Case 2.000 persoas tiveron que ser evacuadas por mor dos incendios en Galicia no que vai de ano. A maior virulencia e perigosidade dos fogos, cada vez máis incontrolables e difíciles de extinguir, está a provocar tamén unha maior afectación aos núcleos de poboación e consecuencias de protección civil.
Así o certifica o último informe publicado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, dependente do Ministerio do Interior, sobre os incendios forestais en España. Segundo os datos recollidos, ata o 14 de agosto leváronse a cabo no conxunto do Estado evacuacións preventivas en 80 incendios, afectando un total de 27.500 persoas.
Nove incendios requiriron en Galicia de evacuacións que afectaron un total de 1.852 persoas
En Galicia, foron nove os incendios que requiriron de evacuacións que afectaron un total de 1.852 persoas. A maioría destes desaloxos pola proximidade das lapas ás casas ou, directamente, pola chegada do incendio a aldeas ou vilas produciuse na vaga que en xullo queimou máis de 34.000 hectáreas en Galicia, especialmente no Courel e en Valdeorras.
En xullo, a Xunta cifrara en arredor de 1.200 persoas as desaloxadas e nunhas 75 as edificacións afectadas, non todas elas vivendas. Nalgún casos, o lume chegou a afectar importantes núcleos de poboación, como no caso na parroquia da Veiga de Cascallá, en Rubiá, onde arderon máis de 30 casas, ou a aldea de Vilar do Courel, arrasada polo lume.
Neste mes de agosto, o incendio declarado en Boiro obrigara a desaloxar 700 persoas en Ribeira, a maioría delas nun cámping da localidade. Noutros fogos como o de Verín a proximidade a núcleos de poboación tamén obrigou a centrar os esforzos en salvar casas ou instalacións industriais.
Así, e segundo destaca o informe, ata o pasado 7 de agosto producíranse en todo o Estado 43 Grandes Incendios Forestais (GIF, aqueles que pasan das 500 hectáreas queimadas). Son catro veces a media da última década (11 GIF). Do total, 8 producíronse en Galicia e seis deles tiveron consecuencias de protección civil. Ademais, en todos eles interviron medios do Ministerio para a Transición Ecolóxica, en cinco da Unidade Militar de Emerxencias (UME), mentres que en sete houbo que declarar a Situación Operativa 2 por proximidade a núcleos de poboación.
Ata mediados de agosto, 93 incendios en Galicia foron notificados ao Centro Nacional de Emerxencias e en 18 houbo consecuencias para poboación e bens
Tal e como aclara o informe, e ata mediados de agosto, 93 incendios en Galicia tiveron que ser notificados ao Centro Nacional de Seguimento e Coordinación de Emerxencias (CENEM) e en 18 deles houbo consecuencias para a poboación e os seus bens. En 20 deles, ademais, houbo que activar a Situación Operativa 2, estado de emerxencia provocada por fogos que, na súa previsible evolución, poida afectar gravemente á poboación e a bens de natureza non foresta, o que esixe a adopción inmediata de medidas de protección e socorro.
No conxunto do Estado, dos 462 rexistrados polo CENEM, 110 tiveron consecuencias para a poboacións ou os seus bens, os peores datos dos ultimos cinco anos, con máis do dobre da media de incidencias de protección civil.
En canto a falecidos e feridos, o informe sinala a morte dun brigadista e dous veciños no incendio de Losacio, en Zamora, e destaca que 58 persoas tiveron que ser atendidas en 23 incendios en toda España, 38 delas pertencentes ao dispositivo de extinción. Segundo os mesmos datos, os fogos en Galicia provocaron tres feridos: un home alcanzado polas lapas mentres circulaba en moto en Valdeorras, un bombeiro ferido leve en Castrelo de Miño por queimaduras e outro, tamén con queimaduras leves nun pé, en Boiro.
Por outra banda, a UME interveu nun total de 51 incendios forestais en España, 8 deles en Galicia, o que supón case o 16% das intervencións. O 31% delas leváronse a cabo en Castilla y León. Ademais, e a través do convenio bilateral entre o Estado español e Portugal, medios lusos interviron no incendio que se declarou en Arbo a principios de agosto, mentres que medios de Galicia fixérono en Montalegre, Viana do Castelo e Vila Real.
Por último, e segundo os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica actualizados ata o 14 de agosto, o noroeste da Península Ibérica abrangue máis da metade (o 53,29%) da extensión forestal queimada en toda España no que vai de ano. Ademais, supón o 49,8% da superficie arborada perdida e sufriu tamén perto da metade dos focos.
As lapas arrasaron, segundo o Goberno central, un total de 229.256,97 hectáreas, das que 122.000 pertencen a esta demarcación noroeste, que abrangue os territorios de Galicia, Asturias e Cantabria e as provincias de León e Zamora. Son máis hectáreas que as arrasadas nos catro anos anteriores enteiros.
Todo nun ano, este 2022, que xa é o segundo ano con máis superficie ardida en Galicia desde 2006, só por tras das 60.000 mil hectáreas de 2017. E aínda quedan os meses de comezo do outono que adoitan rexistrar periodicamente incendios en determinadas zonas de Galicia.
Ademais, nestes menos de oito meses transcorridos do ano Galicia xa rexistrou un novo fito, o dos dous maiores incendios en Galicia desde que hai rexistros comparables, os do Courel e Valdeorras do mes pasado, os dous con máis de 10.000 hectáreas. Unhas cifras que evidencian como os grandes incendios “incontrolables” están a asentar en Galicia polo influxo do cambio climático.