Galicia rexistra 156 mortes atribuíbles á calor no que vai de agosto, o 13,5% do total do Estado

Mortes pola calor en Galicia no que vai de mes de agosto CC-BY-SA Praza.gal

Pontevedra, con 83 mortes, máis da metade do total, foi a provincia máis afectada pola calor

Case co inicio deste mes de agosto comezou unha vaga de calor en boa parte de Galicia que se estendeu, con excepcións e días puntuais de melloría, durante practicamente dúas semanas. Unhas temperaturas que o sistema de Vixilancia da Mortalidade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) relacionan cun exceso de mortalidade sobre o habitual nestas mesmas datas en Galicia de 156 facelementos. A cifra supón o 13,5% do total de exceso de mortes rexistrado no que vai de agosto en todo o Estado, malia que a poboación galega é o 5,7% do total estatal.

O sistema MoMo, que tamén foi empregado para analizar os efectos da pandemia da COVID-19, monitoriza os excesos de mortalidade en España realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas. Só unha parte destas mortes notifícanse como directamente causadas polas altas temperaturas (por exemplo os golpes de calor). Porén, o efecto negativo das altas temperaturas, sobre todo cando estas se estenden no tempo, provocan un debilitamento da saúde, especialmente en persoas de idade avanzada ou aqueixadas por outras patoloxías.

Segundo as estimacións do sistema MoMo, esa incidencia da calor na saúde ata o punto de influír nos falecementos concéntrase a partir dos 85 anos, con 117 mortes máis do previsto, unhas idades nas que as mulleres son maioría e que levan a que o exceso de falecementos se calcule cunhas 103 mortes de mulleres por 54 de homes.

No xeográfico, Galicia situouse como a terceira comunidade con máis exceso de mortes, só por detrás de Madrid e Catalunya, que teñen moita máis poboación. E dentro de Galicia o efecto deixouse sentir especialmente na provincia de Pontevedra, con 83 mortes, máis da metade do total, seguida de lonxe pola de Ourense, aínda que a primeira está menos afeita ás altas temperaturas que a segunda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.