A suspensión de actividade en todos os centros de ensino de Galicia dentro do paquete de medidas para frear os contaxios polo coronavirus non sorprendeu entre o persoal docente polo fondo, pero si incomodou polas formas. Na maior parte dos colexios e institutos dábase por feito este xoves que acabaría chegando unha decisión que o Goberno galego anunciou tras a reunión do Consello da Xunta, se ben antes xa transcendera a través dalgún medio de comunicación e, no momento da intervención do presidente, aínda non fora comunicada aos centros, o que deu lugar ás protestas das centrais sindicais do ensino.
Horas despois chegou a nota oficial da Consellería de Educación e un chisco antes da media noite, a súa plasmación definitiva no Diario Oficial de Galicia, no marco do paquete xeral de medidas fronte á epidemia. Nesa resolución, que transcribe o acordo do Consello da Xunta, encabezado pola "suspensión de todo tipo de actividade lectiva regulada" e de servizos paralelos como comedor e transporte, así como as actividades extraescolares. A medida está en vigor de xeito obrigatorio dende o luns, día 16, pero recoméndase implantala xa dende este venres, 13 de marzo.
A resolución aprobada pola Xunta estipula a "obriga de acudir ao centro educativo" para todo o persoal "docente e non docente" e o teletraballo non poderá superar "o 50% do seu horario total de permanencia do centro"
O mesmo documento sinala as ordes ao persoal, tanto docente como non docente que "non presente sintomatoloxía" do virus. "Terá a obriga de acudir ao centro educativo" co único matiz de que "o equipo directivo poderá reorganizar o horario de permanencia de cada docente ou persoal de administración e servizos" para "favorecer a conciliación do persoal con fillos e fillas menores" ou "maiores dependentes". Esta reorganización, non obstante, ten que implicar seguir cumprindo "co cómputo total anual" e tendo en conta que cómpre "adecuar a prestación dos servizos básicos de información, atención e titorización non presencial da súa comunidade educativa".
A Consellería ordena "programar nas páxinas web dos centros" ou "por outros medios" actividades "relacionadas cos contidos curriculares para o alumnado"
No eido da conciliación, a Consellería introduce unha "medida extraordinaria" para o persoal que teña fillos ou fillas menores ou familiares dependentes. "Poderá realizar a súa actividade laboral mediante o sistema de teletraballo", pero sempre sen superar "o 50% do seu horario total de permanencia no centro". Así, Educación ordena que na maior parte da xornada, o profesorado acuda aos centros e dende alí, "programe nas páxinas web dos centros ou por outros medios telemáticos accesibles ao alumnado actividades xenéricas relacionadas cos contidos curriculares para que o alumnado as poida realizar no seu domicilio", aínda que non serán "avaliables".
No caso específico do segundo curso do Bacharelato, a Consellería estipula que o profesorado "adopte todas as medidas específicas necesarias" e "telemáticas" para "garantir de forma non presencial a continuidade das actividades lectivas dos contidos curriculares". Non detalla, non obstante, o xeito de proceder no caso do alumnado que careza de medios técnicos na casa para acceder a estas actividades.
Malestar na representación do persoal e en direccións de centros
Entre a representación do persoal do ensino, a comezar polo sindicato maioritario do sector, CIG-Ensino, trasladouse xa á Consellería "queixas recibidas pola falta de actuación ou indicacións concretas" nun contexto no que, subliña o sindicato, o coronavirus non debe ser "un tema de disputa", senón que "todos e todas debemos actuar con responsabilidade".
"Somos conscientes da dificultade da situación e da necesidade de facer un esforzo para transmitir tranquilide fronte ao alarmismo que está instalado na sociedade", resalta a central sindical, "contrariada" pola "decisión de obrigar o profesorado a acudir a uns centros educativos nos que non se vai desenvolver ningunha actividade lectiva presencial". "Estamos tamén en contra da decisión de limitar o dereito" do persoal "con fillos menores ou maiores a cargo", o cal ao seu xuízo "evidencia unha total falta de sensibilidade".
O sindicato maioritario do sector e direccións de centros discrepan da obriga de acudir aos centros e advirten de que non todo o alumnado pode acceder a contidos vía internet
Ao tempo, consideran que a aposta polos contidos en internet "non ten en conta que a maioría dos centros non están preparados para tomar estas medidas" nin asume cautelas para o "alumnado que non teña acceso a internet ou teña outro tipo de dificultades". Este venres, CIG-Ensino reafirmará a súa aposta por "limitar ou reducir ao mínimo a presenza nos centros docentes".
No mesmo sentido se pronunciaron xa algunhas direccións de centros educativos. É o caso do director do IES de Mos, Xurxo Collazo, que nunha carta dirixida á xefatura territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, advirte de que a "presenza física innecesaria" nos centros "pode causar, con certeza, contaxios doadamente evitables". "Véxome na obriga de lle comunicar que non vou asumir a responsabilidade de que ningún membro da comunidade educativa poida contaxiarse", entre outros aspectos, porque "non podemos converternos en parte do problema" na loita contra o virus.