As autoridades sanitarias poderán fixar prezos e os centros de diagnóstico clínico só poderán facer probas de coronavirus con prescrición facultativa e deberán comunicar os materiais ou test que merquen
O Ministerio de Sanidade publica este martes no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha orde pola que pon a disposición das comunidades autónomas “os centros, servizos e establecementos sanitarios de diagnóstico clínico de titularidade privada” que non estean a traballar xa para o Sistema Nacional de Salud. As autoridades sanitarias poderán fixar prezos para “evitar situacións abusivas no acceso a este servizo” e os laboratorios só poderán facer probas de coronavirus con prescrición facultativa.
A concreción da intervención dos laboratorios privados súmase á xa establecida para os centros sanitarios privados desde a declaración do estado de alarma o pasado 15 de marzo. En virtude daquela directriz, toda a sanidade privada pode estar "ás ordes" da pública.
Segundo a orde, a prescrición de probas en laboratorios privados deberá ser realizada por un facultativo “de acordo coas directrices, instrucións e criterios acordados ao efecto pola autoridade sanitaria competente” e os centros privados deberán comunicar ás comunidades autónomas as súas adquisicións e o uso de “hisopos para toma de mostras, medio de transporte do virus, reactivos de inactivación, kits de extracción de ácidos nucleicos ou reaccións de PCR, ou test rápidos diagnósticos”.
O control que se establece sobre o uso de materiais diagnósticos por parte de centros privados prodúcese ao tempo que en Galicia o PP redobra os seus ataques contra os tests rápidos facilitados polo Goberno central. O número 2 dos populares galegos, Miguel Tellado, cualificou este luns ao líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, de "irresponsable" por reclamar que a Xunta use os test rápidos.