"Os sistemas atuais de combate a incêndios não estão preparados para enfrentar um novo problema com raiz nas alterações climáticas". Esa era a conclusión básica que o informe da comisión de expertos impulsada pola Assembleia da República de Portugal lanzaba en outono tras analizar a orixe, causas e circunstancias das lapas que en xuño asolaran o país veciño e provocaran a morte de máis de 60 persoas en Pedrógão Grande. Incide nesas condicións extraordinarias e na necesidade de abordar as mudanzas o segundo relatorio da mesma comisión, no que mesmo se advirte de que a excepcionalidade dos focos na zona central acabaron por evitar unha maior catástrofe en Galicia na vaga de outubro. A tese é clara: o cambio climático obriga a mudar a loita contra o lume. E a Xunta semella apostar tamén pola "reflexión" ante un panorama ben diferente e de maior risco, non só nos montes galegos, senón tamén en zonas habitadas, pastizais ou mesmo áreas urbanas tamén en risco.
Fernández-Couto asume que a vaga de outubro e as condicións climáticas extremas esixen "unha reflexión" sobre a loita contra os incendios en Galicia
Asumiuno o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, durante a súa intervención na comisión de incendios, centrada na tráxica vaga do pasado outubro, que se celebra no Parlamento. "Semella que comeza unha nova etapa, que están nun novo discurso", díxolle o deputado do BNG Xosé Manuel Rivas, Mini. "Hai un punto novo porque o que aconteceu o 15 de outubro nunca acontecera", dixo o representante da Xunta, que asumiu que a situación vivida naquela fin de semana "require unha reflexión". "En dous ou tres días pode haber máis problemas que en varios anos xuntos; ardeu o monte xestionado e o que non, casas, zonas sen vexetación, pastizais... E houbo lapas queu foron dando saltos ata chegar ás vivendas", explicou.
O director xeral de Ordenación Forestal asume que a "nova situación" climática obriga a Xunta a decidir se o actual operativo é o axeitado
Fernández-Couto recoñeceu que esta "nova situación" climatolóxica implica que o Goberno "teña que ver se o actual operativo" é o que debe dedicar a unhas condicións "extremas" onde "as franxas de seguridade son cada vez máis determinantes", ao igual que a seguridade das persoas. Por iso, ante as preguntas dos deputados da oposición e do PP adiantou que a Xunta "ten que ver como complementar a actuación municipal" na prevención e na extinción e "poñer en marcha medidas potentes para actuar sobre o territorio e apoiar e esixir unha actuación aos concellos". "Estase estudando a adecuación a esta situación cambiante, menos estacional", insistiu. "Hai que levar a cabo accións estruturais no territorio en condicións máis extremas", reiterou.
"Hai que levar a cabo accións estruturais no territorio en condicións máis extremas", advirte Fernández-Couto
O director xeral recalcou moito a situación "nunca vista" daquela fin de semana de outubro, cunha "situación xeneralizada de fortes ventos, refachos, baixa humidade... E unha alta actividade incendiaria". Fernández-Couto insistiu en lamentar que en condicións climatolóxicas excepcionais "tamén aumenta" esa actividade incendiaria e preguntouse se sería conveniente considerar tan so "neglixencia" ao feito de levar a cabo queimas en períodos onde están prohibidas. E volveu dicir que "nunca se vira tal cousa" como a acontecida neses días de outuono. "Unha cousa é loitar contra 25 incendios e outra contra 130 nesas condicións, mesmo focos simultáneos que queimaban 200 hectáreas nunha hora", dixo.
Ademais, ante as dúbidas da oposición sobre a activación do Pladiga ou sobre a falta de consenso no Plan Forestal, Fernández-Couto defendeu a posición da Xunta e avogou polo "consenso" que desde En Marea, PSdeG e BNG non cren.