O Consello de Ministros declarou como zona catastrófica todo o territorio de Galicia afectado por vinte grandes incendios declarados entre o 15 de xullo e o 10 de agosto. Son nove fogos na provincia de Ourense, cinco en Pontevedra tres na Coruña e outros tres en Lugo.
Neles, inclúense non só aqueles considerados Grandes Incendios Forestais (GIF), os que superan as 500 hectáreas ardidas, senón aqueles que obrigaron a declarar a situación de emerxencia 1 ou 2 por afectar a poboación ou bens de natureza non forestal.
O Consello de Ministros declarou como zona catastrófica todo o territorio de Galicia afectado por vinte grandes incendios entre o 15 de xullo e o 10 de agosto
Tal e como aclara a Delegación do Goberno, a listaxe dos incendios incluídos no real decreto non se corresponde unicamente cos municipios que serán incluídos na declaración de zona catastrófica xa que, en moitos casos, os fogos acabaron afectando varios concellos. A lista ascendería a máis de vinte.
En todo caso, o real decreto que este martes aprobou o Consello de Ministros inclúe na declaración de zona catastrófica o territorio afectado polos fogos dos primeiros días de agosto en Boiro, Ames e As Pontes, así como os que a mediados de xullo se iniciaron en Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón ou Palas de Rei. No caso de Ourense, inclúe o grave incendio que empezou en Carballeda de Valdeorras, dous de Oímbra, Castrelo de Miño, Verín, Chandrexa, O Irixo, Laza-Chandrexa e Boborás, mentres que no de Pontevedra afecta a dous de Arbo, A Cañiza, Caldas, Ponte Caldelas.
A declaración dunha área como zona catastrófica -concretamente zonas afectadas gravemente por emerxencias de protección civil (Zaepc)- supón que a veciñanza, os propietarios de bens inmobles e os concellos afectados por unha catástrofe natural como os incendios poden acceder a axudas económicas, fiscais e laborais específicas, ademais de axilizar os trámites para acadalas.
As axudas directas inclúen ata 15.120 euros pola destrución total da vivenda habitual e ata 10.320 para paliar os danos
Así, o Goberno central aclara que os 119 incendios que 15 comunidades autónomas sufriron desde o pasado 19 de xuño provocaron "un grave dano medioambiental" e "graves danos en infraestruturas e bens públicos e privados", así como en cultivos e explotacións agropecuarias ou polígonos industriais.
A falta de que se detallen estes danos, o Goberno central xustifica a súa intervención a través da declaración de zona catastrófica para lograr o "pleno restablecemento dos servizos públicos esenciais e para recuperar a normalidade nas zonas afectadas". Así, establece unha serie de axudas directas que inclúen 18.000 euros por falecemento ou incapacidade, ata 15.120 euros máximas por destrución total da vivenda habitual ou ata o 50% da valoración técnica de danos que afecten á súa estrutura, cun límite de 10.320 euros.
En Galicia, sobre un cento de casas foron destruídas polas lapas, aínda que non todas eran a vivenda principal.
O real decreto inclúe axudas de ata 9.224 euros para os titulares de negocios afectados polos incendios
Tamén inclúe o Executivo axudas por danos que non afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50% da súa valoración técnica e cun límite de 5.160 euros, así como outras por destrución ou danos nos avíos domésticos de primeira necesidade, cun límite de 2.580. Tamén se inclúen axudas para elementos comúns de uso dunha comunidade de propietarios ou aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos -incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos-, nestes casos ata 9.224 euros.
O acordo aprobado no Consello de Ministros tamén prevé a exención de taxas de Tráfico para duplicados de permisos ou baixas de vehículos sinistrados, así como axudas por danos en producións agrícolas, gandeiras, forestais e de acuicultura ou beneficios fiscais, como a exención na cota do IBI e a redución do Imposto sobre Actividades Económicas que corresponden aos receptores das axudas e que quedarán exentas do IRPF nas axudas.
Tamén se inclúen a posibilidade de bonificacións e exencións de cotas da Seguridade Social e axudas ás entidades locais por un importe de ata o 50% aos proxectos para reparar infraestruturas municipais.
A declaración de zona catastrófica abranguería en Galicia numerosos concellos, xa que foron moitos os incendios que acabaron afectando varios municipios, como o caso de Folgoso, A Pobra do Brollón e Quiroga, afectados no Courel no maior incendio rexistrado na historia de Galicia -onde arderon entre 11.000 e 13.000 hectáreas tras se xuntar varios focos- ou os de Carballeda, O Barco e Rubiá, en Valdeorras, comarca que sufriu tamén en xullo un enorme fogo, o segundo maior na historia no país, onde foron arrasadas entre 10.500 e 12.000 hectáreas.
No seu anuncio previo ao Consello de Ministros, este pasado luns, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou que se declararían "zona catastrófica" os territorios afectados polos "grandes incendios deste ano". Tecnicamente, son considerados Grandes Incendios Forestais (GIF) aqueles que superan as 500 hectáreas queimadas.
No entanto, o real decreto inclúe tamén aqueles "onde as comunidades autónomas se visen obrigadas a activar os seus respectivos plans de protección nunha situación operativa de niveis 1 ou 2, tal e como establece o Plan Estatal Xeral de Emerxencias".
En Galicia, neste verán foron nove os incendios que sobrepasaron esa superficie queimada e son considerados GIF, afectando varios concellos: os do Courel e Valdeorras, ademais do rexistrado en Vilariño de Conso en xullo, que queimou unhas 7.000 hectáreas, pero que non está incluído ao non afectar infraestruturas e bens.
Tamén foron GIF os dous incendios en Oímbra, con 2.100 e 920 hectáreas arrasadas, ademais dos de Boiro, que afectou tamén a Ribeira, Laza (que chegou ao municipio de Chandrexa) en agosto -que superaron ambos as 2.000 hectáreas- e os do Irixo e Verín, por riba das 600.