"As PCR e os test rápidos son complementarios e necesarios para erradicar o coronavirus"

CC-BY-SA US CDC

España vai comezar a realizar de forma masiva os denominados tests rápidos para a detección do coronavirus. O Goberno central comezou o pasado domingo a distribuílos entre as comunidades autónomas, recibindo Galicia unha primeira partida de 58.000 do total de algo máis dun millón. Trátase de probas que detectan, cunha pinga de sangue, se unha persoa xerou anticorpos contra o virus e que, polo tanto, indican se esa persoa estivo ou está infectada. Estas ferramentas veñen unirse aos tests xenéticos de PCR (iniciais en inglés de reacción en cadea da polimerasa) que xa se viñan realizando e que son máis fiables pero cuxos resultados tardan máis (ao redor de 4 horas) e das que non é posible levar a cabo un número tan elevado de probas. 

PCR e tests rápidos teñen características distintas e, polo tanto, van cumprir funcións diferentes na loita contra a o coronavirus

As probas para a detección do coronavirus son fundamentais para evitar a súa propagación. O propio director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom, lanzou hai tres semanas un chamamento moi claro: "Temos unha mensaxe moi simple para todos os países: test, test, test. Realizade probas en cada caso sospeitoso de estar infectado polo coronavirus". 

España realizou varios centos de miles de test dende o inicio da epidemia (un mínimo de 400.000), aínda que se ignora o número exacto, dando a Xunta unha cifra para Galicia de 34.423 este martes. O número de probas por habitante é ao redor da metade das realizadas en Alemaña e é inferior ao dato italiano ou de Corea do Sur, pero é moi superior ás cifras de Estados Unidos, Reino Unido ou Francia. Civio publicou este mércores unha reportaxe na que analiza as dificultades que nas últimas semanas España atopou para poder levar a cabo máis probas PCR (a capacidade actual é dunhas 15.000 ou 20.000 ao día), debido á falta de infraestruturas adaptadas para este fin. Mentres, ao millón de probas de diagnóstico rápidas recibidas esta semana unirase outro millón a semana que vén, e cantidades maiores nas semanas seguintes.

As PCR van seguir sendo o instrumento principal para a detección de casos positivos, pero as probas rápidas permitirán acelerar a detección de persoas infectadas e facer un seguimento a pacientes que xa superaron a enfermidade

Con todo, PCR e tests rápidos teñen características distintas e, polo tanto, van cumprir funcións diferentes na loita contra a o coronavirus. As PCR van seguir sendo, segundo o Goberno central, o instrumento principal para a detección de casos positivos. Mentres, os tests rápidos -que serán complementarios ás PCR- servirán para acelerar a detección de persoas infectadas en espazos de especial importancia ou risco, como hospitais ou residencias da terceira idade. Ademais, permitirán facer un seguimento a pacientes que xa superaron a enfermidade. E, finalmente, posibilitarán a realización de estudos de seroprevalencia para coñecer mellor que porcentaxe da poboación foi infectada polo coronavirus (barállase nestes momentos o 15%), como está circulando o virus e que pacientes superaron xa a enfermidade.

Os tests rápidos incrementan a capacidade de diagnóstico e, ademais, reducen a sobrecarga das probas PCR. A súa gran vantaxe, ademais da súa rapidez (apenas 15 minutos), é que o seu uso non require de persoal especializado. Cales son as súas características? De que forma se complementan coas PCR? Que utilidade poden ter os estudos de seroprevalencia? Falamos con Azucena Mora, experta en microbioloxía e en patoloxías animais e humanas e profesora da Universidade de Santiago no campus de Lugo.

Azucena Mora, profesora da USC © USC

Que diferenzas hai entre as PCR e as probas rápidas? Por que as PCR son o instrumento principal, aínda que se trata dun proceso máis longo e complexo?

A proba máis eficaz para a detección do virus é a PCR. Con esta proba o que fas é extraer os ácidos nucleicos, porque neste caso é un virus ARN e debe ser extraído e transformado en ADN, para despois amplificalo e detectalo.

O problema dos PCR é que necesitas man de obra especializada, necesitas máis horas e necesitas unhas determinadas condicións de bioseguridade. En cambio, os tests rápidos son rápidos, como o di a propia palabra, non necesitas man de obra especializada e ademais pódense facer de forma masiva. En 10-15 minutos están feitos e son fáciles de ler. Hainos de dous tipos, para detectar antíxenos e para detectar anticorpos, que son os que se comezaron a distribuír agora.

Iso si, teñen unha fiabilidade menor, pero para ser útiles deben ter unha fiabilidade superior ao 80%. E no caso dos test de anticorpos, cando detecta anticorpos o que che di é que esa persoa ou ben estivo infectada ou ben nese momento está infectada.

"Sería moi importante utilizar os tests rápidos de forma masiva para ter un control de como penetrou a infección a nivel xeral na sociedade"

Como funcionan estes tests rápidos?

Son inmunocromatografías. Para dicilo de forma coloquial son como os tests de embarazo. A única limitación é que necesitas que os reactivos que están fixados nese soporte dos tests rápidos sexan altamente específicos, e como este virus apareceu hai tan pouco tempo, non foi doado contar con tests fiables nun prazo tan curto.

Que utilidade poden ter estas probas rápidas?

En primeiro lugar, serven para facer rapidamente enquisas epidemiolóxicas. Neste senso, sería moi importante utilizalos de forma masiva para ter un control de como penetrou a infección a nivel xeral na sociedade. E tamén serven para facer seguimento a enfermos; se ti tes, nunha residencia, a persoas que superaron a enfermidade, podes ir facendo un seguimento de forma rápida e sinxela, da situación de todos. Podes separar con facilidade ás persoas que superaron a enfermidade e ás que non. Facilita, polo tanto, facer un seguimento día a día, e non ter que andar agardando polos resultados das PCR.

Por que tardan tanto as PCR e a capacidade de España para facelas é limitada?

A principal limitación é a extracción dos ácidos nucleicos, que é o que está atrasando o proceso. Falamos ademais de material infeccioso, polo que primeiro hai que inactivar o virus e debes ter unha estrutura de bioseguridade, que é fundamental nestes casos. Hai poucos centros que teñan esa infraestrutura de bioseguridade, só aqueles que están afeitos a traballar con enfermidade de erradicación. 

Se ti tes todo preparado, os resultados poden estar en seis horas, pero por todo o anterior, o proceso estase alongando. Estase investigando para reducir o tempo que leva a extracción dos ácidos nucleicos, porque é que está bloqueando máis o proceso. O ideal sería poder facer PCR sen parar, de forma masiva, pero non é posible.

"Cunha única ferramenta de diagnóstico é imposible erradicar un proceso e cada ferramenta é útil dependendo do momento epidemiolóxico no que te atopes"

PCR e tests rápidos son, polo tanto, complementarios?

Cunha única ferramenta de diagnóstico é imposible erradicar un proceso e cada ferramenta é útil dependendo do momento epidemiolóxico no que te atopes. Ao comezo, o que necesitas é un diagnóstico directo: é dicir, identificar o microorganismo, como están facendo moi ben coas PCR. É a ferramenta de referencia, porque non necesitas que o microorganismo estea viable na mostra, porque o que estás detectando son ácidos nucleicos. E, ademais, estás indo a buscar directamente o microorganismo. Porén, despois, para controlar e erradicar a enfermidade necesitas identificar que persoas están infectadas pero son asintomáticas, porque doutro xeito non podemos cortar esa transmisión. Cantas máis ferramentas, mellor. Son complementarias e todas son necesarias para erradicar a enfermidade.

"A referencia debe ser a PCR e as outras vannos axudar a separar a poboación que ou ben está infectada ou que xa pasou a infección"

As PCR seguirán sendo a base para a detección, pero as probas rápidas poden axudarnos a coñecer mellor a enfermidade?

Cada unha delas ten unha limitación. A referencia debe ser a PCR e as outras vannos axudar a separar a poboación que ou ben está infectada ou que xa pasou a infección. Neste caso interésanos moito neste momento coñecer con exactitude se estas persoas que xa pasaron a enfermidade poden volver a infectarse, se xeran inmunidade, e se esta é permanente ou por que período de tempo. É moi importante neste momento saber que grao de protección temos

Tamén é importante saber se se poden empregar os anticorpos de persoas que superaron a enfermidade, e utilizalos como inmunidade pasiva noutras persoas, administrándolle ese soro para que poidan loitar contra a infección con esa axuda.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.