A Xunta anuncia un estudo epidemiolóxico do coronavirus cos test remitidos polo Goberno central

Un test rápido da covid-19, nunha imaxe difundida polo Goberno de Navarra © Goberno de Navarra

Existen tres grandes tipos de probas para detectar o coronavirus da covid-19. Como detallou GCiencia, estes tres tipos teñen diferentes características, requiren diferente tecnoloxía para realizalos e tamén varía a súa velocidade e aplicacións. Dous deles, os test PCR e os coñecidos como test rápidos, estiveron no centro dunha das múltiplas polémicas da Xunta co Goberno de España nesta crise. 

Despois de que o Ministerio de Sanidade remitise 58.000 test rápidos a Galicia, a Xunta criticou o envío por non serviren para "facer un diagnóstico fiable" e non seren "definitivos". Agora, esas 58.000 unidades de test rápidos do coronavirus serán utilizadas pola propia Xunta para realizar o "estudo epidemiolóxico máis grande que fixemos en Galicia dende que temos recordo", en verbas de Alberto Núñez Feijóo. Trátase de obter a "fotografía" da pandemia no país e estimar cantas persoas pasaron o virus e cantas, non, para así ter datos da posible "inmunidade" e "poder tomar medidas sanitarias e de confinamento axeitadas", agora ou en posibles rebrotes.

Os 58.000 test rápidos da covid-19 dos que o propio Feijóo receara serán utilizados pola Xunta para o que o presidente define como "o estudo epidemiolóxico máis grande que fixemos en Galicia"

O propio presidente da Xunta evidenciara días antes do envío dos test rápidos por parte do Estado que estes "son test de apoio, non son test definitivos", senón que "valen para confirmar os positivos" e "cando dá negativo, é necesario confirmalo cunha PCR". "De recibilos, nos vai facilitar cando menos detectar positivos dunha forma máis rápida", afirmaba Feijóo o 5 de abril. Tres días despois, o 8, Feijóo pasou a asegurar que "pensabamos que eran test definitivos" pero "lamentablemente, teñen que ser completado coas PCR".

Alén do tirapuxa político da Xunta contra o Goberno central, o certo é que ambos tipos de probas son de seu complementarias. Como explicou recentemente para Praza.gal a profesora Azucena Mora, experta en microbioloxía do Campus de Lugo, "as PCR e os test rápidos son complementarios" e, no caso dos segundos, "sería moi importante utilizalos de forma masiva para ter un control de como penetrou a infección a nivel xeral na sociedade". 

Feijóo, en rolda de prensa retransmitida por internet e a TVG tras o Consello da Xunta deste 17 de abril CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A profesora Mora agregaba "para ser útiles deben ter unha fiabilidade superior ao 80%". Segundo o protocolo publicado polo Ministerio de Sanidade para o uso de test como os que enviou á Xunta, estas probas teñen "unha sensibilidade do 64% cando se aplica en pacientes sen ter en conta o tempo de evolución da enfermidade" e de "arredor do 80% en pacientes con máis de 7 días de evolución". ["As PCR e os test rápidos son complementarios e necesarios para erradicar o coronavirus"].

Estudo con 100.000 persoas e primeira fase con 51.000

O propio Feijóo reiteraba este venres a acusación de que "ningún" dos 58.000 test que remitiu o Goberno central "vale para ter resultado fiable" porque "non teñen resultado definitivo". Fíxoo na rolda de prensa tras o Consello da Xunta na que informou, non obstante, que Sanidade vai utilizar esas 58.000 probas rápidas remitidas polo Ministerio para a primeira vaga do devandito estudo epidemiolóxico sobre o coronavirus.

Os centros de saúde citarán a poboación seleccionada de xeito "aleatorio" a partir dunha mostra deseñada polo IGE 

Realizarase, avanzou, sobre a "mostra epidemiolóxica máis potente que nunca se fixo no país" deseñada polo Instituto Galego de Estatística en canto á súa dimensión "para que o resultado sexa representativo por comarcas e para as sete cidades". Serán unhas 101.000 persoas, 50.925 nunha primeira fase dende "finais da próxima semana" na que se utilizarán os test rápidos do Estado. Catro semanas despois chegará a segunda fase coa mesma cantidade de poboación. Nos dous casos, a selección será "aleatoria" a partir de criterios de "sexo, idade, grandes concellos e áreas territoriais".

As mostras recolleranse nos centros de saúde -na imaxe, un en Chantada- CC-BY-NC-SA CIG

Se o resultado é positivo, evidencia, realizarase "unha proba PCR". A participación será "voluntaria" e "as persoas que non queiran participar, serán substituídas"

A partir desa mostra, avanza, "cada centro de saúde" do Sergas terá asignada "unha poboación concreta" e serán os propios centros de Atención Primaria quen "contacten telefonicamente" coa poboación seleccionada "para que acudan para tomarlle a mostra", unha punción no dedo para obter unha pinga de sangue e ter o resultado en 15 ou 20 minutos. Se o resultado é positivo, "o médico porase en contacto co paciente" para "facer unha proba PCR e seguir o criterio clínico". A participación no estudo será "voluntaria" e as persoas que "non queiran participar, serán substituídas".

Segundo o avanzado pola Xunta, case 30.000 desas 101.000 persoas serán seleccionadas nas sete principais cidades. Concretamente, prevén chamar a 6.800 en Vigo, 5.800 na Coruña, 3.400 en Ourense, 2.750 tanto en Lugo como en Santiago, 2.700 en Pontevedra e 2.600 en Ferrol. Feijóo asegura que este estudo incorporará, se é o caso, datos do que prepara o Ministerio de Sanidade con 60.000 probas para todo o Estado, pero en calquera caso non prevé coordinalo con este, aínda que si abre as portas a incorporar á analise do Sergas as probas que o Ministerio realice en Galicia -unhas 4.000, estima-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.