O fume dos incendios aumenta os ingresos e a mortalidade incluso a centos de quilómetros do lume

Fume dos incendios no noroeste da Península Ibérica © Zoom Earth, EUMETSAT, Meteosat

O investigador Julio Díaz explica que o dano da contaminación afecta gravemente ao sistema circulatorio e pulmonar

Os feridos e falecidos polos incendios que figuran nas estatísticas oficiais estiveron en contacto coas chamas ou sufriron intoxicacións por atoparse a metros delas, pero os expertos advirten de que a área que realmente está afectada polo fume dun lume forestal pode estar a centos ou mesmo miles de quilómetros. Os habitantes da metade norte da Península levan unha semana expostos a concentracións altísimas de contaminantes tóxicos, en cantidades que chegan a quintuplicar o limiar de risco da Organización Mundial da Saúde. Ademais de provocar irritación de ollos e gorxa, as persoas maiores ou con enfermidades crónicas poden acabar no hospital aínda que vivan noutras provincias, e mesmo está demostrado que o fume aumenta a mortalidade prematura na poboación de risco.

Julio Díaz, doutor investigador do Instituto de Saúde Carlos III, leva desde 2013 estudando o impacto na saúde dos incendios, e confirma que os españois non son conscientes do dano que sofren estes días. "Comprobamos que o fume non só empeora a calidade do aire, senón que nos expón a substancias tóxicas máis perigosas que a contaminación habitual, e en lugares moi afastados do lume, mesmo a 1.000 quilómetros", explica.

Columna de fume ante a aldea do Canizo, na Gudiña CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Díaz publicou varios estudos en revistas internacionais sobre o impacto do fume a curto prazo, no primeiros tres días tras a exposición. "Por unha banda, aumenta a mortalidade prematura da poboación por enfermidades circulatorias e respiratorias, así como os ingresos en hospitais, pero tamén afecta a embarazadas, con partos prematuros e baixo peso ao nacer".

Nun estudo posterior centrado nas enfermidades mentais, tamén observou que "soben moitísimo os problemas de ansiedade e estrés" pola exposición ao fume porque o po é tan pequeno que as partículas poden chegar ao cerebro e causar inflamación.

A UE di que España acadou un récord histórico de emisións de carbono por incendios en só oito días e en Lugo as partículas acadaron seis veces máis do límite recomendado pola OMS

Copernicus, o programa europeo de monitorización atmosférica, lanzou unha alerta o martes polos elevadísimos niveis de contaminación do aire que se observan estes días na península. Os seus técnicos explican que o verán comezou ben, con niveis de emisións de carbono por baixo do normal, pero "en cuestión de días" desenvolvéronse tantos lumes que se alcanzou o récord de emisións de todos os rexistros, que comezan en 2003.

En concreto, en apenas oito días emitíronse en España ao redor de 5,5 millóns de toneladas de carbono debido aos incendios forestais. Para poñer a cifra en contexto, toda a economía española emitiu o ano pasado 272 millóns de toneladas de CO₂, e o que expulsaron estes días os bosques é un 2% desa cantidade.

Os mapas publicados por Copernicus mostran concentracións moi altas de micropartículas PM2.5, po cun diámetro inferior a 2,5 micras, máis de 20 veces máis finas que un pelo. Isto permite a estas substancias —que poden ser carbóns, restos biolóxicos ou produtos tóxicos— entrar no organismo a través do nariz e coarse no sangue e chegar aos órganos. Como explica Julio Díaz, se as PM2.5 son nunha situación normal os contaminantes máis perigosos, se ademais estas proceden dos incendios —non do po do Sahara, por exemplo— son aínda máis perigosas.

Emisións totais anuais de carbono por incendios en España en millóns de toneladas © Copernicus - UE

Miguel Ángel Ceballos leva anos concienciando sobre a calidade do aire en Ecoloxistas en Acción, e explica que estes días hai uns niveis que poucas veces se observan en España. "As zonas de máis risco son o Bierzo, o interior de Lugo e os arredores da cidade de León, onde a poboación leva exposta máis dunha semana a niveis moi altos de emisións. E como proceden de incendios, as partículas poden incorporar hidrocarburos aromáticos policíclicos, dos que boa parte son canceríxenos”, subliña Ceballos.

No caso das partículas PM2.5, o límite de concentración recomendado pola Organización Mundial da Saúde é de 25 microgramos (μg) de media ao día por metro cúbico de aire, pero no interior de Lugo chegaron a medirse 141 μg o venres, case seis veces máis. Nas partículas algo máis grosas, as PM10 (superiores a 10 micras de diámetro), teñen un límite recomendado de 50 μg diarios por metro cúbico, e en Ponferrada medíronse 218 μg este martes, catro veces máis.

Aínda que o fume estivo concentrado ata o de agora no noroeste peninsular, este martes rexistráronse tamén niveis moi altos de partículas en Valladolid, Madrid, Toledo e mesmo Córdoba, que os expertos atribúen aos incendios de España e Portugal. No centro da península os niveis de PM10 diarios roldan os 60 μg, mentres que os de PM2.5 situáronse este martes nos 35 μg. Son cifras máis baixas que no norte, pero aínda así perigosas, pois non hai un limiar seguro de exposición ao fume.

Julio Díaz engade un detalle máis. O fume dos incendios agrava tamén a calidade do aire dun dos contaminantes que máis dano está a facer nos últimos anos: o ozono. É un gas complexo de combater, porque se forma pola combinación da radiación solar cos compostos orgánicos volátiles presentes no fume dos incendios.

"Cada vez é máis evidente que necesitamos unha resposta a gran escala contra o cambio climático no verán", expón o físico do ISCIII. "Sufrimos vagas de calor moi agresivas. incendios a gran escala, po do Sahara, o fume dos incendios… parece que son moitas cousas á vez e non se pode facer nada, pero o primeiro é reducir o tráfico nas cidades para reducir a contaminación" insiste Díaz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.