A Chandrexa queimada: "Agora a Rede Natura acabouse"

O lume visto desde Taboazas, no incendio de Chandrexa de Queixa (Ourense) © María Domínguez

O ceo comeza a verse de novo en Chandrexa de Queixa tras case quince días de lapas e fume. A vista doe neste concello da comarca da Terra de Trives, que forma parte do Macizo Central ourensán. “Chegounos o lume á porta da casa”, conta a Praza.gal María Domínguez desde a aldea de Taboazas, onde lograron salvar as vivendas e puxeron a salvo á xente maior. Non tiveron tanta fortuna na aldea de Parafita, desde a que Carlos, gandeiro, explica como se lle queimaron as terras e mais o gando cun lume feroz que non vira na vida: “Perdémolo todo”.

O incendio de Chandrexa comezou en Parafita e Requeixo e, a medida que foi medrando, uniuse ao de Vilariño de Conso, que comezou a arder por Mormentelos. Este gran lume, só superado agora mesmo polo de Larouco, leva máis de 19.000 hectáreas arrasadas, segundo os datos da Consellería de Medio Rural, e continúa activo e sen control. “O domingo [10 de agosto] o lume comezou a baixar a serra e o luns foron facendo cortalumes para que non viñera directo, pero o martes á noite xa estaba en Taboazas. Había moitísimo aire e o lume viña cunha furia... Era como se lle latira o corazón, non lle podiamos quitar a vista: como se agardásemos a que nos matara”, relata María.

"A noite que pensabamos que o perdiamos todo farteime de chamar pedindo unha motobomba, pero sei que de verdade non tiñan ningunha dispoñible", di María Domínguez desde Taboazas

Os pais de María, de 75 e 83 anos, levan toda a vida nesta aldea de Chandrexa de Queixa e nunca viron un incendio igual. O seu irmán traballa como bombeiro forestal nunha brigada e ela mesma é emisorista de incendios. Coñecen o lume, mais nunca se enfrontaran a un incendio desta intensidade. “Desde o outro lado da serra, co río polo medio, queimábache a cara”, destaca esta veciña de Ourense que, como outra xente nova, subiu á aldea para axudar.

“Quero destacar que os equipos contra incendios son moi profesionais e que isto foi dunha forma que nunca nos sucedera. Estaba ardendo en moitos sitios á vez e con moita forza. A noite que pensabamos que o perdiamos todo farteime de chamar pedindo unha motobomba, pero sei que de verdade non tiñan ningunha dispoñible. Nós conseguimos salvar as casas, o lume foinos pechando como nun círculo e o que nos salvou foi que todo ao redor do pobo é pastizal para o gando”, debulla María Domínguez.

A ourensá salienta como o “campo limpo”, a terra traballada, non arde igual. As súas vacas, que se salvaron porque as lograron traer para as fincas máis próximas ás casas, agora non teñen onde pastar. E non sabe cando poderán facelo de novo nas súas terras, a maioría arrasadas polas lapas. 

"Meus pais din que antes facían queimas en abril ou maio para prepararse por se había lumes. Agora non se pode tocar nada. [...] E todo para que? Agora a Rede Natura acabouse"

Non podo evitar pensar que o que intentan é que marchemos do rural. Aquí xa vive moi pouca xente, todo o ano hai catro casas abertas, oito persoas en total e todas moi maiores. Non podemos facer nada porque estamos en terreos da Rede Natura, para calquera cousa hai que solicitar moitísimos permisos que che afogan... Meus pais din que antes facían queimas en abril ou maio para prepararse por se había lumes. Agora non se pode tocar nada. Non temos nin unha boa pista que chegue á serra, se existira poderían ter metido por aí a maquinaria e atallar o lume moito antes de que baixara. E todo para que? Agora a Rede Natura acabouse”, lamenta.

A Rede Natura 2000 é unha iniciativa da Unión Europea que naceu a principios deste século para protexer hábitats e especies que se consideraban en perigo. Nos últimos anos, a Comisión Europea vén incidindo en que a protección da Rede Natura por parte da Xunta "non cumpre" os requisitos comunitarios. De feito, os lumes en Galicia queimaron o 12% dos terreos da Rede Natura na década entre 2014 e 2024, segundo a propia información da Xunta. María asegura que na serra morreron corzos, cervos, lobos, coellos, xabaríns, os exemplares da pita do monte, cabras, lebres... Ademais da multitude de especies de árbores autóctonas que arderon alí.

O lume chegou ao pé das casas de Taboazas, en Chandrexa, o martes 12 de agosto © María Domínguez

O martes 12 de agosto, cando as lapas pararon case ao pé das casas en Taboazas, na aldea de Parafita a situación estaba fóra de control xa varias horas antes. Carlos marchou á serra polas cabras, que pastaban alleas ao perigo. “Fun para salvarlles a vida, pero non podía imaxinar como viña ese lume. Tiven que abandonalas”, afirma, coa voz entrecortada. Custoulle moito deixalas alí, ten queimaduras nas costas porque non era quen de marchar. Conta que tivo que saír correndo monte a través cara a Cabeza de Manzaneda, onde despois o foron buscar. O incendio acabou coas 170 cabras grandes e 70 pequenas e este veciño de Parafita di que aínda está “asimilando”.

"Se deixaran limpar á xente, andar no monte como se facía antes, non pasaba o que pasou", salienta Carlos, gandeiro na aldea de Parafita

“Estamos desesperados, non sabemos que imos facer agora”, asegura, para engadir: “Se deixaran limpar á xente, andar no monte como se facía antes, non pasaba o que pasou. Carlos quéixase das limitacións impostas polas Administracións públicas, que como outros veciños critica por estar lonxe da súa realidade diaria. “Antigamente, cando eu era pequeno, estaba todo limpo e non pasaba o que pasou. Había un incendio de oito ou nove hectáreas e para nós xa era un lume grande”, rememora.

Carlos, ao outro lado do teléfono, non acredita os milleiros de hectáreas queimadas. “Case ardeu todo dende Verín ata A Rúa”, di con pesar. “Hai moita xente afectada, moitos veciños que quedaron sen nada, ou que perderon os rolos de herba para o gando. Aquí non quedou nada: arderon bosques, tenreiros, palleiros, cuadras...”, engade. “Quero que fagan algo por nós, que nos axuden sen que haxa tanto papeleo”, asevera.

O fume da terra queimada nunha pista en Chandrexa de Queixa © María Domínguez

En Chandrexa temen o que vai pasar cando a choiva arrastre todo o queimado cara ao río, que o levará directo ao encoro de Queixa: "Vai matar toda a vida no río"

O que deixan as lapas

Ao poñer o pé na terra queimada, afúndese. O lume penetrou de tal maneira que a pesar de desexar que chova para lograr que paren as lapas, en Chandrexa tamén temen o que vai pasar cando a choiva arrastre todo o queimado cara ao río, que o levará directo ao encoro de Queixa. “Vai matar toda a vida no río ao seu paso ata o encoro”, manifesta María Domínguez, que conta como hai uns días que comezou a chorar cando fala do lume e agora as bágoas aparecen en cada conversa.

A pesar da dor, a veciñanza ten a vista posta no que pode ir facendo: volver cerrar as fincas, pois o lume levou todos os peches. O aire que respiran está moi contaminado, o incendio seguiu o seu camiño e segue sen estar controlado desde o pasado día 8, cando comezou este pesadelo. Non houbo descanso estes días, pero a xente da zona non fala diso, só ten palabras de agradecemento para quen foi axudar: desde as amizades que subiron de Ourense ata os bombeiros forestais de distintos lugares do país, neste caso sobre todo de Lugo, que lles axudaron e loitaron contra as lapas “como uns veciños máis”. Nestas situacións de tensión, detalla María Domínguez, “hai xente moi profesional e outra que se ‘perde”, pero asegura que a maioría foron moi profesionais. Foron horas compartidas cos ollos tamén ardendo, partillando a auga e a comida que tiñan.

Pero o perigo non marchou. “O lume de Montederramo chegou polo río ata nós”, di María, que agora xa se manexa á perfeccións cos batelumes. A pesar de traballar no sector antiincendios, sempre estivo na oficina encargándose da emisora. Esta foi a súa primeira vez cara a cara co lume, ao que lle tiña todo o medo. “Tiña que facer algo, tiña que axudar”, repite mentres chora porque os seus ollos só ven negro onde antes todo era verde; incluso rosa na primavera. Entón, pensa nas abellas que ten ao lado da casa dos seus pais, que van comer agora as abellas? Morrerán tamén?

“Que non se esquezan de nós”, pide María antes de colgar o teléfono. “Que isto non se volva repetir. A xente ten que saber que os veciños de aquí non plantan lume, e menos nesta época. Todo o mundo sabe que agora, no momento que chova, vaino arrastrar todo”, insiste.

A aldea de Taboazas quedou practicamente pechada polas lapas © María Domínguez
Evacuaron a xente maior da aldea e lograron salvar as casas © María Domínguez

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.