Movementos limitados en todo o Estado e para toda a cidadanía co obxectivo de procurar frear o espallamento do coronavirus. É a principal medida medida adoptada polo Goberno de España coa activación do estado de alarma por dúas semanas prorrogables para procurar frear os contaxios por coronavirus ao abeiro do artigo 116.2 da Constitución e da lei que o desenvolve dende 1981. Fíxoo nun longo Consello de Ministros, cuxa duración se prolongou ata máis alá das oito e media da noite por, segundo diversas informacións, discrepancias no seo do Executivo a respecto das medidas en materia económica, como as dirixidas á protección das persoas traballadoras. Estas aprobaranse, finalmente, no vindeiro Consello.
Ás restricións xa coñecidas, que no caso galego tiñan ata agora a súa parte máis visible no peche de diversos locais comerciais e servizos públicos, así como na suspensión das clases engádese agora esta limitación xeral de movementos dende este domingo 15 de marzo, ás cero horas. Ese peche de locais comerciais, bares e restaurantes esténdese agora a todo o Estado. Como o conxunto da declaración de estado de alarma, pódese consultar xa no Boletín Oficial do Estado.
O Real Decreto que regula o estado de alarma, como avanzara Pedro Sánchez na súa comparecencia, trae consigo tamén varias excepcións, fundamentalmente vinculadas á obtención de bens de primeira necesidade, asistencia sanitaria, coidados e obrigas laborais. Todo, baixo mando directo da Presidencia do Goberno de España como "autoridade competente" por riba de calquera outra Administración, e polos ministros designados por Sánchez. Isto é, por riba en todo caso dos gobernos autonómicos.
A declaración de estado de alarma implica dende este domingo restrición xeral de movementos agás para adquirir bens de primeira necesidade, acudir ao traballo ou asistir a maiores, menores e persoas en situación de dependencia
Así, a cidadanía poderá seguir desprazándose para mercar alimentos, produtos farmacéuticos e outros bens imprescindibles. Pero sempre "individualmente". Igualmente, é posible acudir a traballar e regresar á casa, desprazarse para atender persoas maiores, menores ou de calquera outra idade se padecen unha discapacidade ou dependencia. Tamén se permite acudir a entidades financeiras e viaxar por razón de forza maior se esta está acreditada. No que atinxe á asistencia ao traballo, todas as empresas teñen a obriga de "facilitar medidas que permitan a prestación laboral ou funcionarial por medios non presenciais, sempre que sexa posible".
Con esta finalidade, o Estado reduce a oferta de venda de billetes nalgunhas modalidades de transporte público. En xeral, ao 50%. O criterio xeral é "a necesidade de garantir que os cidadáns poidan acceder aos seus postos de traballo e aos servizos básicos". Todos os vehículos do transporte público deben ser limpados a diario.
Para realizar calquera destas tarefas poderá continuar utilizándose o vehículo privado, indica o Goberno central, así como para acudir ás gasolineiras a fornecerse de combustible. Non obstante, o decreto establece que as forzas e corpos de seguridade do Estado "poderán practicar as comprobación nas persoas, bens, vehículos, locais e establecementos" que "sexan necesarias" para "comprobar" e "impedir" que se transgredan os devanditos límites.
Interior poderá "acordar o peche á circulación de estradas ou tramos delas" por "razóns de saúde pública, seguridade ou fluidez"
Coa mesma finalidade, o decreto outorga ao ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, a capacidade de "acordar o peche á circulación de estradas ou tramos delas" por "razóns de saúde pública, seguridade ou fluidez do tráfico". Tamén restrinxir o acceso de "determinados vehículos polos mesmos motivos".
O texto do Real Decreto establece que "a declaración de Estado de Alarma afecta a todo o territorio nacional" e establece que "a autoridade competente será o Goberno". Isto é, que todas as demais autoridades do Estado quedan supeditadas ao Executivo central. Neste sentido, fíxase que serán autoridades competentes delegadas os ministros de Defensa, Interior, Transportes e Sanidade.
O persoal sanitario, ás ordes do Ministerio
O Ministerio de Sanidade poderá desprazar persoal público entre autonomías e intervir a sanidade privada e a industria farmacéutica
No eido sanitario, a declaración do estado de alarma non suspende as competencias do Servizo Galego de Saúde, pero si as limita. Segundo o texto do decreto xa publicado no BOE, "cada Administración conservará as competencias na xestión ordinaria", pero en última instancia, ás ordes do Estado.
Así, todo o funcionariado e autoridades do sistema sanitario quedan baixo as ordes do Ministerio de Sanidade, que poderá impartir todas as ordes que considere para "garantir a cohesión e equidade na prestación" do servizo. Isto implica, por exemplo, poder transferir recursos entre autonomías para "determinar a mellor distribución no territorio de todos os medios técnicos e persoais", ademais de "impoñerlles servizos extraordinarios".
No que atinxe á produción de medicamentos e produtos sanitarios e á asistencia sanitaria privada, o Ministerio de Sanidade tamén pasa a ter capacidade de intervención nos medios de produción e instalacións. O departamento que dirixe Salvador Illa terá na súa man a competencia de impartir "as ordes necesarias" ou mesmo "intervir e ocupar transitoriamente industrias, fábricas, talleres, explotacións ou locais de calquera natureza" incluíndo "establecementos sanitarios de titularidade privada, así como a industria farmacéutica".
"Garantir o subministro alimentario"
O Real Decreto do estado de alarma fixa tamén medidas encamiñadas a "garantir o subministro alimentario". Así, o Goberno de España facúltase para, se fose "necesario", "acordar o acompañamento dos vehículos que realicen o transporte" de alimentos. Se "fose preciso", o Estado fixará "corredores sanitarios para permitir a entrada e saída de persoas, materias primas e produtos" para manter o fluxo de subministros alimentarios con normalidade.
No caso de que o considerasen oportuno, o estado de alarma permite ao Goberno central "acordar a intervención de empresas ou servizos" deste mesmo sector. Tamén pode "mobilizar" a calquera corpo policial ou calquera membro do Exército para "asegurar o bo funcionamento" do fornecemento de alimentos". Nun sentido semellante se pronuncia para os sectores da enerxía eléctrica, petróleo e gas natural.