O lume cébase en Oímbra: "Os incendios xa non son coma antes; son horribles, arrasan con todo"

Un veciño de Oímbra observa as consecuencias dos incendios de xullo CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"O verán está sendo moi duro; os incendios agora son dunha virulencia extrema, horribles... Os equipos de extinción teñen cada vez máis dificultades para apagalos, con lapas enormes que parecen ondas, que arrasan con todo". Así explica Ana María Villarino, alcaldesa de Oímbra, o drama nunha das localidades máis afectadas polo lume nas últimas semanas. 

A vaga de incendios da segunda quincena de xullo e os do mes de agosto fixeron xa deste verán en Galicia o peor desde 2006. Máis de 43.000 hectáreas ardidas en só mes e medio e os dous maiores fogos documentados na historia do país: o que queimou no Courel entre 11.000 e 13.000 hectáreas e o que arrasou entre 10.500 e 12.400 en Valdeorras. 

Ducias de localidades sufriron de maneira especial a virulencia dun lume cada vez máis perigoso, incontrolable e difícil de extinguir. O sur da provincia de Ourense volveu levar a peor parte, con algún pequeno concello especialmente afectado, tanto polo número de incendios sufridos como a superficie afectada. Oímbra, na raia con Portugal, é un deles

A capela de Santa Ana, en Oímbra, destruída polos incendios de xullo CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Oímbra sufriu seis incendios importantes este verán que afectaron seis das súas sete parroquias e queimaron 3.600 hectáreas, a metade da súa extensión

Desde que aquel xoves 14 de xullo os milleiros de raios que a tormenta deixou en Galicia provocaran o inicio da violenta vaga de incendios, Oímbra non tivo tregua. Sufriu seis importantes fogos -dous deles entre os dez máis grandes do verán- que afectaron importantes extensións de terreo en seis das súas sete parroquias. Unhas 3.600 hectáreas arderon neste pequeno municipio, o equivalente -por incrible que pareza- á metade da súa extensión: 36 km² dun total de 72 que ocupa o seu termo municipal. O equivalente a, por exemplo, case a totalidade da cidade da Coruña. 

"As condicións climatolóxicas tornáronse en ideais para que se estendese o lume: sen humidade, con tempo moi seco e un vento horrible na zona en moitos casos. Foi a combinación perfecta", explica Ana María Villarino, a alcaldesa, en conversa con Praza.gal, acabada de chegar a unha visita á parte alta do concello. "É unha pena ir á montaña e ver a esquerda e dereita a paisaxe negra como está", lamenta. 

Dio quen leva "varios anos" sendo testemuña de incendios na zona, pero que advirte tamén da cada vez da súa maior "perigosidade" e magnitude. "En Oímbra sempre houbo incendios, pero esa é unha realidade que se está acentuando e asentando nos últimos anos", conta a rexedora, que explica a peculiaridade dun municipio onde moitos dos fogos que sofre proveñen do outro lado da raia, de Portugal. 

"O verán está sendo moi duro; os incendios agora son dunha virulencia extrema, horribles, con lapas enormes que parecen ondas", di Ana M. Villarino, alcaldesa

Desta vez, dos seis incendios do verán -algún deles orixinados nun mesmo foco-, só un deles tivo orixe no propio municipio de Oímbra, o que o 14 de agosto se rexistrou na estrada que une a capital municipal coa parroquia das Chás que acabou arrasando a capela medieval de Santa Ana, do que só quedaron os muros. 

O resto orixináronse no país veciño: o que afectou a Videferre -onde arderon case 1.000 hectáreas- logo de que un raio provocase un incendio do lado luso da fronteira; os que queimaron máis de 2.000 hectáreas en Rabal e 370 en San Cibrao, por un camión nunha estrada portuguesa; e aínda o pasado luns, outro foco rexistrado en Ervededo (Chaves) acabou espallándose pola parroquia de Bousés, onde arderon perto de 100 hectáreas. 

Un home en Oímbra observa o monte queimado tras os incendios de xullo CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Obviamente, o lume non entende de fronteiras nin de países, pero é certo que os incendios que nos veñen de Portugal adoitan chegar aquí xa moi virulentos, con moita potencia", di Villarino, que explica que, en moitos casos, os servizos de extinción lusos deben "priorizar a defensa dos núcleos de poboación e as casas", o que provoca que "se deixe arder, ata que os fogos chegan a Oímbra cunha velocidade e carga que os fai imparables". 

"Non é coma antes, cando moitos dos focos enfrontábanse con motobombas e brigadas terrestres que agora non son quen de enfrontarse a eles"

"Sei que é un tema complexo, pero entre as administracións de aquí, as portuguesas e a UE temos que artellar algún proxecto, algunha iniciativa porque a situación aquí na raia é cada vez peor e o lume chéganos cunha virulencia xa imposible de controlar", insiste Villarino, que volve lembrar a potencia dos incendios vividos este verán. 

"Non é coma antes, cando moitos dos focos enfrontábanse con motobombas e brigadas terrestres que agora non son quen de enfrontarse a eles... Mesmo aos medios aéreos lles custa apagar incendios tan virulentos. Onde antes chegaba unha descarga, agora precísanse moitas", conta quen sofre inquedanza polo monte, a paisaxe e a veciñanza, malia que ningún dos fogos afectou vivendas. "Queimouse monte, viñedos e soutos de castiñeiros... Á marxe diso, o que si arrasou o lume foi a capela de Santa Ana", explica. 

Muda o ton da alcaldesa ao falar da desfeita que un incendio a mediados de agosto causou no que considera "moito máis que un símbolo relixioso". "Para a xente de Oímbra e da comarca, é como o faro para a xente do mar", explica quen considera que o feito de que o lume arrasase a capela dá conta do tipo de fogos aos que se enfronta agora o municipio e boa parte de Galicia: "As inmediacións da Santa Ana arderon moitas veces pero o fogo nunca chegaba a ela; desta vez nin ela se salvou. Foi un golpe duro"

Como en tantas partes, os efectos do cambio climático, do tempo cada vez máis seco, únense ao abandono e ao monte descoidado para explicar as causas de tanta virulencia e constancia nos incendios. "Obviamente, se todo o monte estivese limpo, a agresividade do lume sería menor", di Villarino, que advirte que en Oímbra, "desde hai tres anos, límpase moito máis que antes". Con todo, avisa dun problema habitual en tantos municipios: "Ás veces é difícil dar co propietario dun terreo: ou porque morreu, ou porque a parcela agora está repartida entre cinco fillos, ou porque está fóra ou porque nin se sabe xa a quen pertence... Danse moitas situacións deste tipo", conta. 

Lume en Oímbra, durante os incendios de xullo CC-BY-SA ATBrif

"O mellor cortalume é que o terreo estea en produción; precisamos un cambio de mentalidade, que a xente poña en valor as súas parcelas"

"O mellor cortalume é que o terreo estea en produción; onde hai soutos e viñedos é moito máis difícil que arda, como puidemos comprobar este verán. O rural non está tan traballado coma antes e, aínda que en Oímbra hai unha repunta da actividade agrícola, non é suficiente", continúa a alcaldesa, que lembra que, coas condicións meteorolóxicas actuais, "unha parcela rozada en marzo volve estar a monte outra vez en agosto". Por iso, cre, non abonda só con "mandar limpar os montes". 

"É un problema estrutural que non ten fácil solución, pero precisamos un cambio de mentalidade, que a xente poña en valor os seus terreos", engade quen conta como é habitual que, no intento de xuntar parcelas para un maior aproveitamento agrícola, "siga habendo reticencias a alugar ou vender". 

"Entendo que haxa a quen non lle interesen as parcelas que ten aquí se está fóra, pero deben decatarse de que son un obstáculo para quen busca unha explotación máis grande e terra para traballala. Se unha persoa non vai explotar o seu terreo, debería haber mecanismos para que alguén o traballe sen perder a propiedade", di. Hainos, como ben sabe, pero volve remitir a ese "cambio de mentalidade" necesario.  

Consecuencias dos incendios en Oímbra, nunha imaxe do satélite Sentinel © Sentinel

"Hai que facer algo, cooperar e impulsar a actividade agrícola porque nos come o monte e cómennos os incendios"

Así, e con cada vez máis parcelas acumulando combustible vexetal, o problema dos incendios pasa a ser tamén un problema de protección civil. "Antes os núcleos de poboación estaban a salvo porque o terreo de arredor estaba traballado, pero agora cada vez están máis en perigo", advirte desde un Concello que impulsa un polígono agrario xusto nunha das zonas máis afectadas polos incendios este ano, así como un mecanismo para a xestión e explotación conxunta dos soutos. 

"Hai que facer algo, cooperar e impulsar a actividade agrícola; cómenos o monte e cómennos os incendios", remata. "Se isto segue así, que nos queda?", reflexiona.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.