En materia de prevención e extinción considérase que un foco de lume adquire a consideración de gran incendio forestal cando supera as 500 hectáreas ardidas. Tras un 2022 no que Galicia sufriu os maiores incendios documentados na súa historia (con entre 11.000 e 13.000 hectáreas no Courel e unhas 10.500 en Valdeorras), apenas finalizou o terceiro mes de 2023 e o país xa padece o primeiro gran incendio do ano, con orixe en Cubilledo (Baleira) e que a primeiras horas deste 30 de marzo xa roldaba as 1.100 hectáreas ardidas e, contra o mediodía, chegaba ás 1.400.
O forte vento e as altas temperaturas contribúen ao espallamento das lapas no gran incendio da montaña lucense e noutros de menor dimensión en Alfoz, Viveiro e Taboada
Mentres, no oeste do país, as chuvias afastaron o risco de incendio malia ao forte vento, no interior os fortes refachos e as altas temperaturas combináronse co tempo seco para desencadear este gran incendio -cuxa orixe se descoñece polo momento- na tarde do pasado martes. Vinte e catro horas despois, o mércores, xa foi preciso declarar a situación 2, medida preventiva prevista cando as lapas se achegan a contornas habitadas, concretamente pola súa proximidade ao núcleo de Fórneas, en Baleira, apenas habitado. Esa alerta foi desactivada pasadas as 10 da mañá deste xoves.
A extensión do incendio non se limitou ao concello de orixe e estendeuse aos veciños da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. Neses municipios lindeiros o lume tamén puxo en risco as casas e obrigou a desaloxos temporais en aldeas como as fonsagradinas de Castañosín e Estremeiro, segundo informa El Progreso. Na zona, ademais dos servizos de extinción da Xunta e do Ministerio para a Transición Ecolóxica foi tamén preciso que actuasen efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.
Alén dese gran incendio de Baleira, máis ao norte o lume tamén fixo acto de presencia nunha comarca na que adoita ser menos frecuente, A Mariña, con 90 hectáreas ardidas no foco declarado na parroquia de Lagoa, en Alfoz, e outras 80 en Vieiro (Viveiro). As condicións meteorolóxicas nos concellos mariñaos son moi semellantes ás que vén padecendo nos últimos días o Principado de Asturias, con fortes ventos, altas temperaturas e ausencia de precipitacións que están a dar lugar a múltiples incendios forestais.
Máis ao sur, no Concello de Taboada, na Ribeira Sacra, Medio Rural informou tamén dun incendio de menor dimensión, con 8 hectáreas dun foco que a primeiras horas deste xoves xa fora dado por estabilizado. Mentres, na provincia de Ourense, en Covelo (Viana do Bolo) arderon 70 hactáreas e en Venceáns (Entrimo), outras 14 dentro do parque natural da Baixa Limia - Xurés. Os focos ourensáns xa foron extinguidos. Ademais, e segundo informan servizos de extinción, outro foco non incluído no parte da Xunta declarouse na parroquia de Mormentelos, en Vilariño de Conso.
Outros dous focos en Viana e Entrimo, que suman 80 hectáreas, xa foron extinguidos
A meteoroloxía adversa destes últimos días contribúe a avivar uns incendios que, con todo, veñen sendo relativamente frecuentes a estas alturas do ano dende hai tempo. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, pertencente ao Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) que Medio Rural actualiza cada ano, en torno a finais de marzo adoita rexistrarse un primeiro pico de incendios.
Como adoito, non existe ningunha garantía de que os incendios comunicados pola Xunta sexan os únicos que están a acontecer. Dende o ano 2009, co retorno do PP ao Goberno, Medio Rural deixou de informar de todos os incendios e decidiu comunicar só os que superen as 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que atinxan a zonas habitadas ou espazos naturais protexidos.