Cinco anos da vaga na que Galicia bateu cos novos incendios: incontrolables e máis perigosos

Coche queimado nunha estrada de Chandebrito (Nigrán) logo dos incendios de outubro de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

Os incendios de hai cinco anos queimaron nunha fin de semana máis hectáreas das que arderon en Galicia este verán, o peor desde 2006

Foi hai hoxe cinco anos, o 15 de outubro de 2017. Centos de incendios arrasaron en poucas horas e nunha fin de semana case 50.000 hectáreas, a maioría delas nun tráxico e inesquecible domingo. Para facerse unha idea, as lapas que asolaron Galicia naquelas horas queimaron máis superficie da que ardeu en Galicia neste último verán, o peor desde 2006 e onde en apenas 45 días foron arrasadas unhas 43.000 hectáreas. A virulencia e as graves consecuencias daquelas xornadas foron unha advertencia clara do que estaba por vir, dos grandes incendios incontrolables e cada vez máis perigosos, asentados xa en Galicia logo de anos de advertencias polo influxo do cambio climático

Aquela fin de semana de hai un lustro xuntou todas as condicións para unha tormenta perfecta: os restos dun furacán e os seus incontrolables refachos de vento, unha persistente seca, elevada temperatura para a época, moito combustible vexetal acumulado e unha humidade mínima. Ducias de núcleos de poboación foron postos en perigo ou destruídos cunhas lapas que mesmo chegaron ao centro de Vigo, poñendo en evidencia o caos dun monte tan mal xestionado como achegado ás casas. 

Estrada Lugo-Monforte, na mañá do luns 16 de outubro de 2017 CC-BY-SA Praza Pública

Catro persoas faleceron, na que foi a peor consecuencia dunha feroz e intensa vaga de lume cunhas características que parecían novas pero que viñeron para quedar. Só uns meses antes, con traxedias como a de Pedrógão Grande, mandáranse alertas desde Portugal sobre a virulencia dun lume cada vez máis perigoso, imprevisible e letal e que nada tiña que ver, como quedou demostrado malia as insinuacións e acusacións previas, con trama incendiaria nin terrorismo ningún. 

A vaga de 2017 adiantou o tipo de incendios –máis virulentos, incontrolables e perigosos– que desde aquela ten que afrontar Galicia

Tampouco neste verán cando, a pesar das continuas advertencias, o lume volveu poñer en perigo veciños e parroquias enteiras, destruíu aldeas e obrigou a desaloxar preto de 2.000 persoas. Tal foi a virulencia que os dous maiores incendios documentados na historia de Galicia tiveron lugar este verán: un no Courel que arrasou entre 11.000 e 13.000 hectáreas e outro en Valdeorras que superou as 10.000. 

Se neste verán foron esas dúas comarcas as máis afectadas polo lume, hai cinco anos a parroquia de Chandebrito, en Nigrán, fora unha das zonas cero daquela vaga. Nesa localidade só sobreviviran dúas hectáreas das 232 que conforman o monte comunal. Nas Neves, cuxa traxedia foi cruamente retratada nun documental, as lapas queimaron 4.000 hectárers en tan só 24 horas e deixaron o 90% do municipio en cinzas, levando por diante vexetación, casas e negocios. Foron, en total, máis de 350 focos en tan só unhas horas, avivados por endiañados ventos impulsados polos restos do furacán Ophelia, que espallou por Europa o fume que viña de Galicia e Portugal

Testemuños da veciñanza e de profesionais dos labores de extinción relataban o inferno vivido no medio duns incendios que mudaran radicalmente o agardado, mesmo para aqueles afeitos a enfrontalos. "En 2006 nós íamos ao lume, aquí o lume viña a nós", resumía un dos bombeiros en Nigrán. "Foi unha situación excepcionalmente dura e dramática; puido morrer máis xente. Foi moi parecido ao que sufriron en Pedrógão Grande", insistía. A evocación á traxedia que Portugal vivira só catro meses antes era continua. Daquela morreran máis de 60 persoas; naquela fin de semana de outubro, máis de 30 no país veciño.  

"O lume viña a nós, foi dramático", dicían bombeiros en 2017. "Non hai dispositivo capaz de controlar estes novos incendios", din en 2022

Os relatos dos equipos de extinción que traballaron na vaga do pasado verán non difiren moito. "Non hai dispositivo no mundo capaz de controlar estes incendios de nova xeración", contaba en Praza.gal Xan, membro dunha brigada que traballou en varios focos en Galicia. "Non teñen un comportamento lóxico e fanse impredicibles; supérannos e teñen tal intensidade que non somos quen de paralos", confirmaba David, bombeiro e testemuña da virulencia do lume no Courel. 

Veciñanza do Courel e Valdeorras relataba como os incendios avanzaban montaña arriba ou ladeira abaixo como "nunca" viran na vida. As extremas condicións de calor e seca que provoca o cambio climático e a elevada acumulación (polo abandono) de maleza que actúa como combustible vexetal e acelerador do lume nos montes son as causas principais desta desfeita. Con todo, non se albisca aínda unha solución máis alá da necesidade de actuar contra o abandono rural e, consecuentemente, do monte e de centrar os esforzos na prevención durante as épocas de menor risco. 

Incendio en Verín, o pasado 3 de agosto de 2022 © Brif Laza

Porque os incendios que agora afronta o noroeste peninsular chegan -como ocorreu no Courel o pasado verán e anos atrás en Portugal- a provocar nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas previstas, fan rolar os ventos e propagan de maneira caótica o lume mesmo noutros incendios a ducias de quilómetros. Mesmo poden provocar tormentas de lume -cada vez máis probables no país- ou saltar encoros, creando focos secundarios co traslado de charetas ata a dous quilómetros de distancia. Un escenario apocalíptico que non só aconteceu xa en Galicia ou no norte luso, senón que foi advertido por expertos e informes encargados polas administracións, que alertaron de que episodios deste tipo poderían facerse máis habituais nos vindeiros anos por mor do cambio climático.

Os fogos que afronta o noroeste peninsular poden provocar nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas ou crear tormentas de lume

Edelmiro López, profesor da USC e un dos doce expertos que elaborou o informe técnico en Portugal tras o incendio de Pedrogão Grande, sinalábao xa na comisión parlamentaria que abordou o problema do lume en Galicia en 2018. "A grande intensidade dos incendios sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción, xa que ningún dispositivo do mundo é capaz, pasado un punto, de combater o lume", explicaba sobre eses fogos de nova xeración. E lembraba que as estimacións feitas no estudo luso indicaban que "as posibilidades de controlar" frontes como as que forman son de entre 3 e 17 minutos desde que se inicia. "A partir de aí, só queda a estratexia defensa: protexer as persoas e agardar a que melloren as condicións climáticas", advertía. 

Incendios de sexta xeración

Se o informe técnico en Portugal sobre Pedrogão de 2017 concluíra que a política antiincendios debía ser modificada por mor do cambio climático, foi a propia Xunta quen reclamou o mesmo pouco despois na comisión parlamentaria.

"Hai que levar a cabo accións estruturais no territorio en condicións máis extremas", dicía o daquela director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. O documento da asemblea lusa fora tamén contundente ao instar a "enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas", adaptando as estruturas de protección civil "para adquirir capacidade de antecipação e planeamento, substituindo a lógica de 'mais meios' pela lógica do conhecimento e da proatividade". 

Mesmo o Eixo Atlántico se encargara, tamén hai catro anos, de advertir da perigosidade do novo "tipo de incendio que vén" e que afecta precisamente a área xeográfica que abrangue Galicia e a parte máis septentrional de Portugal. 

O informe que abordaba a Cooperación Tranfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico, elaborado pola entidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, advertía da "chegada da tipoloxía de incendios de sexta xeración" e sinalaba o noroeste peninsular e atlántico -xusto o máis azoutado agora polo lume- como área de claro risco por estar "entrando de cheo nunha dinámica propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración".

Os avisos son múltiples e continuos, tanto desde o mundo científico e de expertos como dende o propio terreo, onde veciñanza e bombeiros forestais dan conta dun tipo de lume nunca visto antes. Hai cinco anos, o caos e o medo deron lugar a afirmacións infundadas, como a dos rumores que atribuían algúns dos incendios a grupos organizados e con sofisticados artefactos incendiarios. Nada diso existira segundo as pescudas dos corpos de seguridade e a Fiscalía. 

De feito, o informe da Fiscalía desbotara as teses de Alberto Núñez Feijóo, daquela presidente da Xunta, e que compartía co Goberno central liderado por Mariano Rajoy. Nin tramas nin terrorismo incendiario, confirmara o Ministerio Fiscal, ao igual que fixera logo Interior, a policía autonómica ou o informe final elaborado polo Parlamento. 

Con todo, Feijóo e o PP seguiran alentando a súa teoría, mesmo pedindo mudar o Código Penal para considerar os incendios como terrorismo. Cinco anos despois, no verán deste 2022, o Partido Popular, liderado polo ex-presidente da Xunta, volveu reclamar "modificar o Código Penal endurecendo as penas para os incendiarios". Mentres, as advertencias e as demandas de cambios estruturais para afrontar a nova tipoloxía de incendios, máis perigosos e incontrolables, seguen chegando. Como hai un lustro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.