Hai 15 mortes máis pero seguen reducíndose as persoas ingresadas en UCI ou en hospitalización convencional
O 8 de marzo, catro días despois de confirmarse o primeiro caso de coronavirus en Galicia, o Sergas contabilizaba un total de 6 persoas infectadas, cifra que un día despois ascendía a 18, cun aumento 12 casos. Desde aquela nunca se producira un aumento de casos activos tan reducido como o rexistrado nas últimas 24 horas, cando o rexistro oficial vén de pasar de 6.142 a 6.147 casos, un aumento de apenas o 0,08%.
Segundo os datos que vén de facer públicos a Xunta este sábado, dos 6.142 casos activos que había rexistrados un día antes, 51 recibiron a alta e 15 morreron (un deles nunha residencia), polo que para chegar á nova cifra de casos activos o número de novos casos detectados foi de tan só 71 na última xornada. Segundo a Xunta, para detectar estes casos lévanse realizados un total de 60.258 probas PCR, preto de 3.000 máis na última xornada. [O Ministerio de Sanidade concreta e amplía os datos sobre o coronavirus que lle deben remitir as autonomías]
A redución de persoas en UCI continúa por segunda semana consecutiva
Canto ao tipo de atención que están a recibir as persoas afectadas, 115 seguen en unidades de coidados intensivos, dúas menos que un día antes e tras dúas semanas consecutivas de descensos, mentres que en hospitalización convencional hai 642, 44 menos, unha redución do 5,3%. Pola contra, nos seus domicilios están un total de 5.434 doentes, un 0,95% máis.
O centro de atención a dependentes da Coruña pasa de 9 a 25 casos confirmados
Por outra banda, dos casos activos, 895 son persoas que viven en residencias de maiores (sete máis que un día antes), 117 en residencias de discapacidade (22 máis que o día anterior, cun significativo aumento de 9 a 25 casos entre os residentes no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña) e 424 é persoal deses centros (dous máis). [Traballadores de residencias denuncian “caza de bruxas” e familiares de usuarios reclaman máis investigacións da Fiscalía].
A área de Ourense rexistra o seu primeiro descenso de casos
Canto ao impacto do coronavirus por áreas sanitarias, A Coruña segue en cabeza con 1.382 casos, once máis que o día anterior, por diante de Ourense, que con 1.200 casos confirma a moderación do seu crecemento e rexistra o seu primeiro descenso, con sete casos menos. Tamén Vigo rexistra seis casos menos, Santiago os mesmos que un día antes e Lugo, Ferrol e Pontevedra aumentos de dous ou tres.