Galicia superou as 50.000 hectáreas ardidas en 2022, a metade nos dous grandes incendios do Courel e Valdeorras

Bombeiros forestais da Xunta, actuando nun incendio forestal en 2022, nunha imaxe incluída no Pladiga 2023 CC-BY-SA Xunta

O Consello da Xunta aprobou esta semana -algo máis dun mes antes do habitual- o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para este 2023, o documento que anualmente recompila o dispositivo fronte ao lume forestal do Goberno galego, tanto con medios propios como alleos, así como diversos datos ao respecto. Entre eses datos inclúese o balance final de superficie ardida no ano previo, dato que non é coñecido ata a publicación do Pladiga porque a Xunta, dende o cambio de Goberno en 2009, continúa sen informar sobre a totalidade dos incendios que se producen mentres están sucedendo.

Segundo a información achegada polo Pladiga 2023, o pasado 2022 arderon no país un total de 51.642,60 hectáreas, 34.876 delas de superficie de monte raso e as restantes 16.766, en zonas arborizadas. Supuxo un 1.702% máis que un ano antes (que fora dos máis favorables da última década) nun exercicio no que se rexistraron 1.713 incendios forestais, un 80% máis que en 2021.

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, dende o ano 2017 non se superaran as 50.000 hectáreas ardidas nun ano e nos catro previos o balance quedara por baixo dos 15.000. Dende a gran vaga de lume de 2006, só arderon máis de 50.000 hectáreas nos montes de Galicia no devandito 2017 e neste 2022.

Case o 60% da superficie ardida en Galicia na última década estivo afectada por grandes incendios forestais, os que superan as 500 hectáreas. En 2022 a superficie ardida aumentou máis dun 1.700% mentres que o número de focos foi un 80% superior ao de 2021

A explicación á obvia disparidade entre o enorme incremento interanual da superficie ardida e o aumento do número total de focos hai que buscala, sobre todo, en dous grandes incendios forestais no Courel e Valdeorras. Nos focos que supuxeron que en dúas semanas de xullo ardesen entre 11.000 e 13.000 hectáreas no Courel e unhas 10.500 en Valdeorras. Isto é, practicamente a metade do ardido quedou arrasado neses incendios, afondando na tendencia de que o país sufra menor número de focos, pero máis grandes incendios forestais -así denominados tecnicamente cando superan as 500 hectáreas-.

Nestes grandes incendios forestais detéñense tamén os datos do propio Pladiga. Non en van, o 58% da superficie ardida na última década (2013-2022) no monte galego quedou calcinada neste tipo de incendios, con algo máis de 115.000 hectáreas. No caso da provincia de Pontevedra esa porcentaxe supera o 65% e na de Ourense rolda o 60%. A provincia ourensá é, en todo caso, a que máis destes grandes incendios forestais concentra, con "máis da metade dos grandes incendios forestais nos últimos 30 anos" e "tamén coa metade da superficie queimada total", destaca o Pladiga.

Corenta "parroquias de alta actividade incendiaria"

Como cada ano, o Pladiga define tamén as denominadas Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Trátase de parroquias que sufriron, de media, 7 ou máis incendios nos últimos 5 anos ou que, nos últimos dez anos, padeceron dous ou máis con máis de 200 hectáreas ardidas e, ademais, a superficie media por incendio supere as 9 hectáreas no mesmo período.

Aplicando estes criterios -e tamén os de exclusión-, o Pladiga 2023 define un total de 40 parroquias de alta actividade incendiaria, 26 delas xa incluídas na listaxe no ano 2022 e outras 14 que entran na lista. Como amosa o mapa abaixo estas liñas, o groso destas parroquias concéntrase no sur do país e, moi especialmente, na provincia de Ourense.

Parroquias definidas como de Alta Actividade Incendiaria no Pladiga 2023 CC-BY-SA Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.