Os casos positivos confirmados de infección por coronavirus volveron incrementarse, aínda que a un ritmo inferior que na xornada anterior. Os datos actualizados pola Xunta no mediodía deste domingo, 15 de marzo, indican que xa foron rexistrados 189 casos. As altas por recuperación seguen sendo catro e produciuse un segundo falecemento, dun home octoxenario que permanecía ingresado no hospital Montecelo de Pontevedra
Os pacientes están a ser maioritariamente atendidos na casa, un total de 148, e só 8 están a precisar asistencia na UCI
Segundo a información fornecida polo Servizo galego de Saúde, a área sanitaria con maior número de casos en Galicia segue a ser a da Coruña, con 72. En Vigo rexístranse 36, 27 están en Santiago, 22 en Ourense, 18 en Pontevedra, 9 en Lugo e 5, en Ferrol. Polo momento, o número de pacientes que precisan atención na UCI é só un máis que o sábado, un total de 8.
Os restantes pacientes, informa o Sergas, están maioritariamente recibindo asistencia domiciliaria. Están na casa un total de 148 e os restantes 33, en unidades hospitalarias ordinarias. Sanidade confirma que xa foron realizadas un total de 1.390 probas en toda Galicia.
No que atinxe ao segundo falecemento, trátase dun home de 81 anos que padecía "varias patoloxías" previas. Como a primeira falecida, unha nonaxenaria que fora ingresada no hospital Povisa de Vigo, trátase dun caso "importado" de fóra de Galicia.
Videoconferencia con Sánchez e as demais autonomías
Os datos actualizados foron divulgados mentres Feijóo mantiña unha videoconferencia con Pedro Sánchez e mais coas presidencias das demais autonomías. Posteriormente, o presidente galego realizou unha nova comparecencia pública na que asegurou que "a unidade, lealdade e coordinación de Galicia co Goberno de España está absolutamente garantida" e que "non é o momento de ver que se podería ter feito e non se fixo senón que podemos facer xuntos".
Feijóo asegurou que Sánchez lles transmitiu a todos os presidentes autonómicos que eles, e non as delegacións do Goberno central, “seguen sendo a máxima autoridade en cada comunidade, dependendo e coordinándonos cos catro ministros [considerados como autoridades principais do estado de alarma] e co propio presidente do Goberno”.
Cambios nas medidas da Xunta en ensino ou centros sociais
Feijóo debullou o falado con Sánchez mentres o Goberno galego ultima outro DOG extraordinario no que concretará varios cambios nas medidas xa vixentes para frear os contaxios do virus. Algunhas desas mudanzas veñen dadas pola adaptación ao estado de alarma decretado polo Goberno de España e outras, por cambio de criterio da propia Xunta.
Feijóo confirma que o Goberno galego se dispón a introducir mudanzas nas instrucións para o ensino ou servizos sociais
Segundo avanzou o propio Feijóo na súa intervención do serán do sábado, entre esas mudanzas estará unha segunda variación nas medidas estipuladas para o ensino. Así, tras unha primeira instrución que ordenaba o profesorado acudiren aos colexios e institutos durante o período sen clase e unha segunda que deixaba esa asistencia baixo criterio das direccións, agora "soamente o equipo directivo necesitará permanecer nos centros docentes: xefe de estudos, secretario e director", segundo Feijóo, que este domingo matizou que se tratará de quendas rotatorias entre estes tres postos.
Vinculado con isto, o Executivo galego prevé xeneralizar a instrución de teletraballo para o seu persoal agás no caso dos servizos sanitarios e sociais. Nestes segundos, segundo avanzou, hai tamén cambios en centros que atenden a persoas sen fogar tanto públicos como de entidades sen ánimo de lucro, algúns dos cales recibiran orde de peche o pasado venres. Así e todo, remitiuse tamén a esa nova edición do DOG.