"Todas as instalacións da sanidade privada" de Galicia pasan a estar "ás ordes" do Servizo Galego de Saúde para afrontar a crise do coronavirus. O Ministerio de Sanidade disponse a ordenar que todos os medios sanitarios privados do Estado estean baixo o control das consellerías de Sanidade de cadansúas comunidades autónomas coa fin de poñer os seus recursos á disposición do sistema sanitario público.
É unha das primeiras medidas que o Goberno de España vai ditar ao abeiro do estado de alarma e que, segundo avanzou no serán deste domingo o ministro Salvador Illa, implican tamén poder habilitar "espazos en locais públicos ou privados" para "prestar atención sanitaria", xa sexa en réxime de consultas ou hospitalización. Esta medida implica a posibilidade, por exemplo, de tornar en cuartos hospitalarios determinadas instalacións hoteleiras.
O Ministerio dá 48 horas "ás persoas e empresas que dispoñan de material" sanitario para poñelo á disposición do dispositivo contra o coronavirus
Outra das intervencións no sector privado está vinculada ao material sanitario. Así, avanzou o ministro, "todas aquelas persoas dispoñan de material e as empresas con capacidade de produción deste tipo de produtos deben poñelo en coñecemento do Goberno" nas vindeiras corenta e oito horas. Esta orde atinxe ás factorías ou almacéns de máscaras sanitarias ou respiradores, entre outro material.
Na liña do reclamado polas autonomías, poderá "prorrogarse a contratación" de persoal médico residente
Na liña do reclamado polas comunidades autónomas -entre elas, Galicia-, o Ministerio confirma tamén a "suspensión das rotacións" de persoal médico residente que aínda non completase a súa especialización. "Con carácter excepcional e transitorio", poderá "prorrogarse a súa contratación" para afrontar o virus.
Ademais, Illa anuncia un cambio no fornecemento de datos sobre a epidemia. De agora en diante, coñeceranse todos os datos do Estado unha vez ao día, desagregados por autonomías. O plan do Ministerio é difundilos cada mañá, especifica.
Transportes confirma a redución de servizos e prazas nos trens e Defensa ratifica o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias para informar e "disuadir" a quen non cumpra as restricións
Na comparecencia conxunta dos membros do Executivo central designados como delegados da "autoridade competente" no marco do estado de alarma -ademais do de Sanidade, os titulares de Interior, Defensa e Transportes-, representantes do Exército e o responsable de Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, o Goberno central ratificou tamén o despregamento da Unidade Militar de Emerxencias en diferentes puntos do Estado, tanto para informar e asistir como para "disuadir" a poboación que non cumpra as restricións.
Ese despregamento da UME comezou en sete cidades, nas que esta unidade ten os seus batallóns. Non obstante, a ministra Robles advertiu de que se despregará "onde sexa necesario". Ao tempo, intégranse na asistencia do coronavirus todos os hospitais militares.
Vinculado aos desprazamentos, o titular de Transportes, José Luis Ábalos, deixa nas mans de autonomías e concellos a redución de porcentaxe no transporte público. Trátase, segundo o ministro, de garantir os desprazamentos por razóns laborais ou outras "inaprazables" das contempladas no estado de alarma, e sempre con limpeza diaria dos vehículos. No caso de Renfe, os trens reducirán "a un terzo" a súa capacidade para aumentar o espazo entre pasaxeiros, redución que se suma ao 50% da redución de servizos.