O pasado 2024 foi, con 2.644 hectáreas, o terceiro ano con menor superficie ardida en incendios forestais nos montes galegos dende que hai datos comparables,
O pasado 2024 foi, con 2.644 hectáreas, o terceiro ano con menor superficie ardida en incendios forestais nos montes galegos dende que hai datos comparables, só por tras de 2014 (1.991) e 2018 (2.599). Na banda contraria están catro exercicios dos anos 70 e 80 do século pasado, con máis de cen mil hectáreas anuais arrasadas. E, máis ou menos próximos a aqueles catastróficos rexistros, as 95.000 hectáreas de 2006 ou as máis de 60.000 de 2017, nestes últimos dous casos produto de vagas de lume concentradas en moi poucos días.
A relativamente boa evolución dos últimos tempos, co único destaque negativo de 2022 (máis de 50.000 hectáreas perdidas, a metade en dous grandes incendios no Courel e Valdeorras) permite á Xunta afrontar con certa calma política o inicio o verán e con el, do período de alto risco nos montes. Faino ultimando a despregadura do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia para este 2025.
Aprobado o pasado maio no Consello da Xunta, o Pladiga contén -como é habitual- toda a documentación do dispositivo público contra o lume. E tamén inclúe unha parte dedicada a analizar as causas dos incendios e o seu contexto político, social e económico. O traballo, dependente da Consellería do Medio Rural, apunta diversos factores por tras do "complexo" problema dos incendios, dende políticas forestais prexudiciais á estrutura da propiedade da terra no noso país. E, como antes outros documentos e estudos, nin sequera menciona a tese das "tramas" ou do suposto "terrorismo" que adoita resucitar nos argumentarios oficiais tras vagas de incendios máis virulentas ou anos con balances finais moito máis desfavorables que o do pasado 2024.
O Pladiga subliña que a factores como "abandono do poboamento rural" ou unha propiedade da terra maioritariamente privada e disgregada se suma "a herdanza do resultado dunha política de (re)forestación non dotada en ocasións dunha conveniencia propia"
Nun apartado elocuentemente dedicado á "análise territorial da problemática socioeconómica", o Pladiga resalta que "as principais causas" do lume "en canto á superficie afectada" están "en gran parte determinadas por circunstancias estruturais tanto de dispersión da poboación, xestión forestal, orografía e socioloxía" como polo "abandono do poboamento rural". A comezar "polo réxime da propiedade da terra, con máis de dous terzos do solo forestal" en "montes de titularidade privada moi disgregado e heteroxéneo".
A este feito, indica o documento elaborado dende Medio Rural que recibiu o visto e prace do Goberno galego en pleno, "súmase a herdanza do resultado dunha política de (re)forestación non dotada en ocasións dunha conveniencia propia" en canto a "especies arbóreas, distancia e xestión". "Todo isto -agrega- acompañado por unha rexeneración do estrato vexetal moi abondosa e vigorosa" por mor da meteoroloxía e outras condicións do territorio galego, "convertendo este manto en combustible cun alto grao de ignición e propagación" que "favorece" situacións "complexas" como "reproducións" dos incendios, "multiplicidade de focos" ou "rápido avance das lapas".
"O crecente consumo de enerxías coma o gas, o petróleo e a electricidade e o aumento das explotacións gandeiras intensivas fixeron que as actividades tradicionais do monte diminuísen en gran medida" e isto tamén contribuíu a un "aumento significativo da biomasa vexetal" ata virar os montes en "grandes reservas de posible combustible para os incendios forestais". Así, resalta, "décadas atrás os incendios eran máis recorrentes, pero menos destrutivos" porque "a biomasa acumulada era menor, ao igual que a continuidade horizontal e vertical dos combustibles".
Incendios intencionados e o impacto das causas naturais
Tres de cada catro incendios forestais da última década foron intencionados e case o 20% da superficie ardida ten por tras causas naturais por mor da catastrófica vaga de lume no Courel e Valdeorras en 2022
Canda esta panorámica global, o Pladiga 2025 detense en maior medida no acontecido no monte galego na última década, entre 2015 e 2024. E neste punto tampouco figura por ningures a teoría da trama organizada ou terrorista malia evidenciar que case o 75% dos case 13.000 incendios dese período foron intencionados e supuxeron máis do 65% da superficie ardida nese tempo, algo máis de 122.000 hectáreas.
A segunda porcentaxe máis elevada da superficie ardida nese período correspóndese a incendios con causas naturais, co case un 20% que equivale a máis de 34.000 hectáreas. Neste sentido, o propio Pladiga evidencia que rexistra unha "relación desproporcionada entre superficie afectada" e "número de eventos para as causas identificadas como naturais (apenas un 3% do total de incendios da década). A razón principal hai que buscala na vaga de incendios de xullo de 2022, que comezou como consecuencia de fortes treboadas.

Tamén referíndose a esa década, o Pladiga reflicte que máis da metade da superficie ardida entre 2015 e 2024 atinxiu a montes veciñais en man común, afectados por un 52,42%. Outro 43,23% foi en montes privados doutro tipo e apenas un 4%, en terreos forestais de propiedade pública.
Estes datos veñen acompañados no Pladiga por unha advertencia: "as circunstancias que rodean a casuística dos incendios forestais resultan moi complexas", polo que antes de tirar conclusións e correlacións entre réxime de propiedade e causas dos incendios "sería necesaria unha análise pormenorizada" sobre outros "aspectos a nivel local". Entre les, "existencia de explotacións gandeiras, explotación forestal, ordenación do monte" ou mesmo a existencia ou non de veciñanza asentada na contorna.