A tregua dos incendios remata e o lume volveu ameazar vivendas en Moaña e Ponteareas

Incendio en Meira (Moaña) CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

O pasado venres, e logo da extinción dun incendio en Pantón, converteuse no primeiro día en máis dun mes no que a Xunta non comunicara a existencia de incendios forestais. As febles chuvias do comezo da semana pasada axudaron a deter unha tendencia que en algo máis de trinta días arrasara máis de 42.000 hectáreas en Galicia. 

Esta pasada fin de semana tamén deu tregua. Ata este luns, no que varios incendios afectaron as localidades de Moaña, Ponteareas, Negreira e As Neves, sendo os dous primeiros os máis preocupantes durante a tarde pola proximidade das lapas ás casas, un risco que quedou desbotado coa chegada da noite. 

Incendio en Meira visto desde Moaña CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Medio Rural solicitou a situación de alerta 2 pola proximidade das lapas ás casas nos incendios de Meira (Moaña) e Ponteareas

Pasadas as 17:30 horas deste luns, a Consellería do Medio Rural anunciaba que se solicitara xa a situación de alerta 2 pola proximidade do lume a varias vivendas da parroquia moañesa de Meira, nos núcleos da Moureira e da Ribeira, logo dun incendio que se declarou pouco antes das 4 da tarde e obrigou a cortar a autovía do Morrazo unhas horas entre os quilómetros 5 e 6 ata pasadas as 7 da tarde. 

Contra as 20 horas, Medio Rural trasladou que o lume nesta zona "evoluciona favorablemente e non hai perigo para núcleos de poboación" ata que a situación 2 quedou desactivada ás dez da noite e o incendio estabilizado pouco despois. Aínda activo, queimou xa máis de 20 hectáreas logo de que ata un cento de veciños colaborasen nos labores de extinción para defender as súas casas e tras vivirse momentos de moita tensión.  

A situación a primeiras horas da tarde, segundo relataba a propia alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, era "crítica", coa veciñanza "apagando o lume desde terra" mentres agardaban a chegada dos medios. Na mañá do martes o persoal de extinción traballaba en arrefriar puntos quentes tras remitir o perigo para os núcleos de poboación. 

Ao igual que no caso do incendio de Moaña, outro declarado en Ponteareas obrigou tamén a solicitar a situación 2 pola proximidade das lapas ás casas na parroquia de Guillade, máis concretamente ao núcleo de Raimonde. O nivel de emerxencia quedou desactivado tamén horas despois, ata que o fogo quedou estabilizado contra a medianoite, aínda que houbo que desaloxar un grupo de veciños na zona de Pazos. 

O incendio de Moaña obrigou a cortar a autovía do Morrazo e a alcaldesa advirte dunha situación "crítica"

Este incendio rexistrouse pouco despois das 16:30 e queimou xa arredor de 25 hectáreas pero a primeira hora da mañá do martes Medio Rural anunciou que a extinción "evoluciona favorablemente" e xa non hai perigo para núcleos de poboación. Nesta altura, trabállase tamén no arrefriamento de puntos quentes. 

Ademais, no concello das Neves un lume afectou tamén a parroquia de Batalláns, mentres que outro en Negreira, en Aro, estaba tamén activo mediada a tarde. 

Brigada chegando ao incendio en Guillade (Ponteareas) CC-BY-SA AT Brif

Xa que logo, e despois de tres días de tregua, o lume volve ser protagonista negativo en Galicia logo de mes e medio de importantes incendios. O peor momento deste verán rexistrouse na terceira semana de xullo, cando tras os raios do día 14 desatáronse os principais incendios do ano, entre eles os dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros, no Courel e Valdeorras, con máis de 10.000 hectáreas cada un deles. En total, só durante a vaga de incendios de xullo, entre o día 14 e finais dese mes, arderon en toda Galicia máis de 34.000 hectáreas.

Pero apagados aqueles lumes non deixou de haber incendios en ningún momento ata o pasado venres e no que vai de agosto xa son máis de 8.100 as hectáreas ardidas en toda Galicia.

No caso dos catro incendios deste luns, polo momento a Xunta só informou nas súas redes dos de Moaña e Ponteareas pola súa afectación a poboacións. A Consellería do Medio Rural só informa dos incendios que queiman máis de 20 hectáreas ou dos que afectan a veciñanza ou espazos protexidos. 

Con ese criterio, o Goberno galego estivo comunicando a existencia de incendios activos, controlados ou estabilizados en diversos puntos do país de xeito ininterrompido desde comezos do mes de xullo ata o pasado venres 19. Antes mesmo da vaga de incendios que provocou a tormenta de raios do día 14 do mes pasado xa había activos varios focos, desde o día 12 de xullo, en Ribadavia e Melón. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.