Os incendios do Courel e Valdeorras son os maiores en Galicia dende que hai rexistros comparables

Táboa dos maiores incendios de 1989 e series e mapa dos grandes incendios dos últimos anos sobre unha imaxe dos traballos de extinción no Courel, este 20 de xullo de 2022 CC-BY-NC-SA Praza.gal | Foto: © UME

En 2017 Galicia sufriu unha vaga de incendios inédita, histórica por varias razóns. Non foi no verán, senón en outubro. Non durou semanas, senón que en apenas tres días ficaron arrasadas unhas 50.000 hectáreas por unhas lapas que, sobre todo, mataran catro persoas. Todo, mentres os restos dun furacán avivaban o lume con ventos inusitadamente cálidos. No maior daqueles incendios, en Ponteareas, arderan algo máis de 8.000 hectáreas.

Media década despois, a actual vaga de incendios xa supera as 30.000 hectáreas. Segundo os datos actualizados pola Consellería do Medio Rural ata o mediodía deste 21 de xullo, máis de vinte mil delas arderon en dous grandes incendios: o de Carballeda de Valdeorras, cunhas 10.500 hectáreas ardidas; e o do Courel, onde xa se perderon unhas 10.000 entre os concellos de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, ás que hai que engadir 1.100 do que formalmente é un incendio distinto.

A suma total da vaga de incendios, daquela, aínda non superou a de 2017 (ano no que arderan, en total, unhas 62.000) e está lonxe do balance total do ano no que máis ardeu no que vai de século (2006, cunhas 90.000 hectáreas) ou do exercicio con máis hectáreas ardidas da serie histórica (1989, máis de 180.000). Pero si hai un elemento que converte a actual vaga en histórica de seu e a encadra na nova tipoloxía de sinistros forestais, con menos incendios pero máis virulentos e extensos: os incendios do Courel e Valdeorras son os maiores rexistrados en Galicia dende que hai rexistros comparables.

Durante os anos 90 os maiores incendios roldaban as 3.000 hectáreas; no que vai de século XXI chegaran a arder máis de 7.000 en Cerdedo (2006) e case 9.000 en Ponteareas (2017). Agora, os focos do Courel e Valdeorras xa superan as 10.000

Para realizarmos esta comparativa cómpre acudir a, cando menos, dúas fontes: o Ministerio para a Transición Ecolóxica (antes, o Ministerio de Medio Ambiente e os seus antecesores con competencias en materia forestal) e a súa estatística xeral de incendios e mais as sucesivas edicións do Pladiga, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia que elabora a Xunta cada ano. Dende finais dos anos 80, os documentos estatais detallan a superficie ardida nos denominados grandes incendios forestais (superiores a 500 hectáreas e anteriormente, a 1.000) e, máis recentemente, tamén o fan os da Xunta.

Ao ollarmos os grandes incendios forestais nos anos das principais vagas de lume sufridas por Galicia dende 1989 (anteriormente, os balances estatais son menos detallados) non figura ningún incendio tan extenso como os que, á hora de elaborar esta información, aínda están activos no Courel e Valdeorras. Así, por exemplo, naquela histórica vaga de 1989 o maior incendio padecérao O Irixo e quedar en 3.000 hectáreas.

Áreas ardidas no último día (vermello) e nos últimos sete (laranxa) e espazos naturais protexidos (verde), nunha imaxe tirada este 20 de xullo a través do sistema europeo de información sobre incendios forestais (EFFIS) © EFFIS

Nos seguintes anos que destacan na serie histórica por un alto número de hectáreas ardidas, os maiores incendios arrasaron entre 2.000 e 3.000 hectáreas en localidades ourensás como Laza, Lobios ou O Barco. Xa no século XXI, o maior incendio na gran vaga de 2006 supuxo todo un salto: en Cerdedo arderan algo mais de 7.000 hectáreas. En 2011 destacan as algo máis de 3.200 hectáreas ardidas en Manzaneda e seis anos despois, na devandita vaga de 2017, o salto foi aínda maior ata esas case 9.000 hectáreas de Ponteareas. Todos eles quedan atrás cos principais incendios de 2022.

Espazos protexidos en risco

Malia tratarse de zonas moito menos poboadas que o eixo atlántico, foi preciso realizar desaloxos por risco par as persoas e nalgunhas aldeas arderon máis dunha decena de casas

Aínda que na que ata agora fora a última gran vaga de incendios tamén ardera no interior, o groso do ardido en outubro de 2017 concentrárase en localidades do eixo atlántico, zonas moi poboadas e en cuxas contornas o eucalipto é abondoso. Nesta ocasión a fachada atlántica apenas se viu afectada ata o momento mentres a vaga azouta con dureza contornas montañosas de Lugo e Ourense, onde o que abondan son as especies autóctonas e espazos naturais protexidos de alto valor natural, patrimonial e etnográfico.

O visor do sistema europeo de información sobre incendios forestais (EFFIS, polas súas siglas en inglés) amosaba este 20 de xullo como a práctica totalidade dos incendios que atinxen ao Courel, nos concellos de Folgoso e da Pobra do Brollón, se concentran en contornas naturais protexidas. Malia tratarse de zonas cunha densidade de poboación moi inferior á dos concellos do eixo atlántico, foi preciso realizar desaloxos por risco directo para as persoas e nalgunhas aldeas chegaron a arder máis dunha decena de vivendas [Co lume ao pé das casas: "É un desamparo absoluto nun escenario de guerra, como se caese unha bomba"]

Os principais comezaron durante as treboadas da pasada semana, en plena vaga de calor con temperaturas récord. Esta circunstancia provocou que -cando menos de momento-, as autoridades galegas non aludisen ao "terrorismo incendiario" ao que se aferrara o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para explicar o sucedido á cidadanía (mesmo inserindo un discurso ao respecto como publicidade en diversos xornais).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.