Así ardeu Galicia en xullo e agosto: o peor verán dende 2006

Consecuencias do lume na Veiga de Cascallá, en Rubiá, tras os incendios de xullo de 2022 ©

Nestes pouco máis de 45 días arderon ao redor de 43.000 hectáreas, que se veñen sumar ás mil que se queimaran nos meses anteriores

A segunda metade do mes de xullo e o mes de agosto converteron este verán no peor en materia de incendios en Galicia dende o nefasto 2006, cando en apenas dúas semanas arderan máis de 80.000. Nestes pouco máis de 45 días arderon ao redor de 43.000 hectáreas, que se veñen sumar ás mil que se queimaran nos meses anteriores, tendo en conta unicamente -iso si- os incendios dos que informa a Xunta, que son os que superan as 20 hectáreas ou afectan a espazos protexidos ou poboacións. O 2022 é o segundo peor ano dende o 2006, pois por diante quedan as 60.000 hectáreas arrasadas en 2017, un ano no que os incendios máis graves tiveron lugar en outubro.

Foron un total de 59 fogos, que afectaron principalmente á provincia de Ourense, aínda que tamén ao sur de Lugo (especialmente no Courel 

O mapa anterior amosa a distribución dos incendios dos que a Xunta ofreceu información, atendendo aos criterios sinalados anteriormente. Foron un total de 59 fogos, que afectaron principalmente á provincia de Ourense, aínda que tamén ao sur de Lugo (especialmente no Courel e os concellos de Cervantes e Palas de Rei), ao interior e ao sur de Pontevedra (especialmente Arbo) e ao Barbanza na provincia coruñesa.

O tamaño dos círculos informa da superficie arrasada en cada incendio e clicando neles pódese obter a información detallada sobre a parroquia e concello no que o lume se iniciou e o día en que o fixo.

O incendio máis grave foi o que afectou ao Courel, arrasando unhas 11.000 hectáreas

O incendio máis grave foi o que a mediados de xullo afectou ao Courel, arrasando unhas 11.000 hectáreas entre Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón. Ese mesmo día (14 de xullo) comezou en Carballeda de Valdeorras (parroquias de Riodolas) o segundo incendio de maior tamaño, que queimou 10.500 hectáreas.

No gráfico anterior amosa os 12 maiores incendios deste verán en Galicia, con fogos que afectaron tamén a Vilariño de Conso, Boiro, Oímbra, Laza, O Irixo, Lobeira, Verín, Caldas de Reis e Arbo. Entre todos eles sumaron ao redor de 39.000 hectáreas queimadas.

Finalmente, a seguinte táboa informa detalladamente dos datos relativos a todos os incendios comunicados pola Xunta nestes dous meses, 25 en xullo (con 34.000 hectáreas queimadas) e 34 en agosto (que afectaron a algo máis de 9.000 hectáreas. O peor momento tivo lugar a mediados de xullo, entre o 14 e o 18 dese mes, cando se iniciaron 19 destes incendios e nos que se queimaron máis de trinta mil hectáreas de terreo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.