Galicia rexistrou un 20% máis de mortalidade do habitual durante o pico do coronavirus

Exceso de mortes sobre o previsto en Galicia a finais de marzo e ata comezos de abril CC-BY-NC-SA Praza Pública

O sistema estatal de vixilancia, que obtén datos dos rexistros civís corrixindo os atrasos nas notificacións, sinala que o exceso de defuncións para a época do ano foi superior nos homes e nos maiores de 74 anos

Entre o 21 de marzo e o 8 de abril, coincidindo co pico da vaga do coronavirus, o Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria (MoMo) en España, a cargo do Centro Nacional de Epidemiología do Instituto de Salud Carlos III, detectou en Galicia unha mortalidade un 20,3% superior ao previsto para esas datas do ano en función dos falecementos rexistrados en anos anteriores. Segundo os seus cálculos, serían entre 322 e 341 persoas máis as falecidas que o estimado para eses días en circunstancias normais en Galicia, cifras algo superiores aos arredor de 280 falecementos dos que o Sergas informou nese período que se deberan ao coronavirus.

Excesos de mortalidade detectados a nivel galego e estatal polo Centro Nacional de Epidemiología do Instituto de Salud Carlos III CC-BY-SA Praza Pública

Fronte ao exceso do 20,3% en Galicia, a nivel estatal a cifra aumenta ao 69,3% para un período lixeiramente superior

O sistema de monitorización da mortalidade obtén información dos falecementos inscritos nos rexistros civís e realiza os seus cálculos tendo en conta posibles atrasos nesas notificacións, corrixíndoos en función de diversas variables de xeito que canto máis tempo pasa do período no que se detecta un exceso de mortalidade, máis precisos resultan os cálculos. 

Segundo o último informe do sistema MoMo, divulgado o pasado venres, dez días despois do remate do período de exceso de mortalidade sinalado para Galicia e que polo tanto axusta mellor as cifras e o período que informes de días anteriores, nel produciuse un aumento sobre o previsto do 20,3%, cifra moi por baixo do período de exceso sinalado para o conxunto estatal, entre o 17 de marzo e o 15 de abril, no que foi dun 69,3%.

O exceso de falecementos entre os maiores de 74 anos foi dun 24,1%

Segundo os datos para Galicia, o exceso de mortalidade foi superior entre os homes (25,6%) que entre as mulleres (14,2%). Canto ás idades, non se rexistrou ningún exceso entre as persoas menores de 65 anos. De feito, rexistráronse tres mortes menos (181) do estimado para ese período (184). Entre 65 e 74 anos o exceso de mortes foi do 4,5% mentres que entre as persoas maiores de 74 anos, se nese período o estimado en función do rexistrado en anos anteriores serían unhas 1.300 mortes, este ano producíronse máis de 1.600, un 24,1% máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.