Matiza ou aumenta a casuística dos doentes e do persoal dispoñible pero simplifica a información sobre a capacidade sanitaria e mantén a de consumo de materiais e probas PCR
O Ministerio de Sanidade publica este venres no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha orde coa que concreta e amplía notablemente a información que ata agora lle tiñan que facilitar as comunidades autónomas sobre a evolución dos casos de coronavirus. A nova orde vén modificar a primeira que emitiu hai un mes, ao comezo do estado de alarma, precisando numerosas cuestións que daquela se requiriran de xeito xenérico e que neste tempo deixaron en evidencia a necesidade dunha maior concreción para evitar a disparidade de criterios de cada administración.
A propia orde de Sanidade sinala que “a evolución da situación da crise sanitaria” polo coronavirus “obriga a adaptar e modificar o procedemento de notificación” para “asegurar a eficiencia na xestión da crise”.
No que respecta aos casos, se antes o ministerio solicitaba os confirmados, hospitalizados ou dados de alta, así en xeral, agora a nova orde concreta que deben ser casos “acumulados totais” desde o inicio da pandemia o 31 de xaneiro, especificando cando se debe ter en conta unha PCR ou test rápido, ou se os pacientes tiveron síntomas ou non, entre outros moitos matices.
Pola contra, se antes o ministerio solicitaba ás comunidades moitos máis datos sobre a ocupación do sistema sanitario para establecer a capacidade do sistema asistencial, como as camas que estaban a ser adaptadas para atender o coronavirus en espacios previamente dedicados a quirófanos, recuperación de operacións ou hospital de día, agora a nova orde simplifica os datos a se as camas que se están a empregar para o coronavirus son consideradas unidades críticas con respirador, sen respirador ou de hospitalización convencional, engadindo o dato de camas en centros non sanitarios convertidos para atención do coronavirus.
Se antes se pedía diariamente o número de probas PCR realizadas, agora pasa a pedirse semanalmente
Se a información sobre os casos debe ser remitida ao ministerio entre as 20 e as 21 horas de cada día, a de ocupación de camas debe enviarse entre as 13 e as 14 horas, nos dous casos cos novos formatos a partir deste mesmo venres. Pola súa banda os datos de existencias e consumo semanal de distintos tipos de materiais como mascarillas, batas ou test de diagnóstico non varían e seguirán sendo remitidos os venres a partir do da próxima semana. Porén, se antes se pedía diariamente o número de probas PCR realizadas, agora pasa a pedirse semanalmente.
Tamén os venres, pero con moita maior concreción, teranse que enviar ao ministerio datos relacionados cos recursos humanos. Se antes as comunidades só tiñan que remitir datos dos seus profesionais de medicina intensiva e anestesioloxía e reanimación, agora pídense tamén de forenses, técnicos de enfermaría, xubilados ou estudantes, incluídos os de bioloxía ou psicoloxía.
A nova orde non menciona, nin para matizala, incorporala ou anulala, outra que o ministerio emitiu o 4 de abril, que segue estando en vigor, para reclamar ás autonomías datos concretos sobre as residencias de maiores dúas veces á semana, os martes e os venres.