Co lume ao pé das casas: "É un desamparo absoluto nun escenario de guerra, como se caese unha bomba"

Lume na Veiga de Cascallá, en Rubiá CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"Agora chorar e logo reconstruír". Desde a parroquia da Veiga de Cascallá, en Rubiá, ollan cara ao futuro conscientes da perda e lamentan aínda entre bágoas a destrución causada polos incendios en Valdeorras. "Sentimos un desamparo absoluto logo do que foi unha desfeita; parece que tivese caído unha bomba, un escenario de guerra", di unha das veciñas logo de que as lapas destruísen unha ducia de casas e afectasen varias máis. 

"O lume avanzou na tarde do luns a gran velocidade cara á Veiga logo de que horas antes todo parecese controlado e a salvo; foi terrible", contan desde unha parroquia onde a xente máis nova -"nestes lugares, falamos dos de 50 e 60 anos", aclaran- desatendese as ordes de desaloxo para salvar algunhas casas. O traballo de dous deles, Pablo e Armando -os únicos que quedaron xunto aos bombeiros- foi clave nos peores momentos. 

O lume arrasa casas na Veiga de Cascallá (Rubiá) CC BY-SA Praza.gal | Imaxe: Cedida

"O lume avanzou na tarde do luns a gran velocidade cara á Veiga logo de que horas antes todo parecese controlado e a salvo; foi terrible; comeuno todo"

"A xente da zona é clave para indicar onde están os pozos, as pistas para desprazarse ou as áreas máis perigosas...", explica. Algún veciño, e tras o desaloxo, "volveu de noite e defendeu ata á mañá parte da parroquia, evitando que o lume saltase a estrada e atacase outro barrio, mesmo tendo que optar por tirar algunha vivenda para que as lapas non pasasen a outras".

Conseguiron salvar varios inmobles, pero nada puideron facer coa parte baixa do núcleo, arrasado polas lapas. "Casas de ata 200 anos, algunhas rehabilitadas, a maioría de madeira, con galerías espectaculares... O lume comeuno todo", lamenta desde a distancia Concha, cuxa nai foi desaloxada da Veiga. Os vídeos da destrución -como o que acompaña esta reportaxe- fóronse difundido entre a veciñanza: a habitual, a que ten alí a segunda vivenda ou a que mantén a familia pero vive na cidade ou na emigración. 

Veciñanza advirte de incendios "nunca vistos" e "inabarcables": "Nunca vin algo así, subía as montañas coma se nada"

Entre as reflexións, o impacto pola "virulencia" e magnitude dun lume "inabarcable" e "nunca visto", pero tamén pola falta de medios e organización. "No momento no que sucede, non hai ninguén á fronte que tome decisións, que decida onde abrir gabias, por onde atacar... E hai moi poucos medios aéreos", comentan veciños. 

Ricardo apicultor en Valdeorras, ten varias alvarizas pola zona. Perdeu as catro que tiña en Alixo, parroquia do Barco onde as lapas queimaron 17 vivendas. Ducias de colmeas arrasadas. "Nunca vin unha cousa así na miña vida, o lume subía as montañas coma se nada e a moita rapidez", explica. Con todo, cre que se puido facer máis e amosa a súa "rabia" por unha situación que, en maior ou menor gravidade, repítese cada poucos anos: "O lume cruzou o río exactamente polo mesmo punto que o fixo noutros incendios en 2012". 

Alvariza arrasada polo lume en Alixo, no Barco CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

"É un desastre", engade. "O que sucedeu en Alixo foi sangrante; ás catro da tarde do domingo vin como avanzaba o lume e como a xente empezaba a autoevacuarse; chamei á policía local para avisar e a primeira motobomba non chegou ata unha hora e cuarto despois... Nin tan sequera refrescaron as casas e empezaron a arder", lamenta emocionado e crítico coa escaseza de recursos. "Non había helicópteros nin ningún medio aéreo suficiente e logo houbo focos que quedaron mal apagados e se reactivaron", engade. 

Coñecedor da fertilidade da zona, Ricardo cre que para profesións como a súa, e para outras moitas, "o futuro queda arruinado para moitos anos". "En Alixo arderon castiñeiros centenarios e ladeiras enteiras que eran un verxel, con todas as variedades de uz de Europa... Iso xa non volve", lamenta, tras apuntar con claridade a causa principal que toda a veciñanza das zonas afectadas repite á hora de explicar o porqué da destrución e virulencia destes incendios. 

Veciñanza do Courel ou Valdeorras coincide en denunciar o sentimento de "desamparo" e "desatención total" por parte das administracións

"Zonas como Valdeorras están abandonadas á indiferenza, sofren a desatención total porque importan tres carallos... Polo meu traballo teño que ir moito polo monte e se podo pasar por algunhas zonas é pola presión dos cazadores para que se abran camiños; noutros lugares son eu o que teño que limpar e rozar tanta maleza coma hai, que non deixa nin camiñar... Iso non pode ser, é un desastre total", di. 

Desde A Veiga de Cascallá, hai quen reflexiona no mesmo sentido: "A política da Xunta ante os incendios é que torne o vento, pero desta vez non tornou senón que o complicou todo. Nesta zona non hai política forestal seria, non hai nada...", lamentan ante as bombas de combustible que supoñen moitos montes abandonados ou sen coidado. 

Construción ardendo no Courel durante os incendios deste mes de xullo CC-BY-SA Caurel Vivo

"Non pode ser que haxa maleza ao pé das casas de tres metros que provoca lapas de vinte e incendios que non somos quen de parar", denuncia un brigadista

Relátao con crueza David, un brigadista do Morrazo que foi de voluntario a loitar contra o lume no Courel e agora traballa no incendio de Oímbra. "O que non pode ser é que haxa maleza de ata dous ou tres metros á porta das casas como estamos vendo estes días; esa vexetación acaba provocando lapas de ata vinte metros de altura e incendios que non somos quen de parar", explica nun descanso no seu labor contra o fogo. 

"É certo, como din os políticos agora, que o cambio climático ten boa culpa do que ocorre, pero hai xa anos que en Galicia e noutras zonas estamos soportando incendios de nova xeración e as administracións seguen sen facer nada... E hai que facelo xa porque os montes están cada vez máis abandonados e supoñen un enorme perigo", explica quen, malia a súa experiencia, nunca se enfrontara a incendios tan duros. 

"Non teñen un comportamento lóxico e fanse impredicibles; supérannos e teñen tal intensidade que non somos quen de paralos", resume quen advirte tamén do "risco" dunhas brigadas onde persoal pode chegar a traballar "14 ou 15 horas seguidas" contra un lume que é cada vez máis perigoso. 

"En Galicia, tal e como está a situación, estamos desbordados e é evidente que máis medios non virían mal, pero o problema de raíz está en que os incendios hai que atallalos no inverno, con prevención e con traballadores que coñezan ben o terreo e o vixíen todo o ano", explica quen é contratado só durante seis meses, como tantos compañeiros. "Non se pode empezar de cero cada vez que volves traballar", explica. 

"Estamos sós"

Desde O Courel, Óscar Carrete gaba o traballo dos brigadistas, "moitos voluntarios e traballando sen durmir", pero lamenta tamén a falta de medios. "Foi a veciñanza a que acabou defendendo as aldeas, no mellor dos casos cunha motobomba e noutros cos métodos caseiros que podiamos", di sobre unha comarca onde case todos os núcleos de poboación tiveron que ser desaloxados e onde o fogo arrasou algunha vivenda, con importantes danos nalgunhas zonas. 

Consecuencias do lume á entrada da Veiga de Cascallá, en Rubiá CC-BY-SA Praza Pública - Cedida

Este veciño e concelleiro en Folgoso lembra como a xente "se negaba a marchar ante as ordes da Garda Civil". "Os axentes pedíannos que non quedásemos porque estabamos completamente sós", di sobre unha frase que lle retumba na cabeza. "Ese é o resumo: estamos sós e sen medios, parece que nos queren matar en vida", engade quen acusa do que considera "un descontrol" á Xunta de Galicia. "A xente meteuse a salvar as casas con calquera cousa, sen traxes especiais nin nada, malia que os pedimos", di. 

Como o resto de testemuños, a maleza e as plantacións masivas de piñeiros levan a culpa principal da virulencia duns incendios que "só pararon nos soutos". "Déronnos unha lección porque foron os mellores cortalumes naturais que houbo, mesmo fronte a lapas de cinco metros que paraban nas zonas de castiñeiros ou viraban en focos máis doados de atacar", explica quen non quere pensar no futuro do Courel, onde xa arderon 10.000 hectáreas. 

"Non me sinto capacitado para falar diso agora porque o primeiro que temos que facer é apagar as lapas; só sei que O Courel renacerá das súas cinzas porque somos xente loitadora", conclúe tras acusar as administracións de "abandonalos". "Estamos neses días que ninguén quería que chegasen... pero chegaron", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.