Traballadores de residencias denuncian “caza de bruxas” e familiares de usuarios reclaman máis investigacións da Fiscalía

Actividades nunha residencia de maiores nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

Os falecementos de persoas residentes en centros socioasistenciais, 184, xa son o 42,7% do total, e os casos activos o 23,3%

Ata este venres, segundo os datos oficiais facilitados este sábado polo Sergas, faleceron por coronavirus un total de 184 persoas residentes en centros de maiores ou dependentes, o 42,7% do total de 430 falecidas en toda Galicia. Porén, na última semana o ritmo da incidencia nese tipo de establecementos acelerouse, de xeito que xa representan máis da metade das mortes dos últimos días.  Ademais, dos 6.147 casos activos en toda Galicia, 1.436 rexístranse en residencias (o 23,3%), sexa de residentes ou do persoal que as atende, 33 máis que un día antes. En concreto, 895 son persoas que viven en residencias de maiores (sete máis que un día antes), 117 en residencias de discapacidade (22 máis que o día anterior, cun significativo aumento de 9 a 25 casos entre os residentes no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña) e 424 é persoal dos centros (dous máis).

Neste contexto de aceleración dos casos en residencias a respecto do resto da poboación, con tres delas xa intervidas pola Xunta en Vigo, Cangas e Valdeorras e unha pechada na Fonsagrada, seguen a producirse denuncias de eivas na súa xestión e atención que xa viñan sendo advertidas hai anos desde diversos eidos, como o Consello de Contas ou o Consello de Bioética de Galicia.

Residencia de DomusVi en Aldán (Cangas), intervida pola Xunta polos contaxios do coronavirus © DomusVi

A asociación de traballadores de residencias de Galicia (TReGa) pon o foco en residencias de Aldán e Ribadumia

Desde a asociación de traballadores de residencias de Galicia (TReGa) critícase que responsables de centros públicos e privados están a realizar entre o persoal “caza de bruxas buscando aos culpables das filtracións á prensa en vez de realizar as súas funcións”, situación que se denuncia en residencias de Aldán ou Ribadumia. Nesa última residencia TReGa sinala que “os traballadores levan máis de 10 meses concentrándose” para denunciar que o centro non contrata o persoal necesario para o normal funcionamento do centro” e que o seu persoal traballa “quendas de 9 e 10 días sen librar, sen cubrirse incapacidades temporais, permisos retribuídos, licenzas, etc.” Segundo TReGa, “a resposta da dirección é a de castigar estas actitudes, destinando os postos penosos e sen rotacións a este colectivo de traballadores” que protestan.

A Fiscalía xa está a vixiar de oficio a situación das residencias de persoas maiores

Pola súa banda, a Federación Galega de Asociacións de Usuarias e Familiares de Usuarias de Residencias (REDE) vén de formular dúas novas denuncias ante a Fiscalía Superior de Galicia contra os propietarios, xestores e directivos de todas as residencias de maiores de Galicia nas que se detectaron casos de coronavirus. A entidade xa formulara denuncias puntuais anteriormente e a propia Fiscalía xa vén vixiando e solicitando de oficio datos ás administracións de cada falecemento que se rexistra nas residencias. Agora a entidade reclama á Fiscalía que investigue directamente ás persoas responsables das residencias por ata sete delitos, entre eles “omisión de socorro” e “denegación de auxilio”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.