- Os incendios arrasan catro vidas e milleiros de hectáreas en toda Galicia
- MAPA | Estes son os 72 incendios máis importantes
- DATOS | Os incendios no que vai de outubro duplican os habituais e volven a cifras de hai vinte anos
- A Xunta insire como publicidade en xornais impresos a declaración de Feijóo sobre os incendios
A chuvia e o traballo intenso dos equipos de extinción aliviaron moi notablemente a situación nas áreas afectadas polos incendios na Galicia atlántica, pero no interior segue a loita contra o lume. Tras unha xornada na que o intenso fume obrigou a prender o alumeado público en pleno día ante a práctica ausencia de luz solar, no amencer deste martes aínda quedaban 7 incendios en situación 2 pola súa proximidade a zonas habitadas, 5 na provincia de Ourense e outros dous en Lugo, no Concello de Cervantes. Segundo Medio Rural no inicio da xornada seguían ardendo 82 incendios, 27 deles activos, e cara a media mañá a cifra descendeu a 53, dos que 23 están activos, 22 controlados e o resto, "estabilizados". Ningún deles tiña xa a alerta 2. Quedaron extinguidos os incendios de Neda, os de Samos e Friol con cadanseus dous focos e os de Vilariño de Conso e Chandrexa de Queixa.
Os relatos do acontecido nas últimas horas nalgunhas vilas do interior arrepía. O alcalde de Carballeda de Avia, Luís Milia, aseguraba na Radio Galega que o 70% do municipio estaba arrasado polas lapas e a primeira hora da mañá advertía de tres novos focos e dunha morea de casas perdidas para os veciños. Faleceu un home en Abelenda intentando apagar o fogo no seu galpón nun municipio onde houbo que desaloxar tamén as parroquias de Vilar de Condes ou Muimenta e onde moita veciñanza, maior e enferma, pasou a noite no centro de día.
Xa pola noite, á Cadena SER, o rexedor dicía sentirse "impotente". "Isto é dramático, non hai medios", aseguraba tras relatar que o lume fora avanzando desde un concello veciño e que "devorara" varias aldeas. Serían dez as que terían quedado totalmente arrasadas polas lapas. A carencia de medios para facer fronte ás lapas é tamén apuntada en declaracións a Praza.gal polo alcalde da Mezquita, Rafael Pérez, quen a primeiras horas da tarde deste luns explicaba que na contorna do municipio os incendios semellaban "controlados" nunha xornada na que el mesmo tivo que asumir a condución da motobomba municipal para axudar a apagar un incendio no termo municipal de Viana do Bolo, dende onde "tivemos que volver, porque perigaba unha granxa" por mor dun lume que "apagamos entre os propietarios e varios voluntarios".
O rexedor de Baños de Molgas tivo que asumir persoalmente a condución da mobotomba municipal
O achegamento das lapas a zonas habitadas foi aínda de maior intensidade en localidades como Parada de Sil, onde foi precisa a evacuación de tres aldeas. A súa alcaldesa, Yolanda Jácome, en declaracións aos medios aseguraba que a intensidade e extensión do incendio fora o "nunca visto" na Ribeira Sacra e advertía dunha grande catástrofe.
Perdas "irrecuperables" de árbores autóctonas en Cervantes
Con todo, a situación máis grave na provincia de Lugo viviuse en Cervantes, en plenos Ancares, onde foron desaloxados ata cinco núcleos de poboación. As lapas arrasaron durante toda a noite ladeiras das montañas logo de que o lume xa cercara e ameazara varias pequenas aldeas en Piornedo ou Vilarello nunha noite que o seu alcalde, Benigno Gómez, define como "terrorífica" e de "impotencia total" malia ao gran esforzo de "todos", tanto persoal de extinción de incendios como a veciñanza, para facer fronte a "linguas de lume de varios quilómetros".
Benigno Gómez, alcalde de Cervantes: "perdemos castiñeiros de 500 ou 600 anos, terán que pasar moitos anos para recuperar isto"
"Nunca se nos dera unha situación desta magnitude", explica o rexedor de Cervantes en conversa con Praza.gal. Tras constatar que "ardeu unha casa" e mais outras construcións agrícolas de menor dimensión a a preocupación diríxese xa á perdas "irrecuperables" de patrimonio natural nesta zona de Rede Natura e de gran valor ecolóxico. "Perdemos castiñeiros de 500 ou 600 anos" e exemplares doutras especies autóctonas como acivros, "moi importantes para Cervantes". "É un gran problema, moi grande", lamenta Benigno Gómez, que augura que "terán que pasar moitos anos" para que a contorna poida recuperarse.
O feito de que ardesen especies autóctonas, de combustión lenta, está intimamente ligado con outro dos problemas que a vila enfrontou este luns. Alén de que varios focos seguen a arder unha mesta capa de fume cobre toda a contorna. "Non se ve nada a longa distancia, está moi escuro", describe o alcalde, quen mantén que "isto nunca sucedera".