Un total de 25 concellos galegos poderán finalmente acceder ás axudas ao ser algunha parte do seu territorio incluído entre as Zonas Afectadas Gravemente por Emerxencias de Protección Civil (ZAEPC) -antes coñecido como zonas catastróficas- logo de ser afectados polos graves incendios deste verán.
O Consello de Ministros aprobou este pasado martes o real decreto polo que establece que se inclúe na declaración de ZAEPC todo o territorio que fose afectado por 20 importantes incendios declarados entre o 15 de xullo e o 10 de agosto.
A listaxe identifica cada fogo co nome do municipio onde se orixinou, á espera de que se determine a cantos concellos afectou cada un deles, xa que foron varios os que se iniciaron nun termo municipal pero acabaron afectando outros limítrofes ou mesmo xuntando nun mesmo incendio varios focos illados.
Un total de 25 concellos galegos poderán acceder ás axudas ao ser algunha parte do seu territorio incluída na declaración de zona catastrófica
Repasando todos os incendios que abrangue a declaración de zona catastrófica, serían 25 os que poderían acceder ás axudas que, no caso das corporacións locais, son de ata o 50% do importe dos proxectos que executen para reparar infraestruturas, instalacións e equipamentos municipais afectados polo lume.
En total, estarían incluídos estes concellos: As Pontes, Ames, Brión, Palas de Rei, Boiro, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Vilagarcía, Caldas de Reis, O Irixo, Folgoso do Courel, Quiroga, A Pobra do Brollón, Pontevedra, Ponte Caldelas, Rubiá, O Barco, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Chandrexa de Queixa, Laza, Arbo, A Cañiza, Verín e Oímbra.
No caso das persoas ou negocios afectados polos incendios nos territorios que abranguen os incendios sinalados polo Goberno central, son varias as axudas directas, desde as aplicadas pola destrución total da vivenda habitual, cunha contía máxima de 15.120 euros, ata as que sufragan ata o 50% do valor dos danos, cun límite de 10.320. Tamén axudas de ata 9.224 para os titulares dun negocio afectado, outras para explotacións agrícolas e gandeiras, beneficios fiscais ou exencións nas cotas da Seguridade Social.
"A declaración da zona catastrófica e a posibilidade de acceder ás axudas inclúe todas as persoas e negocios que se visen afectados por eses 20 incendios, estean no concello que estean", aclaran a Praza.gal fontes da Delegación do Goberno. En canto á listaxe dos fogos, o Executivo central incluíu neles a maioría dos considerados Grandes Incendios Forestais (GIF), aqueles que superan as 500 hectáreas ardidas, pero tamén aqueles "onde as comunidades autónomas se visen obrigadas a activar os seus respectivos plans de protección nunha situación operativa de niveis 1 ou 2, tal e como establece o Plan Estatal Xeral de Emerxencias".
Xa que logo, tamén os que puxeron en riscou ou afectaron a vivendas e bens. De feito, e segundo os últimos datos que facilitou o Ministerio do Interior, máis de 1.800 persoas tiveron que ser desaloxadas por mor dos incendios este verán.
Por esa razón, na listaxe inclúense desde incendios como o do Courel -o máis grande rexistrado en Galicia na historia, con entre 11.000 e 13.000 hectáreas ardidas- ata un en orixinado nunha parroquia de Ames que queimou 6 hectáreas e obrigou a solicitar a situación 2 pola proximidade ao núcleo de Guitiande, xa no veciño concello de Brión.
É este un dos casos nos que un incendio supón a inclusión de varios municipios na declaración de zona catastrófica. Ocorreu en moitos máis, especialmente nos máis grandes e virulentos. Así, o que no Courel xuntou varios focos acabou afectando territorio de Folgoso, Quiroga e A Pobra do Brollón, mentres que outro dos máis graves, en Valdeorras, causou graves danos en zonas do Barco, Carballeda ou Rubiá. Na Veiga de Cascallá, pertencente a este último concello, máis de 30 casas foron destruídas polas lapas.
Ademais, outros grandes incendios que afectaron Galicia en agosto acabaron por estenderse tamén a varios concellos. No Barbanza, o que comezou na parroquia de Cures, en Boiro, e queimou máis de 2.000 hectáreas, acabou afectando tamén zonas de Ribeira e A Pobra. O de Laza, tamén con máis de 2.000 hectáreas arrasadas, chegou a Chandrexa de Queixa, mentres que o que se iniciou en Caldas entrou en Vilagarcía. Tamén en Ponte Caldelas, o fogo que se iniciou en Xustáns afectou tamén unha área do concello de Pontevedra.
Por outra banda, hai varios incendios incluídos no real decreto que afectaron diferentes parroquias dun mesmo concello, como no caso de Oímbra e As Pontes.
Por outra banda, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, advertiu da necesidade de que o real decreto inclúa tamén axudas á rehabilitación de segundas vivendas, para as que a Xunta si "contempla algunha cantidade". "Hai un risco", dixo na Radio Galega, de que os propietarios destas casas -a maioría das afectadas polo lume- "decidan non rehabilitar".
Formoso: "O Goberno central fai xustiza con Galicia"
Ademais, e respecto á declaración de zona catastrófica, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que o Goberno central "fai xustiza" con Galicia cunha medida que, di, permitirá que "centos de familias, empresas, concellos e administracións afectadas polo lume poidan ter unha liña de axudas clara".
Así o dixo en declaracións na Festa do Emigrante de Pol, onde Formoso cargou contra a Xunta, á que responsabiliza da problemática dos incendios forestais, que ve consecuencia "do abandono do rural". Por iso, reclamou "unha política forestal e unha política de ordenación territorial ambiciosas" que, para o líder do PSdeG, "é a base da revolución que este país necesita" para lograr que "os lumes sexan unha anécdota no futuro".
"Cando o goberno galego non ordena o rural, cando non ten a ambición de potenciar forestalmente o rural, o que está a facer é provocar o abandono das aldeas de Galicia, e a súa consecuencia é o lume", aseverou o responsable do PSdeG.