O incremento no número de contaxios por coronavirus na Residencia Nuestra Señora de Fátima, no Barco de Valdeorras, obrigou á Xunta a intervir as instalacións. Esta residencia privada, pertencente á fundación do mesmo nome, convértese na terceira intervida polo Goberno galego, despois dos centros DomusVi de Aldán e Barreiro, en Cangas e Vigo.
Ata onte sumaba 79 casos de coronavirus, do total de 1.327 que rexistran os centros asistenciais
Este centro converterase en residencia integrada, na que residirán persoas maiores que estean xa contaxiadas. a Xunta de Galicia designará a un empregado público para dirixir e coordinar a actividade asistencial desta residencia privada e garantir así a correcta aplicación dos protocolos e a supervisión médica de todas as persoas maiores que residen alí.
A persoa designada polo Goberno autonómico disporá de todos os recursos materiais e humanos neste centro. Os datos do sábado, difundidos pola Xunta este domingo ao mediodía, reflectían un total de 79 casos activos de coronavirus na residencia (61 entre os internos e internas e 18 entre o persoal).
Esta residencia privada convértese na terceira intervida polo Goberno galego, despois dos centros DomusVi de Aldán e Barreiros, en Cangas e Vigo
O número de casos activos nas residencias de maiores e centros de atención á discapacidade pasou no último día de 1.285 a 1.327, un incremento de 42 positivos que representan case a metade do aumento para o conxunto de Galicia. O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,7% do total das persoas residentes, indica a Consellería de Sanidade. Porén, o número total de falecementos producidos nestes centros é xa de 154, o 42,7% de todas as mortes causadas polo coronavirus no país.
As residencias de maiores suman un total de 1.161 casos activos (37 máis ca onte) e os centros de atención á discapacidade 166 (5 máis ca onte).
Non é a Residencia Nuestra Señora de Fátima, con todo, o centro que acumula máis casos de coronavirus en Galicia. As xa intervidas residencias DomusVi de Aldán e Barreiro suman 112 e 75 positivos, respectivamente, sumando persoal e residencias.
Ademais, a DomusVi San Lázaro (Santiago de Compostela) acumula 120 casos de coronavirus e as residencias da Fundación San Rosendo Nuestra Señora de la Esperanza e Divino Maestro, ambas as dúas na cidade de Ourense, teñen 136 e 53 casos respectivamente.