Case 10.000 persoas confinadas e 3.400 evacuadas polos incendios en Galicia

Bombeiros actuando nunha casa en Oímbra, durante a vaga de incendios de agosto CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

Case 10.000 persoas confinadas nalgún intre, máis de 3.300 evacuadas e 38 feridas, varias delas de gravidade. É o balance que o Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, fai sobre as consecuencias directas sobre a cidadanía dos incendios declarados en Galicia no que vai deste ano, a maioría e os máis prexudiciais na vaga do pasado verán. 

O informe de seguimento dos incendios forestais de primeiros de outubro, que abrangue xa case todos os grandes do verán no Estado, dá conta dunha característica destes fogos de cuarta, quinta ou mesmo sexta xeración que engaden atrancos para o seu control e extinción: a cada vez maior afectación do lume a zonas poboadas, infraestruturas e persoas. Unha circunstancia que obriga a centrar e priorizar esforzos en salvar casas e vidas humanas, dificultando aínda máis a batalla contra unhas lapas moitas veces incontrolables e que avanzan a velocidades nunca vistas. 

Mapa dos 63 incendios que obrigaron a activar a situación operativa 2 con apoio do plan estatal en agosto de 2025 © Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias

Así, o informe de Protección Civil destaca que un total de 159 incendios no Estado foron notificados ao Centro Nacional de Emerxencias e requiriron do despregamento da Situación Operativa de Protección (SOP) 1 ou 2, acabando practicamente dous terzos deles tendo consecuencias para a protección civil. En Galicia son 27 os que se incluíron neste grupo, dos que 22 tiveron tamén consecuencias para persoas e bens, máis do 80%

27 incendios en Galicia requiriron da activación da Situación Operativa 2 e 22 deles tiveron consecuencias para a protección civil

A SOP 2 actívase durante un incendio forestal cando o lume supón unha ameaza directa para a poboación ou bens non forestais e require de medios extraordinarios para a súa extinción. En moitos casos esta situación actívase debido á virulencia dos Grandes Incendios Forestais (GIF), aqueles que superan as 500 hectáreas e que en Galicia, en varios casos este verán, acabáronse unindo ata provocar os maiores incendios rexistrados na historia do país. 

Segundo os datos de Protección Civil, ata o 28 de setembro producíronse 63 GIFs no conxunto do Estado, 18 deles en Galicia —case o 30%— e moitos deles en zonas ben achegadas: Vilardevós, Chandrexa, A Mezquita, Larouco ou Carballeda de Valdeorras. 

Interior pon cifras aos danos humanos dos incendios en Galicia: 3.353 persoas evacuadas, 9.829 confinadas e 38 feridos, ademais de todas as vivendas afectadas

Un destes incendios, xa nos últimos días do verán e declarado en Pantón, no corazón da Ribeira Sacra, e precisamente destacado no informe por ser o último GIF no Estado, con máis de 1.800 hectáreas calcinadas. No seu balance, Protección Civil advirte de que provocou un ferido, 166 evacuados, un corte de estrada, outro da vía do tren e sete casas queimadas (a veciñanza cifra en nove as afectadas, oito en Budián e unha en San Román de Acedre, só unha delas vivenda habitual pero ningunha abandonada).

E só un exemplo do impacto —non só forestal e ao patrimonio natural— cada vez maior que o lume ten, especialmente na área noroeste da Península Ibérica. En concreto, os datos de Protección Civil elevan a 3.353 as persoas evacuadas en Galicia no que vai de ano por mor de incendios forestais, ademais de 154 albergadas e 9.829 confinadas

No país, durante os peores días da vaga de agosto, o risco chegou a ser tal que en varias ocasións a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta empregou o sistema ES-Alert para emitir unha mensaxe simultánea aos móbiles da poboación, recomendando de xeito simultáneo evitar os desprazamentos e permanecer nas casas á veciñanza de arredor de 40 concellos de Ourense. Noutros casos, a ameaza virou en real, obrigando o lume a desaloxar aldeas enteiras e evacuar centos de persoas. 

O informe de Protección Civil sinala tamén un mínimo de 16 cortes de estradas, catro cortes de vías de trens e catro afectacións a servizos importantes. Ademais, cifra en 38 o número de feridos e detalla, por exemplo, o caso do incendio de Oímbra, cun total de 24 persoas feridas, 14 delas traballando na extinción do lume e outras dez alleas ao servizo de extinción. 

Un dos brigadistas que resultou con feridas graves, co 40% da superficie corporal con queimaduras de terceiro grao, continúa ingresado na Unidade de Queimados do CHUAC. É un dos nove que ingresaron na devandita unidade con feridas provocadas polo lume durante este verán, os cinco últimos tras o incendio en Barreiros do pasado 14 de setembro. 

A Xunta cifrara en 400 as persoas evacuadas e en 2.000 os confinamentos pola vaga de incendios de agosto

As cifras que no seu balance fai o Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, contrastan coas que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou tras o Consello da Xunta celebrado en Ourense o pasado 29 de agosto, aínda tendo en conta que estes datos non incluían os incendios de setembro. 

Incendio en Cualedro, en agosto de 2025 CC-BY-SA Garda Civil

Daquela, Rueda advertía que os incendios provocaran a evacuación de 400 persoas e 2.000 confinamentos. Ademais, detallou que afectaran tamén 144 vivendas (8 residencias habituais, 42 segundas residencias e o resto abandonadas ou en ruínas) e "media ducia" de explotacións gandeiras.

Case o 30% das intervencións do Estado, en Galicia

Por outra banda, o informe de Protección Civil tamén debulla con detalle a intervención de medios do Estado en Galicia durante a vaga de agosto. Así, das 81 intervencións de medios do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través de avións anfibios principalmente, en diferentes puntos de España, 21 delas foron en incendios en territorio galego, o 26% do total

En canto ás intervencións da Unidade Militar de Emerxencias (UME), foron un total de 52 no conxunto de Estado durante a vaga, máis do 30% delas (un total de 16) en Galicia, segundo un documento que tamén fai un repaso da colaboración entre diferentes Estados. En total, case o 30% das intervencións de medios estatais nos incendios en España foron en territorio galego. 

Así, detállase que servizos de extinción da Xunta de Galicia interviron en sete incendios en Portugal en áreas fronteirizas, mentres que medios portugueses fixérono en catro fogos dentro do territorio galego. Ademais, entre o 14 e o 30 de agosto avións, helicópteros ou bombeiros de tres países europeos, a través do Mecanismo Europeo de Protección Civil da UE, colaboraron en labores de extinción en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.