A Fiscalía investiga se a Xunta puxo todos os medios necesarios na loita contra a vaga de incendios do verán

Bombeiros forestais con base en Tineo (Asturias), traballando no incendio do Courel en xullo de 2022 © Asociación de Traballadores das BRIF

A Fiscalía investigará o proceder da Xunta durante a vaga de incendios do pasado verán en Galicia. Así llo confirmou á plataforma Por un Monte Galego con Futuro, que presentara unha denuncia na que sinalaba a Administración como responsable por inacción da magnitude das consecuencias do lume

A Fiscalía confirma que incoará dilixencias para determinar se a Xunta puido cometer un delito contra o medio ambiente relativo á protección da flora e contemplado no Código Penal. A investigación, segundo confirmou a Fiscalía Superior de Galicia, foi iniciada xa pola Fiscalía delegada de Medio Ambiente en Ourense polos fogos que afectaron esa provincia nos meses de xullo e agosto. 

Así, solicitou á Xunta que achegue información sobre os medios de extinción que interviñeron, os medios materiais e humanos ou o número de operativos levados a cabo. Será así logo da denuncia dun colectivo on de se integran, o SLG, Fruga, Adega ou a Organización Galega de Comunidades de Montes e que atribuíu as graves consecuencias da vaga de lume ao "desleixo" da Xunta. 

A plataforma Por un Monte Galego con Futuro denunciou a Xunta ante a Fiscalía e acusouna de "desleixo" e "inacción" que agravaron as consecuencias do lume

Por un Monte Galego con Futuro sinalou a "inacción" da Consellería do Medio Rural perante uns fogos que "arrasaron ecosistemas de gran valor" como o Parque Natural do Invernadoiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro ou o Arenteiro, entre outros. 

As claves, apuntaban, estarían en que o dano foi moito máis grave debido a que "a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe". Na denuncia, ademais, advertían de que no mes de agosto só se executara parte do Plan de prevención de incendios forestais presentado en maio polo daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. "Cun orzamento de máis de 180 millóns de euros que, entre outras partidas, tiña previsto un investimento de 33 millóns de euros para prevención e intervir en 58.000 hectáreas de montes, 58.000 quilómetros de pistas...", lembran. 

Grandes lapas nun incendio en Galicia CC-BY-SA Adega

Outros dos argumentos na denuncia son que a repercusión daqueles fatídicos incendios, sobre todo nas dúas últimas semanas de xullo, tería sido moito menor de terse activado todo o operativo de Tempada de Máximo Risco de Incendios, tal e como estabelecía o Pladiga 2022. 

A denuncia argumenta que os traballos de prevención non se completaron, que non se activara o operativo de máximo risco nin medidas complementarias ou que se obviaron os indicadores de risco

"Debíanse ter adoptado, ademais, as medidas complementarias establecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado", engade a plataforma, que no escrito dirixido á Fiscalía, advertía tamén de que os indicadores diarios sobre incendios permitían "vaticinar que, en caso de focos iniciais de incendio forestal, estes podían converterse con facilidade en Grandes Incendios Forestais, como así lamentabelmente pasou a partires do 14 de xullo”. 

“Producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes coa fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos do lume tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais que se podían producir”, denunciara a plataforma sobre un dispositivo "desbordado". 

Lume no Courel nos incendios do pasado xullo CC-BY-SA Caurel Vivo

A Xunta, logo de coñecerse o inicio da investigación, garantiu que "colaborará" e que trasladará "toda a información" solicitada, pero desde o "convencemento" de que se deu a "resposta" axeitada. Así o asegurou Francisco Conde, vicepresidente primeiro, que lembra que o "primeiro elemento a protexer" foi a poboación, "buscando o menor impacto posible sobre o territorio".

A segunda metade do mes de xullo e o mes de agosto converteron o pasado verán no peor en materia de incendios en Galicia dende o nefasto 2006, cando en apenas dúas semanas arderan máis de 80.000.En pouco máis de 45 días arderon ao redor de 43.000 hectáreas, que se veñen sumar ás mil que se queimaran nos meses anteriores, tendo en conta unicamente -iso si- os incendios dos que informa a Xunta, que son os que superan as 20 hectáreas ou afectan a espazos protexidos ou poboacións. O 2022 é o segundo peor ano dende o 2006, pois por diante quedan as 60.000 hectáreas arrasadas en 2017, un ano no que os incendios máis graves tiveron lugar en outubro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.