Os grandes incendios "incontrolables" asentan en Galicia tras anos de avisos polo influxo do cambio climático

Brigadista no incendio do parque do Invernadeiro CC-BY-SA Brif Laza

Neste pasado xoves, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu incidir no "carácter anómalo" dos grandes incendios que azoutan Galicia neste mes de xullo. Días antes, o conselleiro do Medio Rural, José González, advertía de fogos cun "comportamento que nunca se vira" no país e que provoca que "queden fóra de capacidade de extinción". 

A Xunta advirte do "carácter anómalo" de incendios que "quedan fóra da capacidade de extinción". "Non hai dispositivo capaz de controlalos", di un brigadista

A virulencia dos incendios -cada vez menos pero máis grandes e caóticos- desborda os brigadistas, que contan desde dentro a súa impotencia ante un tipo de lume que, desde hai algúns anos, virou en incontrolable, devastador e moito máis perigoso, tanto para os núcleos de poboación como para eles mesmos. 

"Non hai dispositivo no mundo capaz de controlar estes incendios de nova xeración. Que sería mellor ter máis medios? Claro! Pero en moitos casos, iso só sería efectivo actuando de inmediato, cando se inician... Así que se desbocan, non hai maneira", conta Xan, membro dunha brigada que traballa estes días en Galicia. "A intensidade é tal que actúan coma bombas de reloxería: o que parece controlado á noite, ao día seguinte, e se as condicións climáticas o facilitan, estoura sen control", engade. 

Lume en Oímbra CC-BY-SA ATBrif

"Non teñen un comportamento lóxico e fanse impredicibles; supérannos e teñen tal intensidade que non somos quen de paralos", confirma David, bombeiro e testemuña da virulencia do lume no Courel estes días. "Algo que semella pequeno e controlado pasa en pouco tempo a desbocarse e avanzar rapidamente, é horrible", insiste Xan, que advirte tamén do "enorme tamaño" destes incendios, denominados de nova xeración, sobre os que expertos e informes levan advertindo varios anos, especialmente desde a traxedia de Pedrogão Grande en Portugal e a vaga de lume que no outono sacudiu Galicia, ambas en 2017. 

Veciñanza do Courel e Valdeorras relata como os incendios dos últimos días avanzaban montaña arriba ou ladeira abaixo como "nunca" viran na vida. As extremas condicións de calor e seca que provoca o cambio climático e a elevada acumulación (polo abandono) de maleza que actúa como combustible vexetal e acelerador do lume nos montes son as causas principais desta virulencia. 

A duns fogos que chegan -como ocorreu na serra lucense hai uns días e anos atrás en Portugal- a provocar nubes de convección que mudan as condicións meteorolóxicas previstas, fan rolar os ventos e propagan de maneira caótica o lume mesmo noutros incendios a ducias de quilómetros. E que mesmo poden provocar tormentas de lume ou saltar encoros, creando focos secundarios co traslado de charetas ata a dous quilómetros de distancia. Un escenario apocalíptico que non só aconteceu xa en Galicia ou no norte luso, senón que foi advertido por expertos e informes encargados polas administracións, que alertaron de que episodios deste tipo poderían facerse máis habituais nos vindeiros anos por mor do cambio climático.

Expertos levan anos advertindo dos incendios que afronta Galicia polo cambio climático, cunha intensidade que "sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo"

Edelmiro López, profesor da USC e un dos doce expertos que elaborou o informe técnico en Portugal tras o incendio de Pedrogão Grande, sinalábao xa na comisión parlamentaria que abordou o problema do lume en Galicia en 2018. "A grande intensidade dos incendios sobrepasa a capacidade de calquera dispositivo de extinción, xa que ningún dispositivo do mundo é capaz, pasado un punto, de combater o lume", explicaba sobre eses fogos de nova xeración. E lembraba que as estimacións feitas no estudo luso indicaban que "as posibilidades de controlar" frontes como as que forman son de entre 3 e 17 minutos desde que se inicia. "A partir de aí, só queda a estratexia defensa: protexer as persoas e agardar a que melloren as condicións climáticas", advirte. 

Coinciden coas reflexións que os brigadistas fan agora desde o terreo. "Se non se atallan de inicio, a rapidez coa que avanzan fainos incontrolables, ademais de supoñer un maior risco para as persoas, tamén para os que loitamos contra os incendios", din. 

Brigadistas traballando nos incendios deste mes de xullo en Galicia CC-BY-SA ATBrif

Edelmiro López tamén advertía de que as alteracións climáticas extremas influenciadas polo cambio climático "aumentan e incrementan de forma notable, e vano facer máis, o risco de incendios de grande intensidade". "Esas condicións climáticas van ser máis frecuentes o que, unido á elevada acumulación de combustible nos montes, provocan que as posibilidades de controlar o lume se limiten só á súa situación inicial", asegurara. Xusto o que agora ocorre. 

Informes do Eixo Atlántico, de Portugal ou a comisión parlamentaria en Galicia xa advertiran do "aumento do risco de incendios de grande intensidade" e da necesidade de cambios

Se o informe técnico en Portugal sobre Pedrogão de 2017 concluíra que a política antiincendios debía ser modificada por mor do cambio climático, foi a propia Xunta quen reclamou o mesmo pouco despois na comisión parlamentaria. "Hai que levar a cabo accións estruturais no territorio en condicións máis extremas", dicía o daquela director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto. O documento da asemblea lusa fora tamén contundente ao instar a "enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas", adaptando as estruturas de protección civil "para adquirir capacidade de antecipação e planeamento, substituindo a lógica de 'mais meios' pela lógica do conhecimento e da proatividade". 

"Máis medios sempre son benvidos, pero o problema é estrutural e de prevención; os incendios hai que atallalos no inverno, con prevención e con traballadores que coñezan ben o terreo e o vixíen todo o ano. Non pode ser que haxa maleza de ata tres metros ao pé das casas", insiste David desde Oímbra, onde loita contra o lume. "Por iso é polo que insistimos tanto nos perímetros das aldeas, en telos rozados e coidados... Perdéronse tres anos desde que se advirte deste novo tipo de incendios e dos problemas que ante eles crea todo o combustible vexetal provocado polo abandono e que vira aínda máis perigoso polos efectos do cambio climático", engade Xan. 

O noroeste peninsular e atlántico "está entrando de cheo nunha dinámica propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración", advertira a Eurorrexión

Mesmo o Eixo Atlántico se encargara, tamén hai catro anos, de advertir da perigosidade do novo "tipo de incendio que vén" e que afecta precisamente a área xeográfica que abrangue Galicia e a parte máis septentrional de Portugal. 

Este territorio comparte unhas "características bioxeográficas comúns", fortes "similitudes nas súas áreas rurais e respectivos sectores forestais" e unhas condicións climáticas que, unidas ao influxo do quecemento global, fano propicio para a proliferación destes agresivos e perigosos fogos. Engádeselle a isto a "fragmentación da propiedade" e os "cambios socioeconómicos e demográficos" que veñen xerando un proceso de abandono das actividades tradicionais e de despoboamento e a acumulación continua de combustible. A dispersión e a enorme proporción dese "tecido urbano discontinuo" fan aínda máis complexa a situación. 

Aldea de San Cristovo (Monterrei), afectada por un incendio © @EmerxenciasOu

O informe que abordaba a Cooperación Tranfronteiriza na prevención e extinción de incendios forestais no Eixo Atlántico, elaborado pola entidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, advertía da "chegada da tipoloxía de incendios de sexta xeración" e sinalaba o noroeste peninsular e atlántico -xusto o máis azoutado agora polo lume- como área de claro risco por estar "entrando de cheo nunha dinámica propia de zonas de grandes incendios, entre a terceira e a cuarta xeración". 

O documento -elaborado por Juan Picos, coordinador e director da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra; Marc Castellnou, inspector xefe de área forestal da Generalitat de Catalunya; e Antonio Salgueiro, coordinador técnico do Grupo de Análise e Uso do Fogo e do Grupo de Especialistas de Fogo Controlado da Autoridade Florestal Nacional portuguesa- sinalaba a relevancia que supuña que "fose no atlántico peninsular húmido e non no mediterráneo seco" onde se evidenciasen xa incendios de sexta xeración. 

E ía máis aló, ao apuntar  "o papel da rápida acumulación de combustible fino, até supor elevadas cargas" propiciadas polo "abandono das actividades rurais, principalmente agricultura, gandería e xestión forestal", ao que se lle une o cambio climático, que "favorece con tempadas de risco máis longas e fenómenos de calor e seca máis prolongados unha maior e máis rápida acumulación" dese combustible. 

"Emerxencia de protección civil"

O documento definía, en parte, a situación que se vive cos últimos grandes fogos en Galicia, onde se asentan estes episodios de incendios de terceira e cuarta xeración. Son aqueles influídos por esta carga de combustible continua nos montes, con frontes máis intensas que xeran incendios convectivos, con ambiente de lume e posibilidade de focos secundarios masivos --de especial gravidade en áreas de poboamento disperso-- e nos que falla o ataque directo e a prevención con cortalumes. Ademais, preocupa a súa propagación na interfaz urbano-forestal, que agrava todo: "Xa non temos un problema de montes senón unha emerxencia de protección civil; as prioridades vense dominadas pola defensa e pérdese a iniciativa". 

Brigadistas, logo dunha xornada de loita contra o lume en Oímbra CC-BY-SA Brif Laza

Esa é tamén unha das explicacións que desde as brigadas sen dan ao desbordamento dos medios: "Así que tes que priorizar a defensa das casas e das vidas humanas, o lume pode avanzar sen control". Ademais, alertan tamén de que o verán "aínda acaba de comezar" e o temor que hai entre os servizos de extinción e os expertos a que a virulencia destes incendios acabe afectando a zonas aínda máis poboadas e con maior combustible vexetal e desatención. 

"A cousa non pinta nada ben e espéranos un verán duro. Agardemos que as administracións reaccionen, colaboren e metan man dunha vez no asunto", remata un dos brigadistas. "Hai que evitar caer en explicacións sinxelas e solucións superficiais; o problema é suficientemente grave e está evolucionando rapidamente", lembraban os expertos que traballaron para o Eixo Atlántico. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.