Galicia suma unha trintena de casos de infección polo Covid-19, dos que a maior parte se atopan nas súas casas, con síntomas leves ou sen síntomas. O noso país atópase de momento en fase de contención da enfermidade, que aínda non acadou os niveis de propagación doutros territorios, como a Comunidade de Madrid ou Italia. Con todo, en caso de extensión da doenza o sistema sanitario galego podería enfrontarse a un reto complicado, para o que o Sergas xa deseñou un plan de continxencia para a organización dos recursos hospitalarios dispoñibles.
Falamos con representantes de CIG-Saúde (María Xosé Abuín), CC.OO-Sanidade (Emilia Lamas) e o sindicato médico O'Mega (Alberto Albarellos)
As medidas de control e prevención adoptadas ata o momento están a ser as axeitadas? Está preprado o sistema sanitario galego para unha escalada da enfermidade? Cal será o efecto dos recortes? Que lección pode ensinarnos esta situación de crise sobre o valor da sanidade pública e a atención universal? Falamos con representantes de CIG-Saúde (María Xosé Abuín), CC.OO-Sanidade (Emilia Lamas) e o sindicato médico O'Mega (Alberto Albarellos).
Os tres destacan que as medidas de control e de diagnóstico postas en marcha polo Sergas, seguindo os protocolos fixados, están sendo as axeitadas. "Todo é sempre mellorable, pero creo que se está actuando de forma prudente e tentando facer as cousas o mellor posible, tanto no que respecta á información e protección dos profesionais como no que atinxe á xestión da saúde pública", destaca neste senso Alberto Albarellos.
Críticas ás medidas de protección para o persoal
Os tres sindicatos valoran positivamente as accións de control do Covid-19 postas en marcha polo Sergas, pero critican as medidas de protección e información para os traballadores.
Porén, os tres sindicatos si critican aspectos relacionados coa comunicación interna e coa protección dos propios profesionais, un aspecto fundamental, posto que se un gran número de traballadores se vise infectado ou tivese que ser simplemente posto en illamento, isto reduciría a capacidade do sistema para enfrontar a enfermidade.
"Onde o Sergas está fallando é en protexer os seus traballadores", critica con rotundidade Emilia Lamas. "Non estamos satisfeitos coa xestión no que respecta á comunicación interna. Creo que despois das primeiras críticas que fixemos a cousa cambiou, pero ata hai uns días estabamos sabendo das novas informacións pola prensa. Ademais, aínda que nós agora si recibimos as novidades correctamente, isto non é así nos centros: os traballadores seguen recibindo as informacións nesgadas e tarde", sinala a responsable de CC.OO.
"As medidas de protección que están a recibir o persoal tampouco son as que acordamos. Debería haber máis formación e información para os traballadores e traballadoras, porque somos os primeiros que temos que estar protexidos. Se houbese moitos contaxios e houbese que illar un gran número de profesionais, habería un problema", alerta.
"Debería haber máis formación e información para os traballadores e traballadoras, porque somos os primeiros que temos que estar protexidos", di Emilia Lamas (CC.OO.)
María Xosé Abuín concorda en que "neste momento o máis importante é a formación e as medidas de prevención" para os e as profesionais, "fundamentais para garantir que estea operativo un maior número de profesionais". A representante da CIG reclama que "os mandos intermedios teñan unha boa formación e transmitan esa informacións aos profesionais, con criterios uniformes". "É certo que hai moita información na web do Sergas, que os profesionais a recibimos todos os días no noso ordenador, pero non podemos ter criterios diferentes en función do centro ou da planta, e esa disfunción estase a producir nestes momentos", critica. "Sobre todo no que é o manexo de EPIs (equipos de protección individual) ou en cuestións de illamento, temos que ser unha soa voz", engade.
Por parte de O'Mega as críticas diríxense á exclusión deste sindicato da reunión monográfica na Comisión central de saúde laboral que tivo lugar o pasado venres para expor as medidas que prevención que o Sergas ía adoptar para o seu persoal en relación co Coronavirus. "Nós entendemos que tiñamos cousas que achegar a esa xuntanza, pero non se nos deixou participar, a pesar de que somos o sindicato maioritario entre o persoal facultativo", sinala Albarellos.
A necesidade de transmitir "tranquilidade"
En calquera caso, os tres inciden na necesidade de lanzar unha mensaxe de "tranquilidade" á poboación. "O sistema sanitario ten as súas ferramentas en marcha para tentar a contención do virus. Grazas a isto, a enfermidade non vai ter o alcance que tería se non se adoptase medida ningunha de actuación", di Alberto Albarellos.
María Xosé Abuín fai un chamamento á "tranquilidade" e pide que "as persoas sigan as indicacións do persoal sanitario", sendo conscientes de que "temos no sistema un alto nivel de calidade e compromiso profesional"
O representante de O'Mega sinala que "iso si, estes brotes son imprevisibles, só hai que ver como está a situación en Italia". Con todo, engade, "no lado positivo hai que ollar a China, onde a situación xa está moito máis controlada". "Isto amosa que se se adoptan medidas. A enfermidade pódese conter e por iso é importante transmitir tranquilidade e actuar día tras día en función de como evoluciona a situación", engade.
Tamén María Xosé Abuín fai un chamamento á "tranquilidade" e pide que "as persoas sigan as indicacións do persoal sanitario", sendo conscientes de que "temos no sistema un alto nivel de calidade e compromiso profesional".
O sistema está preparado, pero vanse notar os recortes
A representante de CC.OO. alerta de que se "van notar moito os recortes que se fixeron durante estes anos". Advirte sobre que "as unidades de críticos non están preparadas para ter moitas camas con pacientes illados"
Detrás deste chamamento á tranquilidade está a confianza no sistema sanitario público e nos seus profesionais. María Xosé Abuín destaca que "a nós díxosenos que os recursos existentes estaban garantidos", aínda que explica que "pode que chegado o momento, en función das necesidades que existan, haxa que facer unha planificación de ir suspendendo algunha actividade programada".
A responsable de CIG-Saúde reclama "que no momento en que se produza algunha anomalía ou cando vexan que se pode disparar a situación" se adopten "medidas de contratación e de estabilidade do persoal". "Toda esta contratación precaria de temos na actualidade, de contratos por día, terán que normalizala e convertela nunha contratación estable. Sobre todo terán que reforzar todos aqueles servizos que estean identificados como urxentes e dar garantía de estabilidade ao persoal dentro deses servizos e non cubrilos con picos de reforzo", subliña.
O mesmo indica Emilia Lamas que sinala que "se se chegasen a tomar as medidas adoptadas en Madrid, en principio habería que suspender a actividade cirúrxica programada". A representante de CC.OO. alerta de que se "van notar moito os recortes que se fixeron durante estes anos". En concreto, advirte sobre que "as unidades de críticos non están preparadas para ter moitas camas con pacientes illados", unha situación que non debería ser un problema nas plantas hospitalarias convencionais. En calquera caso, Lamas amosa a súa esperanza en que os recursos que hai "sexan suficientes". "Nós queremos tranquilizar á poboación", di.
"O problema non é tanto que non haxa suficiente número de camas, senón que chegue o momento en que non haxa persoal para atender os doentes"
"O problema non é tanto que non haxa suficiente número de camas, senón que chegue o momento en que non haxa persoal para atender os doentes", sinala Emilia Lamas. "Hai patoloxías e emerxencias que hai que atender si ou si, polo que non todos os profesionais se poden dedicar a tratar os enfermos de coronavirus. Se non se coida os profesionais que os teñen que atender, si pode haber un gran problema, por iso nós incidimos tanto na información e na protección aos profesionais", afirma, concluíndo que "sería gravísimo ter hospitais e non ter profesionais para atendelos".
O valor da sanidade pública
"Este pode ser un momento para demostrar unha vez máis a profesionalidade do persoal sanitario e o bo funcionamento do sistema público", destaca Alberto Albarellos (O'Mega)
Os tres representantes sindicais fan fincapé no valor da sanidade pública, dos seus profesionais e da atención sanitaria universal para combater esta enfermidade e para facer fronte, sobre todo, a situacións de emerxencia. "Os profesionais sanitarios son a columna vertebral do sistema e son a clave do éxito da loita contra a enfermidade. Este pode ser un momento para demostrar unha vez máis a profesionalidade do persoal sanitario e o bo funcionamento do sistema público", destaca Alberto Albarellos.
O mesmo opina María Xosé Abuín. "A sanidade pública é o único que iguala a todas as persoas fronte á enfermidade e é a garantía de que todos e todas imos recibir a mesma atención", di, destacando que "mesmo nunha situación de normalidade vemos a incidencia que os recortes teñen sobre a saúde e moito máis nunha situación coma esta". "O dereito universal a unha sanidade pública e de calidade e o traballo dos seus profesionais é a mellor arma para loitar contra o coronavirus", subliña, contrapoñéndoo a "outro tipo de sistemas, coma os Estados Unidos, onde moita xente non vai ter acceso a unha atención sanitaria mínima, o que vai propagar a enfermidade".
"É nestes días cando se manifesta con máis claridade o valor do traballo dos profesionais da sanidade pública, o seu esforzo e o seu compromiso co sistema"
"Neste tema que hai que deixar traballar aos profesionais, que son os garantes de que esta situación se pode afrontar coas maiores garantías", subliña a responsable de CIG-Saúde. "A pesar dos recortes, a xente segue a valorar moi positivamente a atención sanitaria, porque a xente valora os profesionais e o seu traballo, que co seu esforzo limitan os efectos das retalladas", di. "É nestes días cando se manifesta con máis claridade o valor do traballo dos profesionais da sanidade pública, o seu esforzo e o seu compromiso co sistema", conclúe.