confirmando a presenza de tractores traballando na localidade. Pouco despois, a Xunta decretaba o nivel 2 de emerxencia en toda a provincia e as faíscas da máquina rozadora —na que a Garda Civil detectou deficiencias que aumentaban o risco— provocaban un lume que acabou arrasando máis de 22.000 hectáreas. 

Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte durante a vaga de incendios de 2025, nunha mesa informativa CC-BY-SA Xunta

A investigación xudicial intenta agora deitar luz sobre un enredo de ordes, avisos, descoordinación e desleixo que provocaron que nunca se suspendesen unhas rozas que acabaron sendo fatais. E en saber tamén quen é responsable do enguedello de correos, chamadas e papeis. Pero, sobre todo, descubrir quen permitiu que se seguise rozando con maquinaria nunha zona cun IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio Forestal) de nivel extremo, que é zona de alto risco e que é unhas parroquias con vixilancia especial. E no medio dunha vaga que naquelas xornadas ameazou vivendas, provocou desaloxos e queimou en dous días a mesma superficie que en dous anos en Galicia

A alcaldesa de Oímbra recoñece que no día do incendio realizábanse rozas no concello; un correo de Seaga daba directrices para ese día sobre os labores a realizar

O único investigado está acusado dun presunto delito de incendio por imprudencia grave e de tres delitos de lesións e danos por imprudencia grave. Un empregado municipal, que declarou como testemuña ante a Garda Civil aos poucos días de extinguirse o lume, asegurou que el mesmo avisara a alcaldesa de que Seaga ordenara paralizar os traballos o 30 de xullo por risco de incendio. Segundo se deduce do sumario, o tractor que acabou por provocar o lume seguiu traballando polas mañás para o Concello, ao igual que o da testemuña que declara, contratado directamente pola administración local. 

As pescudas da Garda Civil aclaran que Seaga emitiu un correo ao Concello de Oímbra informando de que o 30 de xullo foran paralizados os traballos "en base á orden transmitida pola Dirección Xeral de Defensa do Monte mentres as condicións meteorolóxicas non sexan máis favorables para a realización destes". O atestado conclúe que os traballos incumprían a orde de paralización e que nas súas primeiras declaracións o acusado asegura que ninguén lle dixo "nada" sobre o risco extremo ou se podía ou non realizar o traballo.

Traballo "autoxestionado"

As declaracións de persoal técnico e directivo de Seaga, de traballadores da empresa adxudicataria e de persoal do Concello demostran o enredo no que se converteron as comunicacións para deter as rozas. O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, dá a orde verbal a Seaga o 29 de xullo para que se paren estes traballos desde o 30 de xullo, pero desde a delegación de Ourense do organismo público non se enviou o correo electrónico ao Concello ata o 3 de agosto. 

Desde aí, ninguén parece saber se a mensaxe chegou a quen debía ou á propia alcaldesa, e persoal municipal seica contaba con que fose a propia Seaga a que comunicase a decisión á adxudicataria encargada dos traballos. 

Bombeiros actuando nunha casa en Oímbra, en agosto de 2025 CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

Moitas das comunicacións entre os implicados son telefónicas, sen rastro documental. Malia todo, e a pesar das contradicións en moitas das declaracións, o sumario apunta a que desde a propia Seaga se coñecía a existencia duns traballos de roza en datas nas que non podían ser realizados. Ademais, mesmo traballadores do Concello chegan a admitir que realizan labores semellantes de maneira "autoxestionada" e que non sabían nada de supostas ordes de paralización destes traballos.

O traballador municipal que dirixía os traballos deixa claro que coñecía as ordes de paralización de Seaga e que el mesmo llas trasladou á alcaldesa, pero os labores continuaron. No seu caso, rozando coa súa maquinaria para o Concello. No caso do tractor que provocou o incendio, deixando a limpeza de cunetas que se facían para a Xunta, pero continuando coas que mandaba o consistorio. 

A propia rexedora, segundo informou La Región, declarou nos xulgados que a mesma mañá do incendio había dous tractores realizando tarefas de roza no municipio, que ao Concello non lle constaba que non se puidesen facer e que non recibiran ningún aviso institucional que ordenase parar a maquinaria. Pero é que, ademais, un correo electrónico remitido por Seaga á subcontrata onde traballaba o acusado daba as directrices para realizar rozas en Oímbra e noutros concellos da zona. 

A Xunta non aclara quen encargou as rozas que provocaron o incendio

O correo, emitido pouco despois das 10 da mañá daquel 12 de agosto, non foi revocado e un técnico de Seaga asegura que non houbo prohibición expresa nin por escrito para non seguir rozando. Velaí a clave que pode librar o acusado de responsabilidade e mesmo arquivar a causa contra el. Pero tamén a que demostra que as ordes para deter as rozas ou nunca chegaron ou non foron atendidas. É o que queda por resolver. 

Preguntado o actual director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez, na comisión de Agricultura do Parlamento sobre quen deu a orde de continuar coas rozas naquel día, rexeitou dar datos por estar a cuestión "sometida a investigación xudicial", ámbito onde se determinarán as responsabilidades, aclarou. Alfonso Rueda, presidente da Xunta, tamén se remitiu "ás conclusións xudiciais". 

O anterior director xeral de Defensa do Monte, que ostentaba o cargo durante a vaga de lume deste pasado verán, foi un dos afectados pola remuda que afectou á cúpula da Consellería de Medio Rural en decembro tras o peor ano de incendios. O seu posto foi ocupado por quen era xefe de servizo de prevención de incendios en Pontevedra. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.