Os casos de coronavirus en UCI acumulan quince días seguidos de baixadas

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Na última xornada rexistráronse 14 falecementos, máis da metade de persoas que vivían en residencias

A información diaria que o Sergas vén facendo pública sobre os casos de coronavirus en Galicia certifica este domingo que o descenso do número de persoas que requiren de atención en unidades de coidados intensivos (UCI) suma xa quince días consecutivos, ata as 112 agora ingresadas, cifra que se superara o 29 de marzo ata acadar o 4 de abril o seu pico con 177 persoas requirindo dese tipo de atención intensiva. Desde aquela, o descenso é constante.

Pola contra, o número total de casos activos, que este sábado aumentara en apenas 5 persoas, volve aumentar noutras 58, ata un total de 6.205 casos activos, un incremento en todo caso inferior ao 1%. Tamén se ralentizan algo as altas, con só 29 novas, un aumento dun 1,92%, o máis baixo desde o comezo da vaga. Cifras para as que a Xunta di que realizou xa un total acumulado de 63.715 probas PCR, unhas 3.500 máis que na xornada anterior.

O Ministerio de Sanidad salienta que o Sergas está a notificar "altas hospitalarias pero non altas epidemiolóxicas"

Este domingo, tras mudar o venres o tipo de datos que lle pide ás comunidades autónomas, o Ministerio de Sanidad informa de que Galicia “notificou altas hospitalarias, pero non altas epidemiolóxicas polo que non se puido calcular o número de curados novos para esta comunidade” nos datos que se facilitan desde o Goberno central. Non é a única disparidade, dispoñendo dos mesmos datos orixinais, que son os que recompila o Sergas, que se atopa no xeito en que Xunta e Goberno central divulgan a incidencia do coronavirus en Galicia.

Segundo os datos do Sergas, na última xornada rexistráronse outras 14 mortes, das que oito se produciron entre persoas que vivían en residencias e faleceron nelas ou tras seren trasladadas a hospitais. Confírmase así a tendencia dos últimos días de que xa se producen máis falecementos entre as persoas que viven en residencias que entre o resto da poboación. Pola contra, o número de casos activos nas residencias baixa lixeiramente, ao pasar na última xornada de 895 a 887 persoas maiores e de 346 a 343 traballadores. Ademais, segue habendo 117 casos activos entre usuarios de residencias de dependencia e 78 entre o persoal dese tipo de centros.

Novo repunte en Ourense

Canto ao reparto dos casos por áreas sanitarias, tras rexistrarse este sábado un lixeiro descenso en Ourense, a área onde o impacto do coronavirus está a ser maior en relación co total da poboación, este domingo infórmase dun novo aumento, pasando de 1.200 a 1.233 casos. Tamén se rexistran aumentos significativos na Coruña, que segue á cabeza e suma dez máis, e Vigo, con quince máis. Pola contra Santiago e Lugo apenas medran, Pontevedra mantense igual e Ferrol reduce en cinco o número de casos activos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.